Saltar ao contido

Pimpín azul de Tenerife

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O pimpín azul de Tenerife[2] (Fringilla teydea) é unha especie de ave paseriforme da familia dos frinxílidos (Fringillidae). É un endemismo exclusivo da illa canaria de Tenerife. Considérase segundo unha lei do Goberno de Canarias, como animal símbolo da illa de Tenerife, xunto co drago como vexetal símbolo.[3]

Descrición

[editar | editar a fonte]

O pimpín azul de Tenerife parécese ao pimpín común, aínda que son notablemente máis grandes e teñen o bico más groso. Caracterízanse polo seu bico cincento e ter a plumaxe máis uniforme, na que salientan menos as ás escuras. As femias son dunha cor parda cincenta máis apagada, aínda que se distinguen das do pimpín común por teren as franxas das ás máis estreitas, mentres que os machos en época de cría son inconfundibles pola súa plumaxe azul,[4] que pasa a cincenta azulada o resto do ano.

Distribución xeográfica e hábitat

[editar | editar a fonte]

Este paxaro atópase só no interior da illa de Tenerife. O seu hábitat principal son os bosques de montaña de Pinus canariensis. A presenza da especie depende do tipo de sotobosque, con preferencia polo Chamaecytisus proliferus, e piñeirais con matos e estratos arbustivos de Myrica faya e Erica arborea, así como da existencia de piñeiros de certa madureza.[4] Prefire os hábitats cunha altitude de entre 1100-2000 m, aínda que descende a altitudes máis baixas cando vai mal tempo.[1]

Segundo algúns estudos, a súa orixe puido ser unha invasión de pimpíns vulgares procedentes de África na antigüidade, que co tempo evolucionaron nunha nova subespecie e especie debido ao seu illamento en Tenerife.[5]

Comportamento

[editar | editar a fonte]
Ovo de Fringilla teydea.

O seu canto é máis curto e feble que o do pimpín común e as súas chamadas durante o voo son más destacadas. Aliméntanse principalmente das sementes do piñeiro canario, pero a diferenza dos outros pimpíns, os seus pitos aliméntanse exclusivamente de insectos.[4] Crían de maio a xullo. Constrúen os seus niños nas pólas das árbores e poñen dous ovos. Son paxaros sedentarios e principalmente solitarios que forman pequenas bandadas fóra da época de cría, algunhas veces en compaña dos pimpíns comúns e outros frinxílidos.[4]

Reclasificación

[editar | editar a fonte]

Ata o ano 2015 o pimpín azul Fringilla teydea clasificábase dividíndoo en dúas subespecies: Fringilla teydea teydea de Tenerife e Fringilla teydea polatzeki localizada na rexión de montaña do suroeste da illa de Gran Canaria.[4] Porén, un estudo publicado en marzo de 2016 na revista Journal of Avian Biology, demostrou que se trata de dúas especies distintas e que deberían clasificarse como: Fringilla teydea e Fringilla polatzeki.[6]

  1. 1 2 BirdLife International (2016). "Fringilla teydea" (2016.3 ed.). Consultado o 17 de dicembro de 2016.
  2. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05.
  3. "Ley 7/1991, de 30 de abril, de símbolos de la naturaleza para las Islas Canarias". Arquivado dende o orixinal o 8 de agosto de 2011. Consultado o 11 de febreiro de 2010.
  4. 1 2 3 4 5 Clement, Peter; Harris, Alan; Davis, John (1993). Princeton University Press, ed. Finches and Sparrows. Princeton, Nova Jersey. pp. 167-168. ISBN 0-691-03424-9.
  5. "Pinzón azul | Especies de fauna | Tenerife". www.webtenerife.com. Consultado o 2022-08-25.
  6. George Sangster, Felipe Rodríguez Godoy, C. S. Roselaar, Magnus S. Robb y Jolanda A. Luksenburg. «Integrative taxonomy reveals Europe’s rarest songbird species, the Gran Canaria Blue Chaffinch Fringilla polatzeki

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]