Ten patas verdosas e curtas e peteiro fino e escuro. Os adultos reprodutores son marróns con liñas marrón escuras na parte superior e brancos pola parte inferior. Teñen unha liña clara sobre o ollo e unha parte superior da cabeza escura. En inverno son grises na parte superior. Os individuos novos teñen padróns máis vistosos na parte superior con coloración avermellada e liñas brancas.
Esta especie pode ser difícil de distinguir doutras aves costeiras diminutas similares. En particular, o pilro anano é moi similar á especie correspondente asiática, Calidris subminuta, da cal se diferencia pola súa aparencia máis compacta con pescozo máis curto, dedas máis curtas, ter cores algo máis apagados e unha barra na á máis forte.
O seu hábitat reprodutor son os lamazais e a tundra do norte de Norteamérica. Aniña no chan preto da auga. A femia pon catro ovos nunha depresión pouco profunda escavada no chan forrada con herba e musgos. Ambos os pais incuban; a femia abandona o niño antes de que as crías emplumen e ás veces mesmo antes de que eclosionen os ovos. As crías aliméntanse por si mesmas e poden voar ás dúas semanas de vida.
Aliméntase en chairas de barro, petirando a comida que ven, e ás veces sondando co peteiro. Comen principalmente pequenos crustáceos, insectos e caracois.