Pilar Albarracín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaPilar Albarracín
Biografía
Nacemento27 de setembro de 1968 Editar o valor em Wikidata (55 anos)
Sevilla, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Sevilla Editar o valor em Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Madrid Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónfotógrafa , artista , new media artist (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Premios

Páxina webpilaralbarracin.com Editar o valor em Wikidata

Pilar Albarracín, nada en Sevilla o 27 de setembro de 1968, é unha artista española coñecida polas súas actuacións, vídeos, debuxos, fotografías, bordados, collages e instalacións "enfocadas cara á construción cultural da identidade española, especialmente a da muller andaluza".[1]

A escritora Paula Achiaga noméaa como unha das artistas españolas máis controvertidas.[2] En palabras da crítica de arte Rosa Martínez Delgado "Pilar Albarracín desvela o drama das estruturas de dominación e pon en evidencia a violencia exercida sobre as mulleres. Mais non o fai desde un dogmatismo moralista, senón desde a ironía ou o sarcasmo de visións surreais e apropiacións xocosas".[3]

Traxectoria artística[editar | editar a fonte]

A obra de Albarracín examina a súa cultura e herdanza andaluzas, facendo referencia á sociedade e os seus símbolos. Nas súas actuacións incorpora a danza, en especial o flamenco, e o vestiario típico rexional. Hai tamén un compoñente de erotismo na súa obra. Albarracín interésase polo feminismo e a socioloxía.[4]

Rosa Martínez escribe que as mulleres representadas por Albarracín "foron todas utilizadas ou abusadas por un sistema que as considera bens inmóbeis ou bens de consumo".[3] Durante as súas actuacións, a miúdo transfórmase en arquetipos de mulleres españolas, como "campesiña, inmigrante, muller maltratada, ama de casa, bailarina flamenca ou cantadora de flamenco”.[5]Gran parte da obra de Albarracín trata sobre a muller ou situacións que inclúen mulleres. Por exemplo "Sangre en la calle" (1992), onde representa mulleres que foron vítimas de violencia en plena rúa.

Con outros medios, Albarracín tamén emprega a roupa feminina para facer as súas accións. Na súa actuación de 1999, Tortilla española, a artista cortaba o seu propio vestido e cociñábao nunha "cerimonia de auto-inmolación". En 2012, Albarracín creou "mandalas de roupa interior" para pezas orixinalmente utilizadas por familiares da artista.[6] A serie chamouse El origen del Nuevo Mundo. A artista comentou como a intersección do invisíbel, a roupa interior cotiá e a natureza sacra do mandala, producían unha sensación de ironía. Tamén provocaba a conversación: ao pedirlles aos seus familiares e amigos a súa roupa interior, induciunos a falar abertamente sobre a súa roupa e os seus corpos.[7]

Aínda que a súa obra non está exenta de seriedade, Albarracín difunde a súa visión artística como "chea de parodias e traxicomedias que se aproximan ao paroxismo catártico". Unha destas pezas é La cabra (2001), onde representa unha especie de "danza salvaxe" cunha bota chorreante.

Outras obras significativas súas son La Noche 1002/ The Night 1002 (Fotografía en cor; 125 x 186 cm), Lunares, 2004 (Vídeo, Galerie Valloise, París) o Prohibido El Cante, 2013 (Fotografía en branco e negro; 190 x 125 cm).

Albarracín trata os símbolos folclóricos andaluces con ironía e humor, aínda que se mostra a favor de tradicións non exentas de polémica, como as corridas de touros.[8]

Exposicións[editar | editar a fonte]

Un dos seus primeiros traballos incluíuse nunha exhibición colectiva chamada "100%", que tivo lugar no Museo de Arte Contemporánea de Sevilla (hoxe integrado no Centro Andaluz de Arte Contemporánea) en 1993 comisariada por Mar Villaespesa. "100%" foi considerada a primeira exposición feminista celebrada en España.[9] En maio de 2002, Albarracín participou na exposición colectiva Argent et valeur -- le dernier tabou (Diñeiro e valor -o último tabú), comisariada por Harald Szeemann para o pavillón do Swiss National Bank de Suíza na Expo.02. O foco desta exhibición estaba en examinar o valor do diñeiro en diferentes culturas e sociedades.[10]

El Nuevo Mundo, exposición celebrada na Galerie Georges-Philippe et Nathalie Vallois de París en 2012, foi o comezo do seu recoñecemento internacional como artista.[11] Nela exhibiu mandalas creados con medias que trataban de mostrar a construción cultural da muller española.[12] Volveu expola no ano 2014 na Galería Javier López & Fer Frances de Madrid.

Entre xuño e setembro de 2016 expuxo no Centro de Arte Contemporánea de Málaga Ritos de fiesta y sangre na que recompilaba a súa obra dos 15 anos precedentes.[13]

Na súa terceira exposición en solitario, La calle del infierno, Albarracín mergullouse na súa cidade natal, Sevilla, e nos seus personaxes tradicionais. Celebrada de novo na Galerie Georges-Philippe et Nathalie Vallois de París, as súas obras expuxéronse de marzo a abril de 2015.[14]

En 2017 presentou na Galerie Georges-Philippe et Nathalie Vallois de París Fandango por venas y arterias, Serie Anatomía Flamenca que consistiu nunha actuación de flamenco tradicional.[15]

A súa primeira retrospectiva celebrouse no Centro de Arte Tabacalera Promoción del Arte de Madrid entre novembro de 2018 e xaneiro de 2019.[16] Co nome de Que me quiten lo bailao recompiláronse os seus 25 anos de creación.[17]

A obra de Albarracín móstrase nas coleccións do Musée d'Art Moderne de la Ville de Paris, o Artium Museum, o Museo de Arte Contemporánea de Castela e León, o Centro Andaluz de Arte Contemporánea de Sevilla, o Centro de Arte Contemporánea de Málaga e noutras moitas coleccións privadas. En 2005 foi convidada á Bienal de Venecia[18] e á Moscow Biennale of Contemporary Art.[19]

As súas creacións exhibíronse tamén en lugares como o Macedonian Museum of Contemporary Art en Tesalónica (Grecia), o Contemporary Arts Center de Nova York, o Centre National d'Art et du Paysage de Vassivière ou o Modern Sanat Muzesi de Istambul. Outras exposicións significativas de Albarracín celebráronse na Fundación La Caixa (2002), as Reales Atarazanas de Sevilla (2004) e a Maison Rouge en París (2008).

En 2018 participou na exposición colectiva La NO comunidad organizada polo Concello de Madrid en CentroCentro, onde a modo de ensaio aborda o tema da soidade no tardocapitalismo.[20][21]

Exposicións individuais (selección)[editar | editar a fonte]

2014

  • Muro de geranios, Musée en Herbe, París, Francia.
  • El nuevo mundo. Galería Javier López, Madrid, España.
  • La Rue des pas perdus, Centre de Photographie de Lectoure, Comisario: François Saint Pierre Lectoure, Francia
  • Asnería Musée National Pablo Picasso La Guerre et la Paix, Musées Nationaux du XX° siècle des Alpes-Maritimes Comisario: Maurice Fréchuret, Sarah Ligner Vallauris, Francia.

2015

  • Coreografías para la salvación, Théâtre National de Chaillot, París, Francia.
  • La calle del infierno. Galerie Georges-Philippe & Nathalie Vallois, París, Francia.

2016

  • En Sevilla hay que morir, CAS Sevilla. Centro de las Artes de Sevilla. Instituto de la Cultura y de las Artes de Sevilla, Concello de Sevilla, Sevilla, España.
  • Ritos de fiestas y sangre, CAC Málaga. Centro de Arte Contemporánea de Málaga, Comisario: Fernando Francés, Málaga, España.
  • ¡Viva España!, MACBA Museo de Arte Contemporánea de Buenos Aires, Comisario: Aldo Rubino, Buenos Aires, Arxentina.

2017

  • Extractos de fuego y de veneno, Centro de Cultura Contemporánea La Madraza, Comisaria: Concha Hermano, Universidade de Granada, Granada, España.
  • Anatomía Flamenca, Galerie Georges-Philippe & Nathalie Vallois, París, Francia.

2018

  • Pilar Albarracín qué me quiten lo bailao, Tabacalera Promoción del Arte, Comisaria: Pía Ogea, Madrid, España.

2019

  • Pilar Albarracín, MAIIAM Contemporary Art Museum, Comisarios: Kittima Chareeprasit, Eric Bunnag, Jean-Michel Beurdeley Chiang Mai, Tailandia.
  • Recuerdos de España (Souvenir d’Espagne) Maison de la Culture d’Amiens, Festival Internacional de Cine, Amiens, Francia.

2020

  • Pilar Albarracín. No apagues mi fuego, déjame arder, Galerie Georges-Philippe & Nathalie Vallois, París, Francia.

2021

Publicacións[editar | editar a fonte]

Albarracín foi escollida para participar na serie Mécénat Altadis en 2002, onde se centrou na identidade e o status da muller na cultura andaluza. Neste traballo, a creadora válese da ironía para dar sentido a obxectos cotiáns como unha cazola ou un espello.[23]

En 2003 publicou Pilar Albarracín[24] e en 2008 Cadencia Mortal[25], resultado da exposición que leva a cabo en París e na que cuestiona a sociedade española, os roles tradicionais de xénero e a identidade sexual a través do vídeo, a actuación, a escultura, a fotografía e a instalación.

Publicou Recuerdos de España en 2010 para catalogar a súa exposición en Toquio, Xapón.[26]Utiliza os estereotipos chineses da cultura española dunha maneira sarcástica e irónica para revelar a natureza problemática do turismo a converter a cultura andaluza.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Inselmann, Andrea (2006). "Facade Projection: Pilar Albarracin". Cornell University. Consultado o 17 de xuño de 2015. 
  2. "Pilar Albarracín". Consultado o 26 de novembro de 2018. 
  3. 3,0 3,1 "Rosa Martínez. PILAR ALBARRACÍN". Arquivado dende o orixinal o 26 de agosto de 2016. Consultado o 26 de novembro de 2018. 
  4. "La obra de Pilar Albarracín | Tribuna Feminista". Tribuna Feminista (en castelán). 24 de decembro de 2017. Consultado o 3 de xullo de 2018. 
  5. "Pilar Albarracin". Consultado o 4 de xullo de 2018. 
  6. Mikcocki, Lara (8 de febreiro de 2013). "Underwear Mandalas by Pilar Albarracin". Arquivado dende o orixinal o 21 de xuño de 2015. Consultado o 18 de xuño de 2015. 
  7. "Pilar Albarracín, 'El nuevo mundo'" (en español). 9 de decembro de 2014. Consultado o 20 de xuño de 2015. 
  8. "Pilar Albarracín, Elm Street". 6 de marzo de 2015. 
  9. Medina, Pamela. "Entrevista a Mar Villaespesa" (en castelán). 
  10. Schaefer, Patrick. "l'art en jeu". art-en-jeu.ch. Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2018. Consultado o 5 de maio de 2018. 
  11. Vallois, Galerie Georges-Philippe & Nathalie. "Pilar Albarracin – 2012 – Expositions – Galerie Georges-Philippe & Nathalie Vallois" (en francés). Arquivado dende o orixinal o 03 de xullo de 2018. Consultado o 26 de marzo de 2021. 
  12. "Underwear mandalas by pilar albarracin" (en inglés). 8 de febreiro de 2013. Arquivado dende o orixinal o 22 de outubro de 2020. 
  13. "Pilar Albarracín - Centro de arte contemporáneo de Málaga" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2018. Consultado o 5 de maio de 2018. 
  14. "La calle del infierno | Exit Express". Exit Express (en castelán). 6 de marzo de 2015. Consultado o 3 de xullo de 2018. 
  15. "System.String Exhibitions and Events" (en inglés). 
  16. "Que me quiten lo bailao. Pilar Albarracín. Promoción del Arte". Consultado o 26 de novembro de 2018. 
  17. Riaño, Peio H. (22 de novembro de 2018). "“Ser artista también es un oficio, pero no se paga”". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 26 de novembro de 2018. 
  18. Oyster, ed. (2011). Encyclopedia of Women in Today's World. Thousand Oaks, California: Sage Publications, Inc. pp. 90. ISBN 978-1412976855. 
  19. Reilly, M; Nochlin, L. (2007). Global feminisms: new directions in contemporary art. Merrell. p. 267. ISBN 9780872731578. 
  20. ARTEINFORMADO (20180924). "La NO comunidad. A modo de ensayo sobre la soledad en el tardocapitalismo, Exposición, out 2018" (en castelán). Consultado o 16 de xaneiro de 2019. 
  21. "La NO Comunidad" (en castelán). Consultado o 17 de xaneiro de 2019. 
  22. "O Centro Galego de Arte Contemporánea presenta 'Accións peregrinas', da artista Pilar Albarracín". 25 de marzo de 2021. Consultado o 26 de marzo de 2021. 
  23. "Pilar Albarracin | Actes Sud" (en francés). Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2018. Consultado o 29 de marzo de 2018. 
  24. Pilar Albarracin. Reyes, Alvarez. Arles (Bouches-du-Rhône): Actes Sud. 2003. ISBN 2742742123. OCLC 402020256. 
  25. Mortal cadencia : Pilar Albarracín. Didi-Huberman, Georges., Maison rouge-Fondation Antoine de Galbert. Lyon, France. ISBN 9782849751299. OCLC 214304281. 
  26. Cervantes, Instituto. "Pilar Albarracín. Recuerdos de España" (en castelán). Consultado o 14 de maio de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]