Pietro Mennea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Pietro Mennea
Pietro Mennea, 2016 (cropped).PNG
Nome completoPietro Paolo Mennea
Nacemento28 de xuño de 1952
 Barletta
Falecemento21 de marzo de 2013
 Roma
Causacancro de páncreas
Soterradocimitero Flaminio
NacionalidadeItalia
Alma máterUniversity of Bari, Universidade de Salerno e Universidade de Chieti
Ocupaciónavogado, político, velocista e atleta
PremiosCommander of the Order of Merit of the Italian Republic e Grand Officer of the Order of Merit of the Italian Republic
editar datos en Wikidata ]

Pietro Paolo Mennea, nado en Barletta (Bari) o 28 de xuño de 1952 e finado o 21 de marzo de 2013, foi un velocista italiano, medalla olímpica en 1980 e posuidor do récord do mundo dos 200 metros lisos desde 1979 a 1996 (cunha marca de 19" 72).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mennea comezou a súa dilatada carreira atlética internacional no 1971, cando debuta nos Campionatos europeos con un terceiro posto nos relevos de 4x100 m. Fixo a súa estrea olímpica en Múnic, nos Xogos Olímpicos de 1972, na que acadou a final dos 200 m, especialidade na cal era moi forte. Logrou o terceiro posto, detrás do soviético Valery Borzov e o norteamericano Larry Black. Logo conseguiría estar noutras tres finais olímpicas na mesma especialidade.

Nos Campionatos europeos do 1974, Mennea obtén o ouro nos 200 m. diante do público paisano de Roma, e colocase segundo nos 100 m. (detrás de Borzov, un dos seus rivais históricos) e nos relevos de velocidade. Despois dalgunhas exhibicións desilusionantes, no 1976 Mennea decide renunciar aos Xogos Olímpicos, mais o público italiano protestou, e Mennea acudiu a Montreal. Foi quen de clasificarse para a final, porén veu como o ouro acababa nas mans do xamaicano Don Quarrie, mentres el acabou obtendo un algo inútil cuarto posto. O mesmo resultado acada nos relevos de 4x100, fallando por pouco para o bronce. No 1978, en Praga, defende con éxito o seu título europeo dos 200, pero mostrou os seus dotes para a distancia máis curta, na que esta vez vence.

No ano 1979, Mennea, estudante de Ciencias Políticas, participa nas competicións da Universíada, que se disputaban en México, cidade sita a grande altura sobre o nivel do mar. O tempo con que vence nos 200 m., 19"72, era o novo récord do mundo. Aínda que este récord durou 17 anos, estivo un tanto devaliado polo feito de ser obtido en altura elevada (máis debese notar que Mennea ostentou tamén o récord mundial a nivel do mar entre 1980 e 1983 con 19"96, tempo estabelecido na súa cidade natal, Barletta). O récord foi batido por Michael Johnson nos US Trials para os Xogos Olímpicos de 1996.

Como recorman mundial, Mennea era sen dúbida un dos favoritos para o ouro olímpico en Moscova, entre outras cousas polo boicot estadounidense aos Xogos Olímpicos de 1980. Na final dos 200, Mennea enfrontouse ao campión saínte Don Quarrie e máis ao campión dos 100 Allan Wells. Wells parecía dirixirse cara unha vitoria nidia mais Mennea achegóuselle na recta e foi quen de sobrepasalo nos últimos metros, levando o ouro por 2 centésimas de segundo.

O 22 marzo 1983, na pista do Comunale de Cassino estabeleceu o récord mundial dos 150 metros lisos, con 14.8 segundos. Este récord, aínda con toma manual, continúa sen ser batido.

Mennea, alcumado a Frecha do Sur, anunciou a súa retirada, para ter máis tempo para estudar. Con todo tivo un trasacordo e obtivo a medalla de bronce nos 200 e máis a de prata nos relevos 4X100 na primeira edición dos Campionatos do mundo de atletismo en Helsinqui 1983. Un ano despois, competía na súa cuarta final olímpica consecutiva dos 200 m., sendo o primeiro atleta no mundo que lograba tal fazaña. Nesta ocasión, aínda que era o campión saínte, terminou no sétimo posto e, á fin, retirouse das competicións por segunda vez. Porén Mennea retornou e compareceu nos Xogos Olímpicos de 1988, a súa quinta Olimpíada, sempre nos 200 m.

Logo de graduarse en Dereito, Ciencias Políticas e Ciencias da Educación, exerceu a profesión de avogado e máis de profesor universitario de Dereito do Deporte. Foi elixido para o Parlamento Europeo en 1999.

No 2006 xunto a súa muller, Manuela Olivieri, creou a entidade Fondazione Pietro Mennea Onlus per la Ricerca e lo Sport, con obxectivos primeiramente de carácter filantrópico (doazóns de asistencia social e de investigación médico-científica); como obxectivo secundario, de carácter cultural, difundir o deporte e os seus valores. Pietro Mennea é citado na canción de Samuele Bersani "Che vita".