Lingua piemontesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Piemontés»)
Piemontés
Piemontèis
Falado en: Italia Italia
Rexións: Piemonte
Total de falantes: Sobre dous millóns
Familia: Indoeuropeo
Itálico
Romance
Occidental
Galoitálico
Piemontés
Estatuto oficial
Lingua oficial de: En ningún país
Regulado por: Non está regulado
Códigos de lingua
ISO 639-1: --
ISO 639-2: roa
ISO 639-3: pms
Mapa
Status

O piemontés está clasificado como definitivamente en perigo polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[1]

O piemontés[2] é unha lingua románica con máis de 2 millóns de falantes en Piemonte, no noroeste de Italia. Pertence ao grupo occidental das linguas romances como o catalán, o galego e o francés e atópase xeograficamente preto das linguas rexionais do norte de Italia, como o lombardo, o emiliano-romañol, o lígur ou o véneto.

Lingüistas de prestixio de todo o mundo (por exemplo, Einar Haugen, Hans Göbl, Helmut Lüdtke, George Bossong, Klaus Bochmann, Karl Gebhardt, Guiu Sobiela Caanitz ou Gianrenzo P. Clivio) recoñecen o piemontés como lingua independente, aínda que en Italia sexa a miúdo considerado, aínda hoxe, como un dialecto italiano. Actualmente, o piemontés non está recoñecido como lingua oficial.

Historia[editar | editar a fonte]

Os primeiros documentos en lingua piemontesa, os sermones subalpini, foron escritos no século XII, cando a lingua era aínda moi parecida ao occitano. O piemontés literario desenvolveuse nos séculos XVII e XVIII, porén non tivo o éxito do francés ou do italiano, outras linguas utilizadas no Piemonte. Con todo, a produción da literatura en piemontés non cesou nunca e comprende varios xéneros, dende a poesía ao teatro e dende as novelas ás obras científicas.

Características[editar | editar a fonte]

Entre as características máis notables da lingua piemontesa pódense citar:

  • Presenza de pronomes verbais, que dan á frase piemontesa a forma seguinte: (suxeito) + pronome verbal + verbo, como en mi i von [eu vou]. Os pronomes verbais non se utilizan unicamente na forma imperativa e na "forma interrogativa piemontesa". Por exemplo: mi i von, [eu vou].
  • Forma aglutinante dos pronomes verbais, poden ligarse ás partículas dativas e locativas. Por exemplo: a-i é [hai], i-j diso [eu dígolle]
  • Forma interrogativa, engade unha partícula enclítica interrogativa ao fin da forma verbal. Por exemplo: Veus-to? [Queres?]
  • Ausencia de números ordinais a partir do número sete. Por exemplo "sétimo" dise Col che a fà set [Aquilo que fai sete]
  • Co-presenza de tres interxeccións afirmativas (é dicir, de tres modos para dicir "si"): Si, sè (da forma latina sic est, como en italiano); É (da forma latina est), como no galego; Òj (da forma latina hoc est) como en occitano ou illud est como en francoprovenzal e francés)
  • Ausencia do son "ch" (como no francés "champ" [campo] ou "x" no galego "caixa" [caixa]), substituído normalmente por "S" (como en "sol").
  • Presenza da combinación gráfica S-C (pronunciada como en os chineses)
  • Presenza do son N- (como no galego "unha"), que normalmente precede unha vocal, como en lun-a [lúa]
  • Presenza da sexta vogal piemontesa Ë, un son "neutro" que corresponde a "e" en francés.
  • Ausencia da alternancia fonolóxica que existe en italiano entre as consoantes curtas (sinxelas) e as consoantes longas (dobres), por exemplo, it. fata [fada] e fatta [feita].
  • Presenza do son Ë protético, que se interpón cando dúas consoantes se atopan creando unha combinación de pronuncia difícil. Por exemplo, stèila [estrela] vólvese set ēstèile [sete estrelas].

O piemontés ten varios dialectos, algúns bastante diferentes da "koiné" rexional. As variacións inclúen non só variacións con respecto á gramática literaria, senón tamén unha gran variedade léxica xa que zonas diversas conservan palabras de orixe xermánica herdadas das linguas dos francos ou dos longobardos. Existen tamén achegas léxicas de varias linguas, mesmo das linguas magrebís, pero a maioría das achegas máis recentes veñen de Francia.

Situación actual[editar | editar a fonte]

Como noutras partes de Italia, o italiano é a lingua predominante na comunicación diaria. O emprego da lingua piemontesa non foi nunca favorecido primeiro polo Reino de Italia e tampouco posteriormente, oficialmente para evitar a discriminación contra os numerosos inmigrados do Sur de Italia, sobre todo en Turín. Con todo, en 2004, o piemontés foi recoñecido como lingua rexional do Piemonte polo parlamento rexional, mais sen ningún recoñecemento polo goberno central italiano. En teoría, é posible ensinar o piemontés aos nenos no colexio, pero na práctica isto é pouco frecuente.

Na última década asistiuse á publicación de material didáctico para os colexios, así como tamén de revistas para o gran público. Tamén se organizaron cursos para os adultos que xa están fóra do sistema escolar para recuperar o tempo perdido. Non obstante estes progresos, a situación actual do piemontés é bastante grave posto que, segundo unha enquisa recente,[3] nos últimos 150 anos a porcentaxe de persoas que coñecen a lingua escrita diminuíu até un 2% dos falantes nativos. Por outra banda, a mesma enquisa sinalou que o piemontés segue sendo falado por máis da metade da poboación. Este resultado foi confirmado por fontes prestixiosas, que indican o número de falantes oscila entre 2 millóns (Assimil[4]) e 3 millóns (Ethnologue[5]), sobre unha poboación de 4,2 millóns de habitantes. Os esforzos para obter o recoñecemento do piemontés como unha das linguas oficiais dos Xogos Olímpicos de inverno 2006 de Turín non tiveron éxito.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para piemontés.
  3. "Coñecemento do piemontés na cidade e provincia de Turín por Euromarket". Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2006. Consultado o 07 de novembro de 2009. 
  4. Il Piemontese in Tasca, curso elemental e guía de conversación en lingua piemontesa, publicado por Assimil Italia en 2006
  5. O piemontés en Ethnologue

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]