Saltar ao contido

Pie Eugène Neveu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaPie Eugène Neveu

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento23 de febreiro de 1877 Editar o valor en Wikidata
Gien, Francia Editar o valor en Wikidata
Morte17 de outubro de 1946 Editar o valor en Wikidata (69 anos)
París, Francia Editar o valor en Wikidata
Bispo titular
11 de marzo de 1926 –
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónIgrexa católica Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónbispo católico (1926–), sacerdote católico (1905–) Editar o valor en Wikidata
Orde relixiosaCongregación dos Agostiños da Asunción Editar o valor en Wikidata
Consagración21 de abril de 1926, Michel d'Herbigny Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteMoskovskaia entsiklopedia: Litsa Moskvi Editar o valor en Wikidata

Pie Eugène Joseph Neveu, nado en Gien o 24 de febreiro de 1877 e finado en París o 17 de outubro de 1946, foi un eclesiástico francés, relixioso asuncionista e bispo, quen foi administrador apostólico de Moscova.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Eugène Joseph Neveu naceu en Gien o 24 de febreiro de 1877,[1] o fillo maior dunha familia modesta e numerosa (dezaseis irmáns); o seu pai era traballador nunha fábrica de louza.[1] Estudou na escola diúrna de Saint-Joseph de Gien, no seminario menor de Orleáns, e posteriormente entrou na Congregación dos Agostiños da Asunción en 1895, tomando o nome relixioso de Pie, en homenaxe a san Pío V e ao cardeal Pie, opositor do liberalismo.[1] En 1897, fixo a profesión perpetua en Xerusalén, e continuou os seus estudos de filosofía e teoloxía en Notre-Dame-de-France.[1] En 1901 converteuse en profesor no seminario eslavo de Karaağaç, e recibiu a ordenación sacerdotal en Constantinopla o 18 de marzo de 1905.[1]

Dende aquel momento a súa vida estivo consagrada ao apostolado no mundo eslavo e oriental: despois de ser profesor no colexio de Varna, e máis tarde capelán da Congregación de Nosa Señora da Caridade do Bo Pastor en San Petersburgo,[1] pasou a ser en 1907 párroco de Makiivka, na conca mineira do río Donets, onde os seus fregueses eran principalmente directivos ou traballadores cualificados franceses e belgas, con contratos de expatriados;[1] alí fixo construír unha pequena igrexa de pedra, que foi consagrada en 1915. Tamén substituíu ao cura de Yenakiieve que, sendo de orixe alemá, fora detido. O padre Neveu escoitaba as confesións en ruso, lingua que dominaba á perfección. Foi nesta situación onde viviu os dramáticos acontecementos que afectaron a Rusia, desde o inicio da primeira guerra mundial ata a toma do poder polos bolxeviques,[1] quen pronto comezaron unha persecución a gran escala das comunidades cristiás, ortodoxas e outras: a pequena xerarquía católica foi completamente eliminada e descabezada, despois do xuízo espectáculo de marzo de 1923 organizado por Grigori Zinoviev e Nikolai Krylenko que resultou no encarceramento do bispo Jan Cieplak, do seu vigairo Konstanty Budkiewicz (fusilado), e do bispo Leonid Fedorov, entre outros. Porén, o mesmo ano, Neveu enviou un memorando ao comisario do pobo para Asuntos Exteriores de Ucraína Khristian Rakovskii, recomendando o estabelecemento de lazos diplomáticos entre a Rusia bolxevique e a Santa Sé e a defensa dos intereses dos fieis.

Preocupado pola situación, o papa Pío XI enviou a Rusia ao xesuíta Michel d'Herbigny, quen, ao seu paso por Berlín, foi consagrado en segredo ao episcopado polo nuncio apostólico Eugenio Pacelli.[1] A misión de monseñor d'Herbigny era ir con algún pretexto a Rusia e consagrar alí varios bispos e administradores apostólicos para reconstituír unha xerarquía católica, aínda que fose clandestina.[1]

Neveu foi elixido para a sé de Moscova, e foi consagrado bispo o 21 de abril de 1926 na igrexa de San Luís dos franceses por monseñor d'Herbigny, a porta pechada, co título de bispo titular (in partibus) de Citrus.[1] En teoría tiña, polo tanto, baixo a súa xurisdición case todo o territorio da URSS e tres bispos que tamén estaban consagrados en segredo e que estiveron a maior parte do tempo presos: Boļeslavs Sloskāns, Antoni Malecki, e Alexander Frison. Na práctica, non tivo medios para exercer a súa función.

Logo de que dera a coñecer a súa consagración en outubro de 1926, monseñor Neveu foi sometido a un acoso constante pola policía política, manténdose ao tempo con protección extraoficial da embaixada francesa, na que practicamente vivía.[1] Isto lle permitía realizar o seu apostolado o mellor posible con algúns fieis en Moscova, entre eles a Kamilla Krushelnitskaia, quen sería fusilada en 1937. En 1933, monseñor Jean de Guébriant conseguiu o permiso de visitar a monseñor Neveu no seu apartamento vixiado.

En 1934, puido trasladarse a Francia para participar na peregrinación nacional a Lourdes, e despois dirixirse a Roma onde o papa o recibiu longamente.[1] De regreso á Rusia soviética en 1935, consagrou alí como bispo en segredo a Jean Amoudru, sacerdote da igrexa da Nosa Señora de Lourdes en Leningrado.[2] Finalmente, tivo que volver a Francia por motivos de saúde en 1936.[1] Neveu coincidiu por última vez con monseñor d'Herbigny en Lisieux con motivo da solemne bendición da basílica de Santa Teresa polo legado papal, o cardeal Pacelli, o 11 de xullo de 1937 ao remate do XI Congreso Eucarístico Nacional.

Incapaz de obter un visado que lle permitira regresar á URSS, rematou os seus días en Francia, prestando servizo en varias dioceses.[1] Finou o 17 de outubro de 1946 en París,[1] logo dunha cerimonia relixiosa celebrada na igrexa de Saint-Pierre-de-Chaillot. Sepultado en París, o seu corpo foi trasladado o 16 de maio de 1954 á igrexa de Santa Xoana de Arco en Gien.

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 Périer-Muzet, Jean-Paul. "Bishop PIE NEVEU, A.A. (1877-1946)". Augustinians of the Assumption - US Region, North America Province (assumptio.com) (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13/01/2024. Consultado o 17/01/2025. 
  2. Codevilla, Giovanni. L'impero sovietico: (1917-1990) (en italiano). Jaca Book. ISBN 9788816802858. Neveu il 30 Aprile 1935 conferisce segretamente l'ordinazione episcopale anche a un altro coadiutore per quella diocesi, il domenicano francese Jean-Baptiste Amoudru