Pictichromis diadema
| Pictichromis diadema | |||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
|
Sinonimia
Pseudochromis diadema Lubbock & Randall, 1978[1] | |||||||||||||||||||
|
Conservación
| |||||||||||||||||||
| Clasificación taxonómica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||||||||||||||
Pictichromis diadema (antes chamado Pseudochromis diadema) é unha especie de peixe da familia Pseudochromidae. O nome procede do latín pictus, que significa pintado ou coloreado, e do grego chromis, un xénero de peixes pomacéntridos.[1] Este peixe é principalmente amarelo cunha banda púrpura que corre lonxitudinalmente ao longo de todo o corpo polo lombo chega á aleta dorsal e acaba no pedúnculo caudal.
Descrición
[editar | editar a fonte]Este peixe ten un corpo alongado case cilíndrico e pode medir entre 5 e 10 cm. Caracterízase polo seu rechamante corpo amarelo que contrasta cunha banda ancha rosa ou violeta avermellada/púrpura que se estende desde a boca cara atrás por toda a parte superior do corpo, acabando preto do pedúndulo caudal.[2] A banda púrpura esténdese ata o extremo da mandíbula na maioría dos machos, pero nas femias acaba preto dos labios. Os ollos son grandes e escuros, con manchas brancas no iris. As rechamantes cores da súa pel débebse á presenza de eritro-iridóforos, células pigmentadas especialziadas que contñen pigmentos carotenoides avermellados e plaquetas reflectivas similares ás dos iridóforos. Estas células pigmentadas xeran a iridescencia do peixe, xa que teñen tons metálicos que reflicten a luz. A estes cromatóforos débense os tons violetas avermellados desta especie e permiten sutís cambios de cor dependendo das condicións de iluminación e do fondo da escena. Estas capacidades de cambio de cor poden ser útiles para a camuflaxe e a sinalización social.[3] Este peixe pode cambiar de aparencia e cor durante os estadios xuvenís e adultos e xeralmente sofren dous cambios de cor durante o seu desenvolvemento. Nos estadios xuvenís empezan sendo unha larva algo translúcida e desenvolven unha cor cincenta clara cando se establecen no seu hábitat dos arrecifes de coral. Cando chegan a adultos, imitan os peixes amarelos do arrecife. Esta mudanza de cor ocorre debido a un xene que lles permite expresar varios pigmentos ao longo das súas etapas vitais.[4]
Esta especie podería confundirse con Pictichromis paccagnellae, que ten unha aparencia similar púrpura e amarela. A característica que serve para distinguilos é que a banda púrpura ao longo do dorso de P. diadema é continua, mentres que a coloración do corpo de P. paccagnellae está dividida pola metade, tendo unha metade púrpura e a outra amarela. Morfoloxicamente, os membros do xénero Pictichromis foron asignados á familia Pseudochromidae baseándose en caracteres pigmentarios e esqueléticos diagnóstico. Estre estes están a presenza de mandíbulas ben desenvolvidas, aletas dorsais continuas, e padróns de coloración vivos que os distinguen de especies de pseudocrómidos estreitamente relacionadas.
Taxonomía e sistemática
[editar | editar a fonte]Pictichromis diadema é un pequeno peixe dos arrecifes de coral da familia Pseudochromidae. Esta familia contén varias subfamilias e P. diadema está clasificado na subfamilia Pseudochrominae, a cal comprende peixes de coral de rechamantes cores principalmente da rexión do Indo-Pacífico. O xénero Pictichromis comprende varias especies relacionadas como P. paccagnellae, P. porphyrea e P. dinar. Todos teñen padróns de dúas cores vivos, corpos alongados e comportamento territorial. Aínda que anteriores clasificacións suxerían que a familia Pseudochromidae podería ser parafilética, posteriores análises atoparon que son monofiléticos se se inclúen os Congrogadidae, unha familia relacionada de peixes de coral con forma de anguía. Estudos recentes seguen apoiando a idea de que P. diadema é unha especie distinta dentro do seu grupo monofilético, que comparte características anatómicas como unha aleta dorsal continua, mandíbulas fortes e dimorfismo sexual.
Esta especie atópase en arrecifes de coral do Pacífico centrooccidental, leste da península Malaia, e nas augas do oeste das Filipinas, estendéndose tamén polo leste cara a Papúa Nova Guinea.[1] Atópanse entre os 5 e os 30 m de profundidade. Hai padróns bioxeográficos repetidos entre varios grupos de pseudocrómidos, que suxiren que Australia pode representar unha área basal dentro dunha distribución máis ampla indo-pacífica, desde a cal se puideron orixinar peixes relacionados.[5] Hoxe en día, son un peixe popular de acuario debido ao seu pequeno tamaño e atractivas cores.[6] Xeralmente, na familia Pseudochromidae os machos son de cores máis rechamantes que as femias; isto significa que ás veces os machos están excesivamente explotados e son retirados selectivamente dos seus hábitats naturais para o comercio de acuario.[7] Para combater este asunto, un cambio cara á crianza en catividade está axudando a que volvan aumentar as poboacións naturais deste peixe. Dado que agora a maioría destes peixes nacen e críanse en catividade, estarían na clasificación do “nivel tres de catividade” [8]
Historia vital
[editar | editar a fonte]Son peixes especialmente agresivos que xeralmente atacan especies relacionadas.[8] Debido a este comportamento agresivo, ocasionalmente viven en pequenos grupos territoriais nos ambientes mariños, pero nos acuarios xeralmente son peixes solitarios. Son peixes mesopredadores dos arrecifes que se alimentan de macroinvertebratdos crípticos, que son invertebrados pequenos camuflados, e de crías de peixes.[9] Os membros da familia Pseudochromidae poñen ovos adhesivos no fondo que se pegan aos substratos ou uns a outros por medio de finos filamentos que son como ganchos. Os ovos son coidados polo macho ata eclosionaren. As temperaturas cálidas da auga poden ter un efecto sobre a abundancia de crías destes peixes, xa que certos estudos observaron que se encontran en maior número nos seus hábitats durante os meses cálidos. Nas especies máis primitivas da familia, os filamentos engánchanse á superficie do ovo usando estruturas oblongas, mentres que en grupos máis avanzados, como pseudoplesiopinos e anisocrominos, os filamentos forman grupos apertados preto do micrópilo. Estas diferenzas mostran os cambios evolutivos na familia, aínda que estruturas do ovo similares en peixes de coral non relacionados, como os apogónidos e pomacéntridos, indican que estas características probablemente evolucionaron independentemente.[10] Aínda que hai poucos estudos sobre o ciclo vital completo de P. diadema, especies similares, como Pseudochromis flavivertex teñen unha vida media de 5 a 7 anos na natureza. A idade de P. diadema determínase polo exame dos seus otólitos, que teñen aneis que indican os anos de vida.
En estudos experimentais determinouse que varias especies do xénero poden realizar cambios de sexo bidireccionais, o que significa que os individuos poden cambiar de macho a femia e de femia a macho. Isto representa a primeira evidencia de cambio de sexo funcional confirmado en ambas as direccións na familia Pseudochromidae. Esta flexibilidade nos papeis reprodutivos probablemente proporciona a esta especie vantaxes adaptativas para manter as parellas reprodutoras e estruturas sociais estables nos ambientes coralinos.[11] O cambio de sexo funcional pode ser beneficioso para os peixes porque axuda a maximizar a produtividade e pode mesmo axudar á recuperación das poboacións en certos grupos.
Estado de conservación
[editar | editar a fonte]
Aínda que a especie non se considera en perigo, algunhas especies de peixes poden ser vulnerables debido á interferencia humana. [12] Como xa se mencionou, os machos son ás veces capturados selectivamente nos seus hábitats naturais para o comercio de acuario. Poderían tamén verse afectados polo cambio climático e o incremento das temperatras oceánicas no futuro. Dependen moito do seu sentido da olfacción para a detección de presas, e algúns estudos encontraron que están sendo afectados negativamente polo incremento das concentracións de CO2, as temperaturas e a acidificación do océano.[13] Aínda que os estudos sobre os efectos do cambio climático sobre esta especie como predadora son limitados, existe certamente a posibilidade de que estes peixes sexan afectados cando o seu hábitat empece a cambiar. O aumento das temperaturas oceánicas pode igualmente afectar o hábitat no cal se encontran, orixinando o branqueamento e morte dos corais se as temperaturas soben moito.[14] O declive da diversidade de especies nos arrecifes debido ao cambio climático leva producíndose desde 1990 (ver figura).
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 Froese, Rainer; Pauly, Daniel, eds. (xuño de 2018). "Pictichromis diadema". FishBase (en inglés).
- ↑ Goda, M.; Kuriyama, T. (2021). "Physiological and Morphological Color Changes in Teleosts and in Reptiles". En Hashimoto, H.; Goda, M.; Futahashi, R.; Kelsh, R.; Akiyama, T. Pigments, Pigment Cells and Pigment Patterns. Singapore: Springer. pp. 387–423. ISBN 978-981-16-1489-7. doi:10.1007/978-981-16-1490-3_13.
- ↑ Goda, M.; Ohata, M.; Ikoma, H.; Fujiyoshi, Y.; Sugimoto, M.; Fujii, R. (2011). "Integumental reddish-violet coloration owing to novel dichromatic chromatophores in the teleost fish, Pseudochromis diadema". Pigment Cell & Melanoma Research 24 (4): 614–617. PMID 21501419. doi:10.1111/j.1755-148x.2011.00861.x.
- ↑ Cortesi, F.; Musilová, Z.; Stieb, S. M.; Hart, N. S.; Siebeck, U. E.; Cheney, K. L.; Salzburger, W.; Marshall, N. J. (2016). "From crypsis to mimicry: changes in colour and the configuration of the visual system during ontogenetic habitat transitions in a coral reef fish". Journal of Experimental Biology. doi:10.1242/jeb.139501 (inactivo 14 de novembro de 2025).
- ↑ RANDALL D. MOOI; ANTHONY C. GILL (xuño de 2004). "Notograptidae, sister to Acanthoplesiops Regan (Teleostei: Plesiopidae: Acanthoclininae), with comments on biogeography, diet and morphological convergence with Congrogadinae (Teleostei: Pseudochromidae)". Zoological Journal of the Linnean Society 141 (2): 179–205. doi:10.1111/j.1096-3642.2004.00119.x.
- ↑ Olivotto, I.; Rollo, A.; Sulpizio, R.; Avella, M.; Tosti, L.; Carnevali, O. (2006). "Breeding and rearing the Sunrise Dottyback Pseudochromis flavivertex: the importance of live prey enrichment during larval development". Aquaculture 255 (1–4): 480–487. Bibcode:2006Aquac.255..480O. doi:10.1016/j.aquaculture.2006.01.007.
- ↑ Atkinson, D. E.; Roach, P. J.; Schwedes, J. S. (1975). "Metabolite concentrations and concentration ratios in metabolic regulation". Advances in Enzyme Regulation 13: 391–411. PMID 1976. doi:10.1016/0065-2571(75)90027-8.
- 1 2 Teletchea, F. (2016). "Domestication level of the most popular aquarium fish species: is the aquarium trade dependent on wild populations?". Cybium 40 (1): 21–29.
- ↑ Palacios-Narváez, S. (2022). Trophic niche partitioning of small coral reef mesopredators (Family: Pseudochromidae) in the Red Sea: a multi-method approach based on visual analysis, DNA metabarcoding, and stable isotope analysis (Tese). KAUST Research Repository. doi:10.25781/KAUST-84W28.
- ↑ Mooi, Randall D. (1990). "Egg Surface Morphology of Pseudochromoids (Perciformes: Percoidei), with Comments on Its Phylogenetic Implications". Copeia (2): 455–475. Bibcode:1990Copei1990..455M. JSTOR 1446351. doi:10.2307/1446351.
- ↑ Matthew L. Wittenrich, Philip L. Munday "Bi-Directional Sex Change in Coral Reef Fishes from the Family Pseudochromidae: An Experimental Evaluation," Zoological Science, 22(7), 797-803, (1 de xullo de 2005)
- ↑ Faizan, H. (28 de marzo de 2025). Dottyback (family Pseudochromidae) - Ocean Info - Ocean Info. Ocean Info. https://oceaninfo.com/animals/dottyback/
- ↑ Draper, Alex M.; Weissburg, Marc J. (2019). "Impacts of Global Warming and Elevated CO2 on Sensory Behavior in Predator-Prey Interactions: A Review and Synthesis". Frontiers in Ecology and Evolution. 7 (número de artigo: 72). doi:10.3389/fevo.2019.00072.
- ↑ Pratchett, Morgan S.; Hoey, Andrew S.; Wilson, Shaun K. (2014). "Reef degradation and the loss of critical ecosystem goods and services provided by coral reef fishes". Current Opinion in Environmental Sustainability 7: 37–43. Bibcode:2014COES....7...37P. doi:10.1016/j.cosust.2013.11.022.
| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pictichromis diadema |
