Picaxuncos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Picaxuncos
C. j. cursitans (Batticaloa, Sri Lanka)
C. j. cursitans (Batticaloa, Sri Lanka)
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Cisticolidae
Xénero: Cisticola
Especie: Cisticola juncidis
(Rafinesque, 1810)

O picaxuncos[2][3] ou carriza dos xuncos[4][5] (Cisticola juncidis) é un paxaro amplamente distribuído no Vello Mundo, desde o sur de Europa, a África (excepto nos desertos e selvas) e ao sur de Asia ata o norte de Australia. En Galicia é unha especie nativa e común.[3] É un pequeno paxaro que se encontra principalmente en zonas de pradeira, doado de identificar pola súa mitra marrón avermellada; ademais, carece de colar dourado e a súa cola amarronada ten os extremos brancos. Durante a estación reprodutora, os machos realizan unha exhibición de voo zigzagueante acompañada dunhas chamadas regulares, que foron comparadas co ruído de abrir e pechar tesoiras. Constrúen un niño con forma de bolsa nunha mata de herbas.

Taxonomía e sistemática[editar | editar a fonte]

C. j. uropygialis (Dakar, Senegal)

O picaxuncos ou carriza dos xuncos foi descrita polo naturalista Constantine Samuel Rafinesque en 1810 que lle deulle o nome de Sylvia juncidis. A localidade tipo é Campofelice di Roccella en Sicilia.[6][7] O actual xénero Cisticola procede da palabra do grego antigo kisthos, "cistácea", e do latín colere, "habitar, morar". O nome específico juncidis tamén é latino e é o diminutivo de iuncus, 'xunco'.[8] Aínda que un dos seus nomes galegos é "carriza" dos xuncos, non ten nada que ver co outro páxaro chamado carriza ou carrizo, que é outra especie que pertence a outra familia, a dos troglodítidos.

Ao longo da súa ampla área de distribución, obsérvanse varias variacións nas poboacións e recoñecéronse 18 subespecies. Diferéncianse lixeiramente nas súas chamadas, plumaxe e tamaño e algúnhas foron consideradas especies separadas nalgúns tratamentos taxonómicos. A forma nominal encóntrase no sur de Francia, Grecia, Turquía, Sicilia, Córsega e Exipto, mentres que no oeste de Portugal e España vive a subespecie cisticola. A poboación en Palestina, Siria, Iraq e Irán é a neuroticus, mentres que no norte e leste de África a poboación é a uropygialis ou a perennius (máis ao sur). Gabón, Angola e o sur de África son o fogar da subespecie terrestris. A poboación das montañas Ghats occidentais da India é a salimalii, que non mostra unha variación na cola estacional como na cursitans das chairas da India e da zona seca de Sri Lanka, que ten unha cola máis longa na estación non reprodutora. A poboación malaya encóntrase no sueste de Asia, a tinnabulans máis ao norte no sur da China, mentres que a brunniceps se encontra en Corea e Xapón. Outras poboacións son: nigrostriatus (Filipinas), constans (Sulawesi, Indonesia), fuscicapilla (leste de Xava), leanyeri (norte de Australia), normani (noroeste de Queensland, Australia) e laveryi (nordés de Australia).[9]

Este xénero ás veces divídese en varios e á familia que os acolle dáselle o nome de Cisticolidae (tradicionalmente Cisticola estaba dentro da familia Silvidae).

Descrición[editar | editar a fonte]

Ten unha lonxitude de 10 a 12 cm.[10] É marrón pola parte superior, con moitas liñas con marcas negras. A parte inferior é abrancazada, e a cola é ancha, con extremos brancos e móvea frecuentemente. Os machos adultos teñen menos liñas no píleo e máis marcas negras que as femias, pero non hai grandes diferenzas entre os sexos ou entre as dezaoito razas xeográficas. A ausencia dun colar nucal diferéncio do Cisticola exilis. Fóra da estación reprodutora, adoitan vagar entre as herbas e pode ser difícil velos.[11][12]

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Esta especie encóntrase principalmente en hábitats de pradeira, xeralmente preto da auga. A maioría das poboacións son residentes, pero algunhas pobaocións do leste de Asia migran ao sur a zonas máis cálidas en inverno. Nos Himalayas, ascenden a uns 1900 m de altura durante o verán, pero permanecen por debaixo dos 1300 m en inverno. Esta especie é unha ave vagante rara no norte de Europa, principalmente como un visitante de primavera que chegou demasiado ao norte. A súa área en Europa está xeralmente en expansión, aínda que as poboacións do norte son especialmente susceptibles aos invernos duros.[13]

Ovo da especie na coleccións do Museo de Historia Natural de Toulouse

Comportamento e ecoloxía[editar | editar a fonte]

Son aves insectívoras moi pequenas, que ás veces se encontran en pequenos grupos. A estación reprodutora está asociada coas chuvias. En moitas rexións crían dúas veces no ano.[14] Os machos son políxinos, mais algúns son monógamos.[15] O macho constrúe a estrutura inicial do niño no profundo das zonas de herbas, e invita as femias usando unha exhibición especial. As femias que aceptan que o macho complete o niño. O niño faise unindo follas vivas nun tecido suave de feltro feito de plantas, arañeiras e herbas. O niño ten forma de copa cun dosel de follas ou herbas atadas por riba como camuflaxe. Poñen de 3 a 6 ovos. A femia incuba os ovos, os cales eclosionan uns 10 días despois. Poden criar máis dunha rolada de pitos.[11] As femias cambian de parella frecuentemente e raramente permanecen no mesmo territorio, mentres que os machos son menos móbiles.[16] As femias poden ás veces reproducirse no seu primeiro ano.[17][18]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Cisticola juncidis". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Dicionario Digalego picaxuncos Arquivado 11 de novembro de 2018 en Wayback Machine.
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carriza. Ver Frases e expresións con carriza > carriza dos xuncos.
  5. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  6. Rafinesque, Constantine Samuel (1810). Caratteri di alcuni nuovi generi e nuove specie di animali e piante della Sicilia (en Italian). Palermo: Per le stampe di Sanfilippo. p. 6. 
  7. Mayr, Ernst; Cottrell, G. William, eds. (1986). Check-list of Birds of the World. Volume 11. Cambridge, Massachusetts: Museum of Comparative Zoology. p. 114. 
  8. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 109, 212. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  9. Mayr, E; Traylor, M A, Jr; Watson, G A (1986). Check-List of birds of the world. Volume 11. Museum of Comparative Zoology, Cambridge Massachusetts. pp. 114–117. 
  10. Ryan, P. (2017). del Hoyo, J.; Elliott, A.; Sargatal, J.; Christie, D.A.; de Juana, E., eds. "Zitting Cisticola (Cisticola juncidis)". Handbook of the Birds of the World Alive. Lynx Edicions. Consultado o 27 August 2017. 
  11. 11,0 11,1 Ali, S & Ripley, S D (1997). Handbook of the Birds of India and Pakistan. Volume 8 (2nd ed.). New Delhi: Oxford University Press. pp. 31–35. 
  12. Rasmussen, Pamela C; Anderton, J C (2005). Birds of South Asia. The Ripley Guide. Volume 2. Smithsonian Institution and Lynx Edicions. p. 468. 
  13. Nemeth, A & Vadasz, C S (2008). "First record of the Zitting Cisticola (Cisticola juncidis Rafinesque, 1810) in Hungary" (PDF). Opusc. Zool. Budapest 37: 89–90. 
  14. Avery, M L (1982). "Nesting biology, seasonality, and mating system of Malaysian fantail warblers" (PDF). Condor 84: 106–109. JSTOR 1367830. doi:10.2307/1367830. 
  15. Ueda, Keisuke (1984). "Successive nest building and polygyny of Fan-tailed Warblers Cisticola juncidis". Ibis 126 (2): 221–229. doi:10.1111/j.1474-919X.1984.tb08001.x. 
  16. Ueda, K (1986). "A Polygamous Social System of the Fan-tailed Warbler Cisticola juncidis". Ethology 73 (1): 43–55. doi:10.1111/j.1439-0310.1986.tb00998.x. 
  17. Ueda, K (2008). "Juvenile female breeding of the Fan-tailed Warbler Cisticola juncidis: occurrence of two generations in the year". Ibis 127 (1): 111–116. doi:10.1111/j.1474-919X.1985.tb05041.x. 
  18. Yamagishi, S; Ueda, K (1986). "Simultaneous territory mapping of male fan-tailed warblers (Cisticola juncidis)" (PDF). Journal of Field Ornithology 57 (3): 193–199. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]