Saltar ao contido

Picafollas de Pallas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Picafollas de Pallas

Exemplar co sobrecú amarelo claro visible. República dos Buriatos, Rusia.
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Phylloscopidae
Xénero: Phylloscopus
Especie: Phylloscopus proregulus
(Pallas, 1811)
Área de distribución de P. proregulus     Reprodutores      Non reprodutores
Área de distribución de P. proregulus     Reprodutores      Non reprodutores

Área de distribución de P. proregulus     Reprodutores      Non reprodutores

O picafollas de Pallas[2] (Phylloscopus proregulus) é unha ave paseriforme que se reproduce en bosques de montaña desde o leste de Siberia ao norte de Mongolia e noroeste da China. Recibe o seu nome en lembranza do zoólogo alemán Peter Simon Pallas, que foi o primeiro en describilo formalmente. Este picafollas é unha ave fortemente migratoria, que pasa o inverno principalmente no sur da China e áreas veciñas do sueste asiático, aínda que nas últimas décadas detéctase en número crecente en Europa en outono.

É un dos picafollas paleárticos máis pequenos, e ten unha cabeza relativamente grande e cola curta. Ten partes superiores verdosas e inferiores brancas, un sobrecú amarelo limón, e barras alares dobres, lista superciliar e liña central na coroa amarelas. É similar en aparencia a outros varios picafollas asiáticos, incluíndo algúns que eran formalmente considerados subespecies súas, aínda que as súas distintivas vocalizacións axudan a identificalos.

A femia constrúe un niño cupuliforme nunha árbore ou arbusto, e pon de catro a seis ovos que incuba durante 12 ou 13 días, despois do cal eclosionan. Os polos son alimentados principalmente pola femia e empluman cando teñen 12 ou 14 días de idade; entón ambos os pais tráenlles alimento durante aproximadamente unha semana. É unha ave insectívora, alimentándose de insectos adultos, e de larvas e pupas de pequenos insectos e arañas. As aves buscan alimento en arbustos e árbores, apañándoo nas follas ou capturando presas en curtos voos ou mentres planan. Ten unha ampla área de distribución, e o seu número considérase estable. Por tanto, está avaliado como en situación "pouco preocupante" pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN).

Taxonomía

[editar | editar a fonte]
O picafollas de Pallas en Heligoland, Alemaña.

O nome galego de picafollas de Pallas lembra o zoólogo alemán Peter Simon Pallas, que o atopou no río Ingoda de Siberia en maio de 1772, nunha expedición científica liderada por el e patrocinada por Catalina a Grande, realizada entre 1768 e 1774.[3] El deulle a esta nova especie o nome Motacilla proregulus cando finalmente publicou os seus descubrimentos en 1811.[4] O nome actual do xénero, Phylloscopus, provén do grego antigo phullon, 'folla', e skopos, 'buscador' (de skopeo, 'ollar'). O adxectivo de especie proregulus vén do grego pro, 'preto de', e do nome regulus, que se utiliza para a especie similar estreliña dos piñeiros, Regulus regulus.[5]

O xénero Phylloscopus, descrito primeiramente polo zoólogo alemán Friedrich Boie en 1826, comprende unhas 50 especies de pequenos picafollas insectívoros dos bosques do Vello Mundo que son verdosos ou marróns pola parte dorsal e amarelados, brancos ou beixes pola parte ventral. O xénero formaba parte antes da familia Sylvidae, pero agora foi colocdo nunha familia separada, os Phylloscopidae.[6]

Dentro do seu xénero, o picafollas de Pallas pertence a un grupo de especies asiáticas diminutas similares caracterizadas por un sobrecú amarelo, unha forte liña superciliar (liña sobre o ollo), dobres barras alares e unha banda na coroa da testa,[7] que antes foran separadas no xénero Abrornis, pero que actualmente se manteñen dentro de Phylloscopus.[8][9]

O picafollas de Pallas foi antes tratado como un complexo de varias subespecies, sendo a subespecie nomeada P. p. proregulus, que se reproduce no norte de Asia, e as outras subespecies reprodúcense moito máis ao sur a elevada altura nas montañas desde o oeste dos Himalaias e cara ao leste ata o oeste da China (Yunnan e polo norte ata Gansu e Hebei).[10][11] Aínda que naturalistas de campo como Gilbert White no século XVIII e William Edwin Brooks no XIX, sinalaron a grande importancia das chamadas para distinguirmos picafollas que a miúdo son moi similares,[12][13] durante moitos anos as súas ideas non foron sempre aceptadas pola comunidade ornitolóxica.[14] Máis recentemente, as vocalizacións foron considerándose cada vez máis importantes en taxonomía. No caso das subespecies anteriores do picafollas de Pallas, aínda que só diferían lixeiramente en plumaxe, as formas do sur eran moi distintivas vocalmente. As súas cancións e chamadas difiren das da raza nomeada, e as análises de ADN feitas desde 2006 confirmaron que estas formas son o suficientemente distintas como para que hoxe sexan tratadas como especies separadas, deixando así ao picafollas de Pallas como un taxon monotípico. As especies que se separaron son:[11][15][16][17]

A área de reprodución do P. kansuensis e do P. yunnaensis solápanse no sur de Gansu, pero as especies están separadas ecoloxicamente: P. kansuensis atópase en hábitats boscosos de árbores máis altos e o P. yunnaensis utiliza hábitats máis baixos, a miúdo arbustivos.[11][18] Parece que o picafollas de Pallas diverxeu de P. yunnaensis hai de 4,1 a 5,5 millóns de anos, e das outras subespecies anteriores hai uns 1,7–3,2 millóns de anos.[16]

Descrición

[editar | editar a fonte]
Exemplar mostrando as bandas da cabeza. Ave invernando en Treviso, Italia.

O picafollas de Pallas é un dos picafollas máis pequenos, cunha cabeza grande e cola curta,[19] 9-10 cm de longo e 4-7 g de peso, lixeiramente máis pequeno que o picafollas bilistado e apenas máis longo que a estreliña dos piñeiros. Ten partes superiores verdosas e inferiores brancas, pero é moi rechamante polas súas prominentes dobres barras amarelas nas cobertoiras alares, lista superciliar e banda central na coroa amarelas intensas, e sobrecú amarelo limón.[19][20] O bico é marrón anegrado cun ton amarelado nos bordos de corte e na base da mandíbula inferior, o iris é marrón, e as patas son marróns cun ton verde ou agrisado.[18] Aínda que o sobrecú amarelo é obvio cando o paxaro está na vexetación baixa ou planando, noutras circunstancias adoita ser difícil de ver.[19]

En Asia, o picafollas de Pallas pode distinguirse das súas subespecies anteriores polas súas bandas da cabeza, barras alares e gorxa máis amarelas e polas súas diferentes vocalizacións.[20] Outros picafollas asiáticos de sobrecú amarelo lembran ao de Pallas; os Phylloscopus pulcher e Phylloscopus subviridis son máis grandes, verdes apagados por arriba e menos fortemente marcados, e as barras alares son, respectivamente, beixes e brancas, non amarelas. O Phylloscopus maculipennis ten marcas grises na cabeza, face e gorxa, e partes ventrais amarelas.[18]

Os sexos do picafollas de Pallas teñen plumaxe similar, pero os exemplares non reprodutores son dun verde algo máis brillante por riba e teñen bordos anchos e intensos nas súas plumas de voo. Os xuvenís son iguais que os adultos, pero teñen un ton marrón na parte dorsal, e partes ventrais brancas agrisadas e unha liña superciliar máis apagada. Os adultos teñen unha muda completa despois da reprodución en agosto ou setembro antes de migraren ao sur. Os xuvenís e adultos pre-reprodutores teñen unha muda parcial en marzo ou abril, substituíndo toda a plumaxe do corpo e algunhas plumas da cola.[18]

Cantan a súa canción desde un pousadoiro agochado preto da parte alta dunha árbore.[21] É forte e prolongada, cunha mestura de asubíos, soando como tirrit-tirrt-tirrit-terchii-chu-chu-chii-chii-chii ou similar, con algunhas frases que lembran as do canario, e intercalación de trilos. Dura de 2 a 4 segundos e pode sentirse nos seus cuarteis de inverno e cántana os paxaros que se están a reproducir.[22] A chamada é un curto e suave dju-ii.[18] En contraste, as anteriores subespecies teñen cancións bastante diferentes, con repenicos mantidos durante varios segundos ou ás veces minutos. As súas chamadas son normalmente monosilábicas, agudas e nítidas.[23][24]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]
Bosques da taiga siberiana

O picafollas de Pallas reprodúcese en Siberia desde os Montes Altai cara so leste ata o mar de Okhotsk, norte de Mongolia, nordés da China e posiblemente Corea do Norte. É unha ave fortemente migratoria e pasa o inverno principalmente no sur da China subtropical, norte de Tailandia e noutras partes do noroeste de Indochina.[20] É raro pero anual no Xapón.[21]

O picafollas de Pallas reprodúcese en bosques da taiga de coníferas con abetos, píceas, piñeiros e lárices, ou en bosques mixtos de salgueiros, amieiros, e unha alta porcentaxe de coníferas. No sur e oriente distante de Rusia reprodúcese desde o nivel do mar ata os 1500–1700 m. En inverno usa unha ampla variedade de hábitats, incluíndo os bosques caducos e zonas arbustivas así como de coníferas, e pode atoparse en vales de ríos ata o nivel do mar.[18][20]

Outros desprazamentos

[editar | editar a fonte]
Tomada da ilustración de John Gould de 1837 do "Regulus dálmata". Gould fixo o esbozo preliminar e a súa esposa Elizabeth completou a pintura final detallada.[25]

Agora o picafollas de Pallas aparece regularmente en Europa en outono. O primeiro rexistro europeo coñecido foi cazado en 1829 en Dalmacia, agora Croacia, pero John Gould, que o describiu formalmente, non se decatou que a especie xa se descubrira en Asia, e nomeouna como "Regulus dálmata" (Regulus modestus).[26] O ornitólogo alemán Heinrich Gätke, que en 1837 se trasladou á illa de Heligoland, entón británica, e permaneceu alí uns cincuenta anos, mostrou segidamente que varias especies asiáticas, incluíndo algún ocasional picafollas de Pallas, atopábanse regularmente alí en outono.[27][28]

No oeste distante de Europa, o primeiro picafollas de Pallas do Reino Unido cazouse en 1896,[29] aínda que o segundo non se atopou ata 1951.[30] Por tanto, esta especie fíxose cada vez máis común, deixando de ser unha rareza nacional a finais de 1990.[31] En 2003, por exemplo, rexistráronse 313 exemplares en Gran Bretaña.[32] Tamén aparece polo menos anualmente en Suecia, Finlandia e Dinamarca.[33] Está incluída na lista das aves ibéricas.

A maioría dos picafollas de Pallas atopados en Europa son aves no seu primeiro ano,[33] e propuxéronse varias razóns para o grande incremento do seu número en outono. No pasado, estes paxaros eran xeralmente considerados vagantes ou migrantes inversos, pero máis recentemente pénsase que están realizando unha migración regular, aproveitando o clima oceánico suave do bordo occidental de Europa para parsaren o inverno.[34] Un fallo nesa teoría é que moitos destes paxaros deberían invernar en España, especialmente no noroeste (Galicia), pero é raro alí e tende a aparecer no leste. Por tanto, o ornitólogo español Eduardo de Juana propuxo que unha vez que os picafollas chegan ao noroeste de Europa, despois reoriéntanse a unha dirección sur e leste.[35]

Fóra de Europa esta ave rexistrouse como vagante no norte de África (Tunisia[1] e Marrocos), oeste de Asia (Israel, Turquía e Irán), Asia central (Usbequistán e Taxiquistán), sueste asiático (Bangladesh e Taiwan), e Alasca.[20]

Comportamiento

[editar | editar a fonte]

O picafollas de Pallas non é tímido, pero o seu estilo de vida moi discreto e arbóreo fai que sexa difícil de observar, especialmente en follaxe mesto. Está en constante movemento e adoita planar brevemente como unha estreliña dos piñeiros, aínda que máis frecuentemente,[22] e pode ás veces pendurarse cabeza abaixo.[19]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

A nidificación prodúcese de xuño a xullo, e poñen os ovos desde a metade de xuño. O niño constrúeo a femia nunha conífera, usualmente preto do tronco a 0,5–10 m sobre o chan, ás veces nun arbusto. É unha copa redonda ou elíptica feita de pauciños, follas e outra vexetación e forrada con materiais máis finos, como plmas, pelo ou herbas finas.[20] Poñen de catro a seis ovos con pintas grises azuladas e incúbaos a femia.[36] Eclosionan en 12–13 días, e os polos empluman aos 12–14 días de idade. Son alimentados principalmente pola femia, mentres están no niño, pero fano ambos os proxenitores durante unha semana despois de emplumaren. No sur da súa área de distribución, unha parella pode ás veces criar unha segunda rolada. O teritorio de reprodución en Siberia central é usualmente de 3–5 ha, infrecuentemente de ata 10 ha.[20]

O picafollas de Pallas, como outros membros do seu xénero, é vítima do parasitismo de posta do cuco Cuculus optatus.[37] O ovo do cuco é de aparencia similar, aínda que máis grande, comparado cos da especie hóspede.[36]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Como os seus parentes, é unha especie insectívora, alimentándose de insectos adultos e as súas larvas e pupas incluíndo moscas, avelaíñas e áfidos; tamén comen arañas. Buscan alimento en arbustos e árbores, apañando presas nas follas ou capturándoas en voos curtos ou mentres planan. Cando non se están reproducindo, poden unirse a bandadas mixtas de alimentación xunto con páridos, estreliñas dos piñeiros e outros picafollas.[20][22] En Asia, as especies que os acompañan poden tamén ser zosterópidos, Pericrocotus e timálidos.[38]

Conservación

[editar | editar a fonte]

O picafollas de Pallas ten unha ampla área de distribución, e aínda que as tendencias da poboación global non foron cuantificadas, a súa cantidade crese que é estable. Esta especie non está próxima ao limiar do criterio de declive da poboación da Lista Vermella da IUCN (que é, un declive de máis do 30 % en dez anos ou tres xeracións). Por estas razóns, a IUCN avalíaa como en situación "pouco preocupante".[1]

O picafollas de Pallas está moi espallado, é común e abundante en Rusia e noroeste da China. Rexistráronse densidades de reprodución de ata 35–50 parellas/km2 no sueste de Rusia, con cifras só lixeiramene inferiores en Siberia. É localmente común en partes dos seus territorios de invernada no sueste asiático.[20]

  1. 1,0 1,1 1,2 BirdLife International (2016). "Phylloscopus proregulus" 2016: e.T22734364A95083830. doi:10.2305/IUCN.UK.2016-3.RLTS.T22734364A95083830.en. 
  2. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05. 
  3. Masterson, James R; Brower, Helen (1947). "Bering's Successors, 1745–1780. Contributions of Peter Simon Pallas to the History of Russian Exploration toward Alaska". Pacific Northwest Quarterly 38 (1): 35–83. JSTOR 40486763. 
  4. Pallas, Peter Simon (1811). Zoographia Rosso-Asiatica (en latín) 1. Saint Petersburg: Imperial Academy of Sciences. p. 499. 
  5. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. pp. 305, 318. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  6. Alström, Per; Ericson, Per G P; Olsson, Urban; Sundberg, Per (2006). "Phylogeny and classification of the avian superfamily Sylvioidea". Molecular Phylogenetics and Evolution 38 (2): 381–397. PMID 16054402. doi:10.1016/j.ympev.2005.05.015. 
  7. Baker (1997) pp. 252–253.
  8. Gray, John Edward (1846). Catalogue of the specimens and drawings of mammalia and birds of Nepal and Thibet. Presented by B.H. Hodgson to the British Museum. Londres: British Museum. p. 66. 
  9. Baker (1997) p. 282.
  10. Williamson, Kenneth (1976). Identification for Ringers 2 (PDF). Field guide 8. Tring, Herts: British Trust for Ornithology. pp. 8, 13–15. 
  11. 11,0 11,1 11,2 del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi; Christie, David A; de Juana, Eduardo, eds. (2013). "Family Sylviidae Old World Warblers". Handbook of the Birds of the World Alive. Barcelona: Lynx Edicions. 
  12. White, Gilbert (1840). The natural history of Selborne: with observations on various parts of nature, and the naturalist's calendar. Londres: J Chidley. p. 38. 
  13. Brooks, William Edwin (1894). "A few observations on some species of Phylloscopus". Ibis 6 (22): 261–268. doi:10.1111/j.1474-919X.1894.tb07751.x. 
  14. Alexander, Horace Gundry (1955). "Field notes on some Asian leaf-warblers" (PDF). British Birds 48 (11): 293–299. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2023-01-24. Consultado o 2016-09-26. 
  15. Alström, Per (2006). "Species concepts and their application: insights from the genera Seicercus and Phylloscopus" (PDF). Acta Zoologica Sinica. 52 (Supplement): 429–434. 
  16. 16,0 16,1 Martens, Jochen; Tietze, Dieter Thomas; Eck, Siegfried; Veith, Michael (2004). "Radiation and species limits in the Asian Pallas's Warbler complex (Phylloscopus proregulus s.l.)". Journal of Ornithology 145 (3): 206–222. doi:10.1007/s10336-004-0042-9. 
  17. Alström, P.; Rheindt, F.E.; Zhang, R.; Zhao, M.; Wang, J.; Zhu, X.; Gwee, C.Y.; Hao, Y.; Ohlson, J.; Jia, C.; Prawiradilaga, D.M.; Ericson, P.G.P.; Lei, F.; Olsson, U. (2018). "Complete species-level phylogeny of the leaf warbler (Aves: Phylloscopidae) radiation". Molecular Phylogenetics and Evolution 126: 141–152. PMID 29631054. doi:10.1016/j.ympev.2018.03.031. 
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 18,5 Baker (1997) pp. 283–285.
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 Mullarney, Killian; Svensson, Lars; Zetterstrom, Dan; Grant, Peter (1999). Birds of Europe. Londres: HarperCollins. pp. 334–335. ISBN 0-00-219728-6. 
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 20,4 20,5 20,6 20,7 20,8 del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi; Christie, David A; de Juana, Eduardo, eds. (2013). "Pallas's Leaf-warbler (Phylloscopus proregulus)". Handbook of the Birds of the World Alive. Barcelona: Lynx Edicions. 
  21. 21,0 21,1 Brazil, Mark (2009). Birds of East Asia. Londres: A & C Black. p. 356. ISBN 978-0-7136-7040-0. 
  22. 22,0 22,1 22,2 Simms, Eric (1985). British Warblers (New Naturalist Series). Londres: Collins. pp. 338–340. ISBN 0-00-219810-X. 
  23. del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi; Christie, David A; de Juana, Eduardo, eds. (2013). "Lemon-rumped Leaf-warbler (Phylloscopus chloronotus)". Handbook of the Birds of the World Alive. Barcelona: Lynx Edicions. 
  24. del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi; Christie, David A; de Juana, Eduardo, eds. (2013). "Chinese Leaf-warbler (Phylloscopus yunnanensis)". Handbook of the Birds of the World Alive. Barcelona: Lynx Edicions. 
  25. Jenkins, Alan C (1978). The Naturalists: Pioneers of Natural History. Londres: Hamish Hamilton. pp. 84–86. ISBN 0-241-89999-0. 
  26. Gould, John (1837). Birds of Europe 2. Londres: self-published. p. 149. 
  27. Seebohm, Henry (1877). "On the Phylloscopi or Willow-Warblers". Ibis 19 (1): 66–108. doi:10.1111/j.1474-919X.1877.tb06167.x. 
  28. Seebohm, Henry (1877). "Supplementary notes on the ornithology of Heligoland". Ibis 19 (2): 156–165. doi:10.1111/j.1474-919X.1877.tb06176.x. 
  29. Southwell, Thomas (1896). "Occurrence of Phylloscopus proregulus in Norfolk". The Zoologist 20: 466–467. 
  30. Ennion, Eric (1952). "Pallas's Warbler at Monks' House, Northumberland" (PDF). British Birds 45 (7): 258–260. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2023-01-24. Consultado o 2016-09-27. 
  31. Rogers, Michael J; the Rarities Committee (1992). "Report on rare birds in Great Britain in 1991" (PDF). British Birds 85 (10): 507–555. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2023-01-24. Consultado o 2016-09-27. 
  32. Fraser, Peter A; Rogers, Michael J (2006). "Report on scarce migrant birds in Britain in 2003 Part 2: Short-toed Lark to Little Bunting" (PDF). British Birds 99 (3): 129–147. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2023-01-24. Consultado o 2016-09-27. 
  33. 33,0 33,1 Snow, David; Perrins, Christopher M., eds. (1998). The Birds of the Western Palearctic concise edition 2. Oxford: Oxford University Press. pp. 1324–1325. ISBN 0-19-854099-X. 
  34. Gilroy, James; Lees, Alex (2003). "Vagrancy theories: are autumn vagrants really reverse migrants?" (PDF). British Birds 96 (9): 427–438. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2023-01-24. Consultado o 2016-09-14. 
  35. de Juana, Eduardo (2008). "Where do Pallas's and Yellow-browed warblers (Phylloscopus proregulus, Ph. Inornatus) go after visiting northwest Europe in autumn? An iberian perspective" (PDF). Ardeola 55 (2): 179–192. 
  36. 36,0 36,1 "Phylloscopus proregulus, Pallas's Warbler, Cuculus saturatus, Cuculus optatus, Oriental Cuckoo" (en ruso e inglés). Museo Zoolóxico da Universidade de Moscú. 24 de setembro de 2010. Consultado o 20 de setembro de 2016. 
  37. Johnsgard, Paul A (1997). The Avian Brood Parasites: Deception at the Nest. Oxford: Oxford University Press. p. 196. ISBN 0-19-535499-0. 
  38. Zhang, Qiang; Han, Richou; Huang, Zhongliang; Zou, Fasheng (2013). "Linking vegetation structure and bird organization: response of mixed-species bird flocks to forest succession in subtropical China". Biodiversity and Conservation 22 (9): 1965–1989. doi:10.1007/s10531-013-0521-5. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]