Philip Roth

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Philip Roth
Philip Roth - 1973.jpg
Nome completo Philip Milton Roth
Nacemento 19 de marzo de 1933
  Newark
Falecemento 22 de maio de 2018
  Manhattan
Causa Insuficiencia cardíaca
Soterrado Bard College
Nacionalidade Estados Unidos de América
Etnia xudeus estadounidenses e Pobo xudeu
Relixión Xudaísmo e ateísmo
Educado en Universidade Rutgers, Weequahic High School, Universidade de Chicago, Universidade Bucknell e Universidade de Chicago
Ocupación escritor, novelista, guionista, catedrático de universidade, ensaísta, autor e escritor de ciencia ficción
Cónxuxe Claire Bloom
Premios Bolsa Guggenheim, National Medal of Arts, Medalha Nacional de Humanidades, Premio Franz Kafka, Premio Príncipe de Asturias das Letras, Prémio Médicis estrangeiro, National Book Award for Fiction, Prémio PEN/Faulkner de Ficção, National Book Award for Fiction, Prémio Pulitzer de Ficção, Prémio PEN/Faulkner de Ficção, Common Wealth Award of Distinguished Service, Prémio Médicis estrangeiro, James Fenimore Cooper Prize, Prémio PEN/Nabokov, Prémio PEN/Faulkner de Ficção, Prémio Internacional Man Booker, Emerson-Thoreau Medal, Library of Congress Living Legend, Comendador da Lexión de Honor, New Jersey Hall of Fame e Lexión de Honra
editar datos en Wikidata ]

Philip Milton Roth, nado en Newark (Nova Jersey) o 19 de marzo de 1933 e finado en Nova York o 22 de maio de 2018, foi un escritor estadounidense de orixe xudía, coñecido sobre todo polas súas novelas, aínda que tamén escribiu contos e ensaios. Entres as súas obras máis coñecidas atópanse Goodbye, Columbus, Portnoy's Complaint (1969) e a súa «triloxía americana», publicada na década 1990, e composta polas novelas Pastoral americana (1997), gañadora do Pulitzer, I Married a Communist (1998) e The Human Stain (2000).

Moitas das súas obras reflicten os problemas de asimilación e identidade dos xudeus dos Estados Unidos, o que o liga con outros autores estadounidenses como o premio Nobel Saul Bellow ou Bernard Malamud, que tamén tratan nas súas obras as experiencias dos xudeus norteamericanos.

Unha gran parte da obra de Roth explora a natureza do desexo sexual e a autocomprensión. A súa ficción caracterízase polo monólogo íntimo, pronunciado cun sentido do humor rebelde e a enerxía histérica asociada ás veces co heroe e o narrador de Portnoy's Complaint (1969), a novela que lle deu a fama.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Roth creceu no barrio de Weequahic, en Newark, como o segundo fillo dunha familia xudeu-estadounidense que acababa de emigrar desde a rexión de Galicia. Despois de graduarse no ensino medio superior aos dezaseis anos, Roth foi á universidade de Bucknell, onde obtivo o grao BA en lingua inglesa. Comezou o doutoramento en Filosofía, que non chegou a rematar, e fixo un posgraduado na Universidade de Chicago, obtendo un mestrado en literatura inglesa para logo traballar brevemente como instrutor no programa de escritura da universidade. Comezou despois a dar clases de escritura creativa na Universidade de Iowa e en Princeton. Posteriormente continuou a exercer de profesor na Universidade de Pensilvania, onde deu clases de literatura comparada ata retirarse definitivamente da docencia en 1992.

Durante a súa estadía en Chicago Roth coñeceu o novelista Saul Bellow e a Margaret Martinson, que se convertería na súa primeira esposa. Aínda que se separaron en 1963 e ela faleceu nun accidente automobilístico cinco anos despois, o seu matrimonio disfuncional deixou unha forte pegada na súa escritura. Martinson foi a inspiración para a personaxe feminina en varias das súas novelas, incluíndo Maureen Tarnopol en My Life As a Man e moi probablemente Mary Jane Reed en Portnoy's Complaint.

Entre a fin dos seus estudos e a publicación da súa primeira novela en 1959, Roth serviu dous anos no exército e escribiu contos e críticas para varias revistas, mesmo recensións cinematográficas para The New Republic. O seu primeiro libro, Goodbye, Columbus, que contén cinco relatos e unha novela breve, gañou o prestixioso National Book Award en 1960. Despois publicou dúas novelas longas pouco lidas e non foi ata a publicación da súa terceira novela, Portnoy's Complaint, en 1969, cando atopou o éxito, tanto de vendas como de crítica.

Durante a década de 1970, Roth experimentou con varios estilos, desde a sátira política ata a fantasía kafkiana. Contra o final da década, Roth crear un alter ego chamado Nathan Zuckerman, que foi o protagonista de varias novelas autorreferenciais aparecidas entre 1979 e 1986.

En 1990 casou coa actriz inglesa Claire Bloom; separáronse catro anos máis tarde e en 1996 ela publicou unhas memorias dos anos de matrimonio, pouco amables para Roth, tituladas Leaving a Doll's House.

Un dos períodos máis frutíferos na carreira literaria de Roth comezou con Operation Shylock (1993) e seguiu con Sabbath's Theater (1995), onde presentou o seu protagonista máis decadente na figura dun vello monicrequeiro. Esta personaxe está en total contraste coa súa novela American Pastoral, que se centra na vida dun atleta e da traxedia que lle supera cando a súa filla se converte nunha terrorista. En I Married a Communist (1998) a trama ten lugar na era de McCarthy; en The Human Stain examina a situación política estadounidense da década e The Dying Animal (2001) é unha novela curta que explora achegamentos coa dicotomía do eros e o thanatos.

Roth publicou dous libros autobiográficos, The Facts (1988), onde narra as súas lembranzas desde a infancia ata que se converte nun reputado novelista e Patrimony: A True Story (1991), no que conta a morte do seu pai a causa dun tumor cerebral. Este libro gañou o National Book Critics Circle Award.

Philip Roth é probablemente o autor máis premiado da súa xeración. Dúas das súas novelas gañaron o National Book Award e outras dúas foron finalistas. A mesma situación dáse co galardón do National Book Critics Circle. Tamén gañou dous premios do PEN Club e un premio Pulitzer pola súa novela American Pastoral en 1997. No 2001 The Human Stain obtivo o premio británico WH Smith Literary como libro do ano. O crítico Harold Bloom opinou en 2003 que Roth era un dos catro escritores estadounidenses vivos máis importantes en activo, xunto con Thomas Pynchon, Don DeLillo e Cormac McCarthy.[1] The Plot Against America (2004) gañou o Sidewise para historia alternativa, ademais do premio da Sociedade Estadounidense de Historiadores e outro WH Smith Literary Award. En outubro de 2005 colocáronse placas na súa honra na súa cidade local e en maio de 2006 recibiu o Premio Nabokov do PEN Club.

O ano 2012 recibiu o Premio Príncipe de Asturias das Letras. Antes da cerimonia de entrega, a que non asistiu por mor dunha recente operación de columna,[2] Roth declarou á revista francesa Les Inrockuptibles que deixaba de escribir e que Nemesis sería o seu "último libro".[3] Lori Glazer, vicepresidenta de Hougton Mifflin, a editorial que publica as obras de Roth, confirmou o 9 de novembro a decisión do autor[4]

Influencia e importancia[editar | editar a fonte]

A carreira literaria de Roth nos Estados Unidos é tan influente e prolífica que existe unha revista semestral chamada Philip Roth Studies[5] auspiciada por Purdue University Press e pola Philip Roth Society (que non está afiliado de modo ningúan con Roth ou os seus editores).

A principios de 2006, Sam Tanenhaus, director de The New York Times Book Review enviou unha breve carta na que pedía a un cento de escritores, críticos, editores e outros estudosos da literatura que identificasen a mellor obra de ficción estadounidense publicada nos últimos vinte e cinco anos. Dos vinte e dous libros citados polos participantes[6] seis eran de Roth: American Pastoral, The Counterlife, Operation Shylock, Sabbath’s Theater, The Human Stain e The Plot Against America. Os resultados[7] publicáronse o 21 de maio dese ano e no ensaio que os acompañaba o crítico A.O. Scott, dicía: "Se buscásemos o mellor escritor dos últimos vinte e cinco anos, gañaría el".[8]

Obra[editar | editar a fonte]

Novelas[editar | editar a fonte]

Zuckerman[editar | editar a fonte]

  • My Life As a Man (1974)
  • The Ghost Writer (novela)|The Ghost Writer (1979)
  • Zuckerman Unbound (1981)
  • The Anatomy Lesson (1983)
  • The Prague Orgy (1985)
  • The Counterlife (1986)
  • Pastoral americana (1997), traducido ao galego por Fernando Moreiras e publicada en 2013 polo selo Faktoría K, pertencente a Kalandraka[9].
  • I Married a Communist (1998)
  • The Human Stain (2000)
  • Exit Ghost (2007)

Kepesh[editar | editar a fonte]

  • The Breast (1972)
  • The Professor of Desire (1977)
  • The Dying Animal (2001)

Outras[editar | editar a fonte]

  • Goodbye, Columbus (1959)
  • Letting Go (1962)
  • When She Was Good (1967)
  • Portnoy's Complaint (1969)
  • Our Gang (novela)|Our Gang (1971)
  • The Great American Novel (1973)
  • Deception: A Novel (1990)
  • Operation Shylock (1993)
  • Sabbath's Theater (1995)
  • The Plot Against America (2004)
  • Everyman (2009)
  • Indignation (novela)|Indignation (2008)
  • The Humbling (2009)
  • Nemesis (novela)|Nemesis (2010)

Non ficción[editar | editar a fonte]

  • The Facts: A Novelist's Autobiography (1988)
  • Patrimony: A True Story (1991)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bloom, Harold (24 de setembro de 2003). The Boston Globe, ed. "Dumbing down American readers" (en inglés). Consultado o 10 de novembro de 2012. 
  2. Fundación Príncipe de Asturias (ed.). "Mensaxe de Roth en agradecemento polo premio e no que se escusa por non poder ir recibilo". Consultado o 10 de novembro de 2012. 
  3. Les Inrockuptibles, ed. (7 de outubro de 2012). "Philip Roth: “Némésis sera mon dernier livre”" (en francés). Consultado o 10 de novembro de 2012. 
  4. Doley, David (9 de novembro de 2012). Salon, ed. "Philip Roth: “I’m done”" (en inglés). Consultado o 10 de novembro de 2012. 
  5. Páxina da revista
  6. The New York Times, ed. (21 de maio de 2006). "The Judges" (en inglés). Consultado o 10 de novembro de 2012. 
  7. The New York Times, ed. (21 de maio de 2006). "What Is the Best Work of American Fiction of the Last 25 Years?" (en inglés). Consultado o 10 de novembro de 2012. 
  8. Scott, A.O. (21 de maio de 2006). The New York Times, ed. "In Search of the Best" (en inglés). Consultado o 10 de novembro de 2012. 
  9. Ficha da obra en BiTraGa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]