Philip Davis
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 7 de xuño de 1951 Nassau |
| President of the Caribbean Community (en) | |
| 1 de xaneiro de 2023 – 30 de xuño de 2023 ← Chan Santokhi | |
| Minister of Finance (en) | |
| 20 de setembro de 2021 – Membro do gabinete: Davis Cabinet (en) | |
| 17 de setembro de 2021 – ← Hubert Minnis | |
| Viceprimeiro Ministro das Bahamas | |
| 7 de maio de 2012 – 11 de maio de 2017 | |
| Membro da Cámara da Asemblea das Bahamas | |
| 2 de maio de 2002 – | |
| Datos persoais | |
| Relixión | Anglicanismo |
| Educación | St John's College |
| Actividade | |
| Ocupación | político, avogado |
| Partido político | Partido Liberal Progresista |
| Participou en | |
| 26 de abril de 2022 | Crypto Bahamas 2022 |
Philip Edward "Brave" Davis, nado en Nassau o 7 de xuño de 1951, é un político bahameño que exerce como primeiro ministro das Bahamas desde 2021. Foi membro do Parlamento polo distrito de Cat Island, Rum Cay e San Salvador de 1992 a 1997 e de novo dende 2002 ata a actualidade.
Foi viceprimeiro ministro de Perry Christie e ministro de obras públicas e desenvolvemento urbano de 2012 a 2017. Logo actuou como líder da oposición dende maio de 2017 ata setembro de 2021, momento no que liderou o Partido Liberal Progresista á vitoria nas eleccións.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu nunha casa preto de Wulff Road, en Nassau, sendo o maior dos oito fillos de Dorothy Smith, unha traballadora doméstica orixinaria de Alexander, Exuma; e de Brave Edward Davis, un bombeiro de Old Bight, Cat Island. Pasou os seus primeiros anos vivindo cos seus avós en Cat Island, onde asistiu á Old Bight All Age School. Ao regresar a Nassau, continuou a súa educación na Eastern Schools e graduouse no St. John's College. Ao crecer nunha familia pobre, tivo que realizar varios traballos esporádicos desde os sete anos para chegar a fin de mes.[1]
Carreira profesional
[editar | editar a fonte]Despois de rematar os seus estudos secundarios, traballou como obreiro da construción ata que conseguiu un emprego en Barclays, onde traballou brevemente, xa que decidiu dedicarse á avogacía. Primeiro foi convidado a unha entrevista para converterse en asistente en prácticas no bufete de avogados Davis Bethel. Aínda que non o conseguiu, acabou traballando como asistente en Wallace-Whitfield & Barnwell ese mesmo ano e completou os seus estudos de Dereito en tres anos. En 1975 foi admitido no Colexio de Avogados das Bahamas, onde exerceu dous mandatos como vicepresidente e un como presidente. Converteuse en socio a longo prazo de Christie, Ingraham & Co e foi nomeado maxistrado. Tamén formou parte do Consello de Educación Xurídica da CARICOM.
Carreira política
[editar | editar a fonte]Vencellouse ao Partido Liberal Progresista sendo moi novo, traballando como voluntario na campaña para as eleccións xerais de 1967. Foi elixido por primeira vez como membro do Parlamento pola circunscrición de Cat Island, Rum Cay e San Salvador nunhas eleccións parciais de 1992. Aínda que perdeu o seu escano en 1997, recuperouno en 2002 e consérvao desde entón.[2]
En 2009 foi elixido líder adxunto do Partido Liberal Progresista e en 2012 o seu partido gañou as eleccións xerais. Converteuse entón en viceprimeiro ministro e ministro de obras públicas e desenvolvemento urbano das Bahamas, cargo no que exerceu ata 2017, cando o PLP foi derrotado de novo nas eleccións.
Na convención do partido de outubro dese mesmo 2017 foi elixido líder do Partido Liberal Progresista e durante os seguintes anos exerceu como líder da oposición.
En setembro de 2021, o Partido Liberal Progresista derrotou ao partido gobernante, o Movemento Nacional Libre, nunhas eleccións anticipadas, mentres a economía loitaba por recuperarse da súa maior crise desde polo menos 1971.[3] O PLP obtivo 32 dos 39 escanos na Cámara da Asemblea e o 17 de setembro de 2021, Philip Davis xurou o cargo como novo primeiro ministro das Bahamas, sucedendo no cargo a Hubert Minnis.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "The Hon. Philip E. Davis". concordia.net (en inglés). Consultado o 10 de xaneiro de 2026.
- ↑ "Philip Brave Davis" (PDF). thebahamasweekly.com (en inglés). Consultado o 10 de xaneiro de 2026.
- ↑ "Bahamas Voters Oust Government After 16% Drop in Economic Output" (en inglés). 16 de setembro de 2021. Consultado o 10 de xaneiro de 2026.
- ↑ "Phillip Davis Sworn in as Prime Minister of Bahamas" (en inglés). 17 de setembro de 2021. Consultado o 10 de xaneiro de 2026.