Petre Kharischirashvili

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
პეტრე ხარისჭირაშვილი
(Petre Kharischirashvili)
Petre Kharistchirashvili.jpg
Sacerdote da Igrexa Católica Armenia
Biografía
Nacemento1804 en Baraleti (Akhalkalaki)
Pasamento10 de outubro de 1890 en Istambul
Superior dos Servitas da Inmaculada Concepción
1859 - 1890

Petre Kharischirashvili[1] (en xeorxiano: პეტრე ხარისჭირაშვილი / ხარისჭარაშვილი), nado en 1804 ou 1805 e finado o 7 de outubro de 1890 en Istambul, foi un relixioso católico xeorxiano, teólogo e figura pública, científico e fundador dos Servitas da Inmaculada Concepción en Istambul.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en 1804 ou 1805 en Akhaltsikhe, segundo a maioría das fontes[2][3] (segundo outras tería nacido en abril de 1818).[4] Estudou na escola parroquial e posteriormente marchou a estudar no seminario en Alexándropol, e finalmente a Roma a cursar estudos superiores de Teoloxía. En 1842 volveu a Akhaltsikhe, foi ordenado, e foi nomeado axudante do arquimandrita Pavle Shahqulianis.[2][4] A súa volta a Xeorxia significou tamén unha toma de conciencia e unha determinación por loitar para que os católicos xeorxianos podesen dar culto a Deus na súa lingua.[2][5]

Kharischirashvili cautivou aos seus fieis grazasá súa predicación elocuente. Malia obedecer a lei e celebrar en armenio, predicaba en georgiano. Traballou arreo por mellorar a situación do seu pobo, eximindo da dote ás mulleres con poucos recursos e ensinando a ler e escribir.[2] A súa autoridade, porén, espertou receos entre os armenios. As tensións chegaron ao seu punto máis alto cando os armenios anunciaron a decisión de construír un seminario en Akhaltsikhe e Shahqulianis o apoiou, Kharischirashvili enfrontouse con el e, finalmente, Kharischirashvili foi enviado a Khizabavra, e de alí a Vale.[2]

En 1856 marchou a Venecia, onde se uniu á Congregación Mequitarista e fundou unha imprenta xeorxiana. Traduciu tamén libros dende o armenio, o que lle reconciliou con dita comunidade. Grazas ao seu traballo, a Santa Sé lle permitiu fundar en Constantinopla unha nova congregación relixiosa xeorxiana o 7 de maio de 1859.[2][4] Á súa chegada fundou a congregación dos Servitas da Inmaculada Concepción e comezou a celebrar a liturxia en xeorxiano.[2] Comezou tamén un mosteiro feminino e unha escola católica; ao ano a escola tiña mais de 100 alumnos, moitos deles escravos xeorxianos recomprados polo propio Kharischirashvili, e outros que viñan dende Xeorxia.[2] O seu traballo atraeu tamén a xeorxianos ortodoxos e musulmáns.[2] Ademais da labor teolóxica, na escola tamén tiñan unha importante presenza a lingua, literatura e historia xeorxianas, e se introducía aos alumnos tamén ao latín e ao francés. Da escola foron alumnos, entre outros Mikheil Tamarashvili e Mikheil Tarkhnishvili. En 1870 fundou unha nova imprenta xeorxiana en Constantinopla, e moitos dos libros os distribuíu de xeito gratuíto entre a xente pobre. Puxo especial atención en que as edicións estiveran coidadas e fosen gramaticalmente correctas. Entre as obras publicadas destaca a publicación de poesía "ყვავილების კონა" (qvavilebis kona). A boa marcha da congregación fixo que se abrira unha nova casa e imprenta en Montauban (Francia) tamén nesa década.

Finou o 7 de outubro de 1890 en Istambul (segundo Dalezio o 9).[4] A súa lápida di:

OSSA PETRI CARISCIARANTI / PATRIA GEORGIA DOMO AKALCIK / SERVORUM / ANCILLARUMQUE VIRGINIS / AB IMMACULATO CONCEPTU / INSTITUTORIS / AC MODERATORIS GENERALIS PRIMI / PIISSIMA VITA CESSIT / VII ID OCT MDCCCXC / VIXIT ANNOS LXXII MENSES V DIES XXVI R. I. P”.[6]

Segundo esta lápida, tería nacido o 2 de maio de 1818 no canto de en 1804 ou 1805, que é a data que da Chichinadze.[3] Pola súa banda, Dalezio achégase máis a esta data, xa que segundo o seu traballo tería nado o 20 de abril de 1818.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tamén Carisciarian, Caristchiarianti, Karishiaranti, Kharistchirashvili, Kharistshirashvili, Harisçiraşvili, Krischiaranti, Харисчирашвили.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 ბლუაშვილი, უჩა (2008). მესხეთის სახელოვანი შვილები / Славные сыновья Месхети (en xeorxiano e ruso). საქართველოს პარლამენტის ეროვნული ბიბლიოთეკა. pp. 70–76, 175–180. ISBN 978-9941-0-1076-7. 
  3. 3,0 3,1 ჭიჭინაძე, ზაქარია (1895). აბატი პეტრე ხარისჭირაშვილი. შარაძისა და ამხანაგობის სტამბა. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Dalleggio, Eugène; Čičinaże, Zakʻaria (2003). İstanbul Gürcüleri (en turco). Traducido por Fahrettin Çiloğlu. Sinatle Yayınları. p. 44. ISBN 9789758260157. 
  5. No Imperio Ruso a liturxia bizantina xeorxiana estaba reservada aos ortodoxos, e os católicos só podían celebrar os ritos armenio (en lingua armenia) ou romano (en lingua latina).
  6. Natsvlishvili, Natia (2015). "A struggle for identity: Georgian Catholics and their monastery in Istanbul". Caucasus Survey 3 (1). ISSN 2376-1199. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]