Perna viridis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Perna viridis
Mexillón verde
Perna viridis 001.jpg
Cunchas de Perna viridis
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Mollusca
Clase: Bivalvia
Subclase: Pteriomorphia
Orde: Mytilida
Superfamilia: Mytiloidea
Familia: Mytilidae
Subfamilia: Mytilinae
Xénero: Perna
Especie: P. viridis
Nome binomial
Perna viridis
(Linnaeus, 1758)
Sinonimia
Véxase o texto

Perna viridis, coñecido vulgarmente na bibliografía internacional como mexillón verde ou mexillón verde asiático, é unha especie de molusco bivalvo mariño da subclase dos pteriomorfios, orde dos mitílidos, superfamilia dos mitiloideos, familia dos mitílidos e subfamilia dos mitilinos,[1] unha das tres que integran o xénero Perna.[2]

É un mexillón orixinario das augas costeiras de Asia e do Pacífico, onde está moi distribuído, e é unha especie invasora noutros lugares do mundo (no Caribe, no Xapón, en Norteamérica e Suramérica), augas ás que chegou a través dos cascos e dos lastres de barcos, e da súa introdución experimental para a mitilicultura.[3]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1758 por Linnaeus na páxina 705 do volume 1 da 10ª edición do seu Systema Naturae, co nome de Mytilus viridis.[4]

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Ademais de seu nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[1][3]

  • Chloromya viridis Dodge, 1952
  • Mytilus opalus Lamarck, 1819
  • Mytilus smaragdinus Gmelin, 1791
  • Mytilus viridis Linnaeus, 1758 (protónimo)
  • Mytilus (Chloromya) smaragdinus Jukes-Browne, 1905
  • Mytilus (Chloromya) viridis Lamy, 1936
  • Perna viridis Ahmed, 1974

Características[editar | editar a fonte]

Acumulación de cunchas de P. viridis no porto de Obando, Bulacan (Filipinas).

O tamaño de Perna viridis oscila entre os 80 e os 100 mm, e pode chegar até os 165 mm. A súa cuncha remata nun pico descendente. O perióstraco é liso é de cor verde escura, tornándose cada vez máis parda cara ao seu punto de unión (umbo), onde é máis claro. Os espécimes máis novos teñen unha cor verde brillante que se vai facendo máis escura a medida que envellece.[5].

O interior da cuncha é abracazado cun brillo azul pálido.[6]

Posúe un grande é móbil que utiliza para subir verticalmente cando queda cuberto por sedimentos e, como todos os mexillóns ten unha glándula que produce o biso, que lle permite fixarse a substratos sólidos.[7]

Perna canaliculus e Perna perna (as outras dúas especies do xénero) —propias das augas de Nova Zelandia e África, respectivamente—, son similares.[8]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

O mexillón verde atópase nas augas costeiras da rexión indo-pacífica, e foi introducido noutras zonas (Caribe, Xapón, Norteamérica e Suramérica), como especie invasora, augas ás que chegou a través dos cascos e dos lastres de barcos, e da súa introdución experimental para a mitilicultura.[3]

Vive en hábitats intermareais e inframareais, e nos estuarios, onde pode alcanzar densidades de até 35 000 individuos por m2 en calquera obxecto mariño mergullado. Aínda que teñen as cunchas cunha coloración verde viva, ás veces están envolvidos por diversos materiais e a miúdo son difíciles de atopar. Viven en augas con temperaturas de entre os 11 e os 32 °C cunha ampla salinidade duns 18-33 ppt. (partes por billón, do inglés trillion, 10-12).[3][6] Perna viridis medra máis rápido a 2 m baixo a superficie, en alta salinidade e alta concentración de fitoplancton, aínda que pode tolerar unha ampla gama de salinidade e augas turbias.[8]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

O mexillón verde ten sexos separados, e a fecundación é externa. Hai moi poucos hermafroditas funcionais (menos do 0,1 %). O desenvolvemento sexual deste mexillón é afectado pola temperatura.[9] A reprodución prodúcese ordinariamente dúas veces ao ano, entre principios da primavera e finais do outono; porén, en Filipinas e Tailandia pode ocorrer durante todo o ano.[6] O cigoto transfórmase nunha larva 7 ou 8 horas despois da fecundación. As larvas permanecen na columna de auga durante 10 ou 12 días antes de sufrir a metamorfose que as transforma en xuvenís que xa se adhiren a un substrato sólido.[8]

Os xuvenís alcanzan a madurez sexual cando miden entre 15–30 mm de lonxitude, un tamaño que se alcanza aos 2-3 meses. O crecemento está influído pola dispoñibilidade de alimentos, a temperatura, o movemento das augas, a idade do mexillón e as gaiolas, no caso dos cultivados. O cultivo en gaiolas pode evitar a entrada de depredadores e percebes, o que fai aumentar a súa comercialización, pero diminúe a taxa de crecemento dos mexillóns.[10]

Os adultos poden vivir até 2 ou 3 anos. Debido ao seu rápido crecemento, pode superar a outros organismos contaminantes e provocar cambios nas relacións ecolóxicas mariñas.[6]

Importancia para os humanos[editar | editar a fonte]

Perna viridis apáñase na rexión indo-pacífica como fonte de alimento debido ao seu rápido crecemento. Porén, pode albergar unha toxina mortal procedente de dinoflaxelados dos que se alimenta. Pero tamén se pode usar como indicador da contaminación causada por metais pesados, organoclorados e produtos petrolíferos. Os mexillóns que se achan en zonas contaminadas teñen as membranas lisosómicas lábiles debido ao estrés inducido polos metais.[11]

Este mexillón, ao igual que Perna perna, pode obstruír canos de auga e equipos mariños dos complexos industriais. Obstruíu os túneles dos condensadores de entrada de centrais eléctricas na India e en Florida, e boias de navegación marítima en China, onde a súa biomasa creceu até os 72 kg/m2.[5] A cloración dos tubos e o emprego de auga a alta velocidade demostrou eliminar ou diminuír a poboación de P. viridis.[3] Porén, este mexillón excreta amoníaco, que reacciona co cloro para formar cloramina, NH2Cl, un desinfectante máis débil que o cloro. O amoníaco tamén pode acelerar a corrosión das aliaxes a base de cobre que se atopan nos tubos de auga. O tratamento térmico tamén está a ser consideradoa como unha alternativa para a cloración, debido a problemas de seguridade e ambientais por ese métrodo.[12]

Como especie invasora, este molusco considérase como unha ameaza para a pesca e o cultivos das ostras en varias nacións onde foi introducido. Tamén pode desprazar aos mexillóns autóctonos, introducindo parasitos e enfermidades.[5]

O mexillón verde é comestíbel e úsase amplamente en varias cociñas asiáticas.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Perna viridis (Linnaeus, 1758) no WoRMS. Consultada o 7 de xaneiro de 2020
  2. Perna Philipsson, 1788 no WoRMS. Consultada o 7 de xaneiro de 2020.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Perna viridis". Global Invasive Species Database. Consultado o 7 de xaneiro de 2020. 
  4. Linnaeus, C. et al., p. 705.
  5. 5,0 5,1 5,2 Florida Caribbean Science Center (15-05-2001): Green mussel, Perna viridis (Linnaeus 1758) Consultada o 7 de xaneiro de 2020.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 "Asian Green Mussel" (PDF). National Introduced Pest Marine Information System. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29-07-2003. Consultado o 7 de xaneiro de 2020. 
  7. Seed, R.; C. A. Richardson (15 de xuño de 1999). "Evolutionary traits in Perna viridis (Linnaeus) and Septifer virgatus (Wiegmann) (Bivalvia: Mytilidae)". Journal of Experimental Marine Biology and Ecology 239 (2): 273–287. doi:10.1016/S0022-0981(99)00043-X.  Consultado o 7 de xaneiro de 2020.
  8. 8,0 8,1 8,2 "Perna viridis (Linnaeus, 1758)". Gulf States Marine Fisheries Commission. Arquivado dende o orixinal o 08-07-2007. Consultado o 7 de xaneiro de 2020. 
  9. Lee, S. Y. (1988). "The Reproductive Cycle and Sexuality of the Green Mussel Perna Viridis (L.) (Bivalvia: Mytilacea) in Victoria Harbour, Hong Kong". Journal of Molluscan Studies 54 (3): 317–323. doi:10.1093/mollus/54.3.317. Consultado o 7 de xaneiro de 2020. 
  10. Marine Biological Association of Hong Kong; Brian Morton (1986). Asian Marine Biology. Hong Kong University Press. p. 111. ISBN 962-209-187-3. Consultado o 7 de xaneiro de 2020. 
  11. Nicholson, Shaun (January 1999). "Cytological and Physiological Biomarker Responses from Green Mussels, Perna viridis (L.) Transplanted to Contaminated Sites in Hong Kong Coastal Waters". Marine Pollution Bulletin 39 (1–12): 261–268. doi:10.1016/S0025-326X(98)90189-8. 
  12. Rajagopal, S; Venugopalan, V. P.; Azariah, J.; Nair, K. V. K. (1995). "Response of the green mussel Perna viridis (L.) to heat treatment in relation to power plant biofouling control". Biofouling 8 (4): 313–330. doi:10.1080/08927019509378284. Arquivado dende o orixinal o 20-08-2009. Consultado o 2008-04-26. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bieler, R., Carter J. G. & Coan E .V. (2010): "Classification of Bivalve families". En: Bouchet P. & Rocroi J.-P. (2010): "Nomenclator of Bivalve Families". Malacologia 52 (2): 1-184.
  • Bieler, R.; Mikkelsen, P. M.; Collins, T. M.; Glover, E. A.; González, V. L.; Graf, D. L.; Harper, E. M.; Healy, J.; Kawauchi, G. Y.; Sharma, P. P.; Staubach, S.; Strong, E. E.; Taylor, J. D.; Tëmkin, I.; Zardus, J. D.; Clark, S.; Guzmán, A.; McIntyre, E.; Sharp, P. & Giribet, G. (2014): "Investigating the Bivalve Tree of Life – an exemplar-based approach combining molecular and novel morphological characters". Invertebrate Systematics 28 (1): 32-115.
  • Gosling, E. M. (2003): Bivalve Molluscs. Biology, Ecology and Culture PDF. Oxford, UK: EnglandFishing News Books (Blackwell Publishing). ISBN 0-8523-8234-0.
  • Linnaeus, C. (1758): Systema Naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Editio decima, reformata, vol. 1. Laurentius Salvius: Holmiae.
  • Ojasti, Juhani, González Jiménez, Eduardo, Szeplaki Otahola, Eduardo & García Román, Luis B. (2001): Informe sobre las especies exóticas en Venezuela. Ministerio del Ambiente y de los Recursos Naturales. ISBN 98-0041-254-9.
  • Pérez, Julio E.; Alfonsi, Carmen; Salazar, Sinatra K.; Macsotay, Oliver; Barrios, Jorge & Martínez Escarbassiere, Rafael (2007): "Especies marinas exóticas y criptogénicas en las costas de Venezuela". Boletín del Instituto Oceanográfico de Venezuela 46 (1): 79–96.
  • Rylander, K.; J. E. Pérez}} & J. A. Gómez (1996): "Status of the green mussel, Perna viridis (Linnaeus, 1758) (Mollusca: Mytilidae) in North-eastern Venezuela. Caribbean Marine Studies 5: 86–87.
  • Siddall S. E. (1980): "A clarification of the genus Perna". Bulletin of Marine Science 30: 858-870.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]