Periclímeno (fillo de Neleo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Na mitoloxía grega, Periclímeno foi o maior dos fillos de Neleo (fillo de Poseidón) e Cloris, filla de Anfión. Neleo foi expulsado polo seu irmán Pelias e marchou a Mesenia, onde fundou a cidade de Pilos.

Neleo e Cloris tiveron unha filla, Pero, e doce fillos: Tauro, Asterio, Pilaón, Deímaco, Euribio, Epilao, Frasio, Eurímenes, Evágoras, Alástor, Néstor e Periclímeno.

Periclímeno destacaba pola súa gran forza [1] e era o máis valoroso dos fillos de Neleo [2]. Poseidón concedeulle ademais a capacidade de cambiar de forma no animal que quixer e, cando Heracles atacou e conquistou Pilos, enfrontouse con Periclímeno. Este transformouse primeiro en león, logo en serpe e tamén en abella (ou mosca ou formiga, segundo outras fontes), para tomar finalmente a forma dunha aguia que intentou picarlle nos ollos. Pero todo iso non evitou que Heracles terminara matándoo coas súas frechas [3], para logo matar tamén ó resto dos seus irmáns, coa única excepción de Néstor, que se criaba fóra de Pilos [4].

[Fala Néstor con Tleptólemo] "Doce eramos os fillos de Neleo, unha xuventude admirable; os doce, excepto eu, sucumbiron á furia de Hércules, e que fose capaz de vencer ós demais pode soportarse, pero resulta asombrosa a morte de Periclímeno, a quen Neptuno, fundador do sangue de Neleo, outorgara o don de adoptar as figuras que quixera e logo abandonalas. Tomou este en van toda clase de formas e transformouse na ave que adoita levar os raios nas súas poutas e é a máis querida do rei dos deuses... O tirintio frecha el o seu arco, infalible, e mentres se eleva e paira entre as nubes, alcánzalle onde a ala se une ó flanco".
(Ovidio: Metamorfosis XII, 553-566)

Periclímeno formou parte da expedición dos argonautas [5].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Ilimitada", segundo Graves, px. 591.
  2. Pseudo-Apolodoro II, 7, 3.
  3. Hixino contradi a versión dos outros mitógrafos e di que "Evitou a morte ó transformarse en aguia grazas a un don do seu avó Neptuno" (Fábulas 10, 2). Outras fontes din que Atenea o advertiu da metamorfose en abella e que Heracles o matou neste estado.
  4. "Por ser aínda novo criábase entre os xerenios" (Pseudo-Apolodoro II, 7, 2). Segundo Hixino, Apolo concedeulle vivir os anos arrebatados ós seus irmáns e viviu durante tres xeracións (Hixino: Fábulas 10, 3). Outras tradicións din que morreu canda os outros irmáns (Grimal, s.v. Neleo).
  5. Pseudo-Apolodoro I, 9, 16; Hixino 14, 14; Graves, px. 629.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]