Período Heian
平安時代 (ja) ![]() | |||||||||
Epónimo | Heian-kyō ![]() | ||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||||||
Xeografía | |||||||||
Parte de | |||||||||
Datos históricos | |||||||||
Precedido por | |||||||||
Sucedido por | período Kamakura ![]() | ||||||||
Evento clave
| |||||||||
O período Heian (en xaponés: 平安時代, Heian jidai) é a última división da historia clásica xaponesa, que abarca dende o 794 até o 1185. Inmediatamente posterior á era Nara, comezou co 50.º emperador, Kammu, quen trasladou a capital do Xapón a Heian-kyō (actual Kyōto). A palabra heian (平安) significa "paz" en xaponés. Trátase dunha etapa na que a influencia chinesa estaba en declive namentres maduraba a cultura nacional. Así mesmo, o período Heian é considerado o cumio da corte imperial nipoa, destacando pola súa arte, en especial a poesía e a literatura. Os dous silabarios autóctonos, o hiragana e o katakana, foron desenvolvidos durante esta época. Isto permitiu a aparición da literatura vernácula, moita dela escrita por damas da corte que non recibían a educación en chinés clásico típica dos seus homólogos masculinos.
Malia que a casa imperial xaponesa gobernaba en nome, o poder estaba realmente nas mans do clan Fujiwara, unha poderosa familia de aristócratas que casaran con membros da familia imperial. A meirande parte dos emperadores de Heian foron fillos dunha muller Fujiwara.[1] A economía fundamentábase no troco e o comercio, debido á ausencia de moeda, namentres o sistema dos shōen fomentou o crecemento dos territorios da nobreza, fortalecendo a súa independencia fronte ao control imperial. Non houbo grandes conflitos bélicos ou loitas internas, pero criminais e bandidos proliferaron debido á falta de control por parte do emperador.
Historia
[editar | editar a fonte]Introdución
[editar | editar a fonte]O período Heian foi precedido pola era Nara. Comezou en 794 despois do traslado da capital a Heian-kyō (actual Kyōto) por orde do 50º emperador, Kanmu.[2] Kanmu tentou primeiro situar a súa capital en Nagaoka-kyō, mais unha serie de desastres afectou á cidade, forzando ao monarca a mudarse a Heian. A finais do século IX, a rebelión de Huang Chao contra a dinastía Tang na China xerou un clima político de inestabilidade. Así, suspendéronse as misións xaponesas ao continente, paralizando as importacións e favorecendo o desenvolvemento dunha cultura nipoa independente, coñecida como kofuku bunka. Nesta liña, o período Heian é considerado o punto álxido da cultura xaponesa, que as xeracións posteriores admiraron e intentaron emular. Outro elemento a destacar é a aparición da clase samurai, xa que os señores feudais comezaron a adestrar os seus propios guerreiros para controlar os seus territorios, que estaban a aumentar grazas aos beneficios imperiais.
Economía
[editar | editar a fonte]Aínda que Heian foi un período prolongado de paz, a súa economía debilitouse progresivamente, levando á maioría da súa poboación á pobreza. O control dos campos de arroz supuxo unha fonte fundamental de ingresos para familias como os Fujiwara, e constituían a base esencial do seu poder.[3] Os aristócratas beneficiarios da cultura Heian, chamados ryōmin (en xaponés: 良民, "a xente boa"), eran arredor dunhas 5000 persoas, nun territorio duns cinco millóns de habitantes. Unha das razóns pola que os samurai lograron tomar o poder cara finais da época foi a incompetencia da nobreza para xestionar o país e as provincias. Cara ao ano 1000, o goberno non sabía como cuñar moeda e os cartos acabaron por desaparecer. No seu lugar, o arroz era o medida principal de intercambio.[3] A ausencia dun medio sólido para as transaccións económicas aparece ilustrada nas novelas daquel tempo. Por exemplo, os mensaxeiros eran pagados con obxectos útiles como kimonos vellos de seda.
Cultura
[editar | editar a fonte]Desenvolvemento do budismo
[editar | editar a fonte]
Durante o período Heian emerxeron dúas seitas esotéricas budistas, a tendai e mais a shingon.
A escola tendai é a versión nipoa da tiantai chinesa, que se basea no sutra do loto, un dos sutras máis importantes do budismo mahayana. Foi levada ao Xapón polo monxe Saichō. Un elemento fundamental da doutrina tendai é a afirmación de que a iluminación (en xaponés: 悟り, satori) é accesible para "todas as criaturas".[4] Ademais, Saichō procurou a ordenación independente dos monxes tendai.[5] Neste sentido, desenvolveuse unha íntima relación entre os mosteiros tendai do monte Hiei e a corte imperial, que tiña a súa nova capital ao pe desta montaña. En consecuencia, o tendai fixo énfase na reverencia polo emperador e a nación. O emperador Kanmu foi un importante mecenas desta seita, que atinxiu un gran poder nos séculos seguintes.
Pola súa banda, a shingon é a variante xaponesa da escola zhenyen da China, fundamentada no vajrayana. Chegou ao arquipélago da man do monxe Kūkai. O budismo shingon céntrase no uso de símbolos, rituais, mantras e mandalas, polo que triunfou entre a xente.[6] O propio Kūkai impresionou aos emperadores posteriores a Kanmu e á sociedade en xeral, non só pola súa santidade, senón tamén grazas á súa poesía, caligrafía, pintura e escultura.
Tanto Kūkai como Saichō tentaron vincular o estado e a relixión co apoio da aristocracia, dando orixe ao termo "budismo aristocrático".[7][8]
Literatura
[editar | editar a fonte]
Aínda que o chinés clásico ou kanbun permaneceu como lingua oficial da corte imperial durante o período Heian, a introdución e difusión dos kana favoreceu o desenvolvemento da literatura xaponesa en lingua vernácula. Malia o establecemento de novos xéneros literarios como os monogatari ou os zuihitsu, só os membros da corte e do clero budista estaban alfabetizados.
A poesía en particular era o xénero favorito da corte. Os nobres e as cortesás debían estar versadas na arte da súa escrita como marca do seu status social. Calquera ocasión era unha escusa para escribir un verso, dende o nacemento dun fillo até a coroación dun emperador, ou incluso unha fermosa escena da natureza. A habilidade na composición poética podía mellorar ou destruír a reputación dunha persoa, e adoitaba ser un elemento chave nas interaccións sociais.[9] Tamén importaba a escolla do estilo ou a personalidade da caligrafía empregada. As clases altas desta época pensaban que a caligrafía reflectía a alma dun individuo; xa que logo, unha escrita apresurada ou pésima podía considerarse un signo dunha mala educación. Fose en chinés ou xaponés, a aptitude na arte e nas escrita eran centrais para a reputación. Sei Shōnagon menciona no seu Makura no sōshi (en galego: O libro da almofada) que cando un cortesán lle pediu consello sobre como escribir un poema para a emperatriz Sadako, tivo que rexeitalo educadamente pola súa escasa competencia na escritura.[10]
A letra do actual himno nacional xaponés, Kimigayo, foi escrita durante o período Heian. Outras obras destacables son o Genji monogatari, de Murasaki Shikibu, moi influente na corte Heian e unha das primeiras novelas da historia. A rival literaria de Murasaki Shikibu, Sei Shōnagon, escribiu o Makura no sōshi, que contén as observacións e reflexións da autora como asistenta da emperatriz, que ofrecen moita información sobre a vida cotiá na capital.[11] Destaca tamén a poesía de Ariwara no Narihira, Ono no Komachi, Izumi Shikibu, Murasaki Shikibu, Saigyō e Fujiwara no Teika. O célebre poema Iroha, de autoría disputada, foi composto nesta época.
Beleza
[editar | editar a fonte]Neste período, a beleza considerábase fundamental para ser unha "boa" persoa. En termos estéticos, tanto os homes coma as mulleres da aristocracia empoaban o rostro, e as mulleres negrexaban os dentes, unha práctica denominada posteriormente ohaguro. O ideal masculino incluía un fino bigote e unha lixeira perilla, namentres as mulleres pintaban os beizos de vermello e rasuraban as súas cellas, que logo pintaban na parte superior da fronte.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Seal 2019.
- ↑ McCullough & Shively 1988.
- ↑ 3,0 3,1 Morris 1964, p. 73.
- ↑ Kitagawa 1966, p. 60.
- ↑ Kitagawa 1966, p. 61.
- ↑ Kitagawa 1966, p. 65.
- ↑ Kitagawa 1966, p. 59.
- ↑ Weinstein 1988.
- ↑ Morris 1964, pp. 180-2.
- ↑ Morris 1964, pp. 183-4.
- ↑ Morris 1964, p. xiv.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Kitagawa, Joseph M. (1966). Religion in Japanese History (en inglés). Columbia University Press.
- McCullough, William H.; Shively, Donald H. (1988). "Introduction". The Cambridge History of Modern Japan, volume 2: Heian Japan (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 9780521223539.
- Morris, I. (1964). The World of the Shining Prince: Court Life in Ancient Japan (en inglés). Oxford University Press.
- Seal, F. W. (2019). "Heian Period Court and Clan". Samurai Archives (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28/12/2019.
- Weinstein, Stanley (1988). "Aristocratic Buddhism". En McCullough, William H.; Shively, Donald H. The Cambridge History of Modern Japan, volume 2: Heian Japan (en inglés). Cambridge University Press. pp. 449–517. ISBN 9780521223539.