Penélope (poema)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A Penélope da Odisea de Homero tecía polo día e desfacía pola noite.

"Penélope" é un poema de Xosé María Díaz Castro, incluído no poemario Nimbos (1961).[1]

Descrición[editar | editar a fonte]

Extracto do poema nunha escultura na Insua dos Poetas.
Cando Díaz Castro fala da Pastoriza en "Penélope", faino do santuario de Santo Alberte ou da Pastoriza, en S. Breixo de Parga, chamado así por celebrarse nel unha romaría o primeiro domingo de agosto, en honor á Divina Pastora.[2]

É a poesía máis coñecida do autor. Está incluída, xunto con "Terra sucada", "Quezais" e "Terra do tempo", na cuarta epígrafe ("Espranza") de Nimbos. De rima consonante e estrutura pendular, está formada por catro estrofas, cun total de dezaseis versos. Díaz Castro establece nela un paralelismo entre Galicia e Penélope, a muller que tecía de día e desfacía de noite. Este personaxe xa fora empregado na literatura galega por Rosalía nos poemas "Tecin soya á miña tea"[3], de Follas novas, e "Desde los cuatro puntos cardinales", de En las orillas del Sar.[4]

Un paso adiante i outro atrás, Galiza
      Primeiro verso de Penélope, que se repite ao final.

Traduciuse ao francés na antoloxía Terre d'Espagne de Francoise Pechère e faise referencia a ela na revista alemá Humboldt. Foi incluída en Sete leccións de poesía (Espiral Maior, 2009) de Manuel Forcadela. O profesor Andrés Pociña dixo: “Penélope” de Díaz Castro paréceme a mellor definición poética, a máis fermosa e máis tráxica, de cantas se fixeron sobre Galicia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rodríguez Fer, Claudio: "O poema «Penélope» de Díaz Castro", en Gil Hernández, Antonio (coord.) Comentario de textos literarios, Madrid, Alhena, 1986, páx. 141-153.
  2. Requeixo, Armando: "Orixes da escrita: Penélope" Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine. 19/2/2016.
  3. Nogueira, Chus (2007): "O imaxinario na literatura galega actual", no Congreso Galeusca.
  4. Edición orixinal de En las orillas del Sar, páxinas 155-156.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]