Pelasgo (fillo de Zeus)
Na mitoloxía grega, Pelasgo foi o antecesor epónimo dos pelasgos do Peloponeso. Segundo Pseudo-Apolodoro, era fillo de Zeus e Níobe (filla de Foroneo), e irmán de Argos [1], pero segundo Hesíodo era fillo de Xea, a Terra, o primeiro home, nado na Arcadia. Asio de Samos incide nesta orixe telúrica: "A Pelasgo, semellante a un deus, nos montes de cumes frondosos, a negra terra fixo xurdir, para que existiera a raza dos mortais" [2].
Foi o primeiro rei de Arcadia e, entre outras das súas realizacións, ensinou ós seus súbditos a construír chozas e diferenciou as plantas útiles das que non o eran, descubrindo que as landras eran nutritivas [3]. Pausanias dubida que fose o primeiro home porque, nese caso, non tería sobre quen reinar e, aínda máis, afirma que Pelasgo destacaba pola súa forza, estatura e sabiduría, razóns polas que foi elixido rei [4].
Uniuse á oceánide Melibea, filla de Océano, coa que tivo un fillo, Licaón, que o sucedería como rei de Arcadia. Outras fontes din que tivo a Licaón coa ninfa Cilene, ou ben con Deianira [5]. Pausanias cita outro fillo de Pelasgo, Témeno, do que os habitantes de Estinfalo din que criou á deusa Hera [6].
Segundo Hixino, Licaón tivo unha filla muller, Calisto. Zeus, transformado en Artemisa, uniuse a ela e enxendrou a Arcas (ou Arcade), de quen procede o nome da terra de Arcadia [7].
Tanto Licaón como os seus cincuenta fillos distinguíronse pola súa impiedade, polo que foron mortos por Zeus. Algúns autores (Hixino, Ovidio ou Pausanias) din que Zeus non o matou senón que o converteu en lobo [8]; e Pausanias engade que Licaón era un home virtuoso que non puido evitar os actos condenables dos seus fillos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 1, 1. Di que recolle esta información de Acusilao.
- ↑ Citado por Pausanias, VIII, 1, 4.
- ↑ Pausanias: Geografía de Grecia VIII, 1, 5-6.
- ↑ Pausanias VIII, 1, 4.
- ↑ Non confundir con Deianira, a terceira esposa de Heracles.
- ↑ Pausanias VIII, 22, 1.
- ↑ Hixino: Fábulas 176.
- ↑ De aí o nome de licantropía para o trastorno mental de crer ser un lobo e comportarse como tal.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Grimal, Pierre (1981). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574. (en castelán)
- Hixino (2009). Fábulas mitológicas. Alianza Editorial. ISBN 9788420650722. (en castelán)
- Ovidio (2015 (reimpr. 2017)). Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial. ISBN 9788420697208. (en castelán)
- Pseudo-Apolodoro (2016). Biblioteca mitológica. Alianza Editorial. ISBN 9788491044277. (en castelán)