Pelasgo (fillo de Zeus)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Pelasgo (fillo de Xea)»)

Na mitoloxía grega, Pelasgo foi o antecesor epónimo dos pelasgos do Peloponeso. Segundo Pseudo-Apolodoro, era fillo de Zeus e Níobe (filla de Foroneo), e irmán de Argos [1], pero segundo Hesíodo era fillo de Xea, a Terra, o primeiro home, nado na Arcadia. Asio de Samos incide nesta orixe telúrica: "A Pelasgo, semellante a un deus, nos montes de cumes frondosos, a negra terra fixo xurdir, para que existiera a raza dos mortais" [2].

Licaón transformado en lobo por Zeus (gravado atribuído a Hendrick Goltzius, para unha Metamorfoses, de 1589)

Foi o primeiro rei de Arcadia e, entre outras das súas realizacións, ensinou ós seus súbditos a construír chozas e diferenciou as plantas útiles das que non o eran, descubrindo que as landras eran nutritivas [3]. Pausanias dubida que fose o primeiro home porque, nese caso, non tería sobre quen reinar e, aínda máis, afirma que Pelasgo destacaba pola súa forza, estatura e sabiduría, razóns polas que foi elixido rei [4].

Uniuse á oceánide Melibea, filla de Océano, coa que tivo un fillo, Licaón, que o sucedería como rei de Arcadia. Outras fontes din que tivo a Licaón coa ninfa Cilene, ou ben con Deianira [5]. Pausanias cita outro fillo de Pelasgo, Témeno, do que os habitantes de Estinfalo din que criou á deusa Hera [6].

Segundo Hixino, Licaón tivo unha filla muller, Calisto. Zeus, transformado en Artemisa, uniuse a ela e enxendrou a Arcas (ou Arcade), de quen procede o nome da terra de Arcadia [7].

Tanto Licaón como os seus cincuenta fillos distinguíronse pola súa impiedade, polo que foron mortos por Zeus. Algúns autores (Hixino, Ovidio ou Pausanias) din que Zeus non o matou senón que o converteu en lobo [8]; e Pausanias engade que Licaón era un home virtuoso que non puido evitar os actos condenables dos seus fillos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 1, 1. Di que recolle esta información de Acusilao.
  2. Citado por Pausanias, VIII, 1, 4.
  3. Pausanias: Geografía de Grecia VIII, 1, 5-6.
  4. Pausanias VIII, 1, 4.
  5. Non confundir con Deianira, a terceira esposa de Heracles.
  6. Pausanias VIII, 22, 1.
  7. Hixino: Fábulas 176.
  8. De aí o nome de licantropía para o trastorno mental de crer ser un lobo e comportarse como tal.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]