Pedro Mariño de Lobeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pedro Mariño de Lobeira, nado en Pontevedra en 1528 e falecido en Lima en 1594, foi un militar e cronista que, tras participar na Conquista de Chile, deixou un relato dos seus sucesos na obra Crónica del Reino de Chile.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Os seus pais foron Hernán Rodríguez de Lobeira y Rivera, e Constanza Mariño Marinas de Sotomayor. Contraeu matrimonio con Francisca de Miranda, coa que tivo dous fillos: Ana e Alonso.

De profesión soldado, despois de servir na guerra entre España e Francia, viaxou en 1545 a América. Estivo baixo o mando de Pedro de La Gasca cando este último recibiu a orde do rei Carlos I de pór fin á sublevación de Gonzalo Pizarro no Perú.

Mariño uniuse ás forzas de La Gasca na Habana. Trasladouse a Lima e permaneceu no Perú ata a súa viaxe a Chile en 1551.

Neste territorio participou activamente xunto a Pedro de Valdivia e a Francisco de Villagra nas campañas que o primeiro realizou no sur, destacándose como soldado. Tamén estivo presente nas campañas dos gobernadores García Hurtado de Mendoza e Rodrigo de Quiroga.

Posteriormente, en pago dos seus servizos, concedéuselles unha encomenda de indíxenas na cidade de Valdivia, de onde era veciño. Desempeñou o cargo de corrixidor da mesma cidade, prestando a súa axuda para socorrer ás vítimas da inundación que, produto do terremoto de 1575, cegou o desaugadoiro do lago Riñihue, tal como volvería suceder co terremoto de 1960.

Máis tarde foi tamén corrixidor de Camaná, na costa sur do Perú, volvendo posteriormente a Lima.

Nos seus últimos anos trabou amizade co xesuíta Bartolomé de Escobar, que tamén estivera en Chile, entregándolle os manuscritos da súa Crónica del Reino de Chile para que os corrixise e editase. Porén, o texto nunca foi impreso na época. Só en 1865 foi publicado no volume VI da Colección de Historiadores de Chile e documentos relativos á Historia Nacional dese país.

A orixe do seu escrito Crónica del Reino de Chile[editar | editar a fonte]

Na época da Conquista, era común que algúns conquistadores escribiran acerca das vivencias e situacións das que eran parte e testemuñas. Soldado de profesión, Mariño de Lobera non estivo alleo a estas labores e deixou un importante legado á historia de Chile no seu manuscrito. O texto orixinal deste non chegou ós nosos días, e o que del se coñece débese á pluma do sacerdote xesuíta Bartolomé de Escobar, que recibiu -de parte do vicerrei do Perú García Hurtado de Mendoza- o encargo de revisar e corrixir os apuntes de Mariño.

Esta labor deu forma definitiva á Crónica del Reino de Chile, obra que, en estrito rigor, é moi diferente á que podería escribir un simple soldado. Nas súas pasaxes, é fácil advertir a pluma dunha persoa coñecedora da arte de escribir, o que estaría indicando a intervención do pai Escobar.

A súa crónica[editar | editar a fonte]

Na obra chama a atención a imprecisión e a vaguidade do relato da primeira parte da Conquista de Chile, máis especificamente ata a chegada de García Hurtado de Mendoza. Isto contrasta coa segunda parte, que corresponde precisamente ó goberno de Hurtado de Mendoza. Os feitos e as fazañas do antigo gobernador de Chile -que facilitara a Escobar parte dos documentos con que contaba- son narrados con claridade. A Crónica del Reino de Chile é, de entre as crónicas da conquista de Chile, a que con maior frecuencia inclúe relatos de sucesos extraordinarios e sobrenaturais.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]