Pedreiro isabelino
Pedreiro isabelino | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() Un exemplar mostrando a súa cola negra | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
![]() Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
|

O pedreiro isabelino[2] (Oenanthe isabellina) é unha pequena ave paseriforme que anteriormente estaba clasificada na familia dos túrdidos, pero hoxe xeralmente se considera dentro da familia dos muscicápidos. É unha ave insectívora migratoria. O seu hábitat é a estepa e os campos abertos e reprodúcese no sur de Rusia e Asia central ata o norte de Paquistán, e pasa o inverno en África e noroeste da India. É un ave vagante moi rara en Europa occidental.
En cor lembra ao pedreiro cincento, pero é máis grande, de 15–16,5 cm de lonxitude, máis ergueito e de cor máis leonado, e ten a cola máis negra. O termo isabelino refírese á súa coloración similar á do pergamiño. As plumas axilares e as cobertoiras da parte inferior da á son brancas, mentres que nos pedreiros máis comúns teñen manchas grises. Os sexos son similares.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O seu nome común específico isabellina, é unha palabra neolatina que significa "amarelo agrisado", e probablemente fai referencia á raíña Isabel I de Castela, a Católica, da que se di que prometeu non cambiar a súa roupa interior ata que os seus reinos estivesen libres dos mouros.[3] Pedreiro é o nome que se lle dá aos paxaros do xénero Oenanthe. O nome científico deste xénero deriva do grego antigo oenos (οίνος), 'viño' e anthos (ανθός), 'flor'. Fai referencia ao retorno do pedreiro cincento a Grecia na primavera xusto cando florecen as viñas.[3]
Descrición
[editar | editar a fonte]O macho e a femia do pedreiro isabelino teñen aspecto similar. As partes superiores son de cor marrón area claro cun ton isabelino (é dicir, cor amarelo agrisado claro, beixe, marrón crema ou cor de pergamiño). A parte dorsal inferior é isabelina e a rabadilla e cobertoiras superiores da cola son brancas. As plumas da cola son negras amarronadas cunhas beiras estreitas e puntas de cor beixe e unha base branca grande. Nas plumas externas da cola esta beira ocupa máis da metade da lonxitude da pluma, pero nas plumas centrais chega a un terzo. Hai unha mancha sobre o ollo de cor branca crema e as cobertorias do oído son marróns claras. O queixo é cor crema claro e a gorxa é beixe clara. O peito é de cor area ou beixe isabelino e o ventre é branco crema. As cobertorias da parte inferior da cola son beixes claras e as cobertoiras da parte inferior da á e as axilares son brancas con bases escuras. As plumas das ás son negras amarronadas, con puntas e beiras de cor beixe crema. O bico, patas e pés son negros e os irises son marróns.[4]
Cunha lonxitude total de 16,5 cm é bastante máis grande e tamén de cor máis clara que o pedreiro cincento (Oenanthe oenanthe). O bico é máis longo que o desa especie e as cuberts do oído son máis claras, pero nas demais características os dous paxaros son moi semellantes e poderían confundirse. A plumaxe múdase dúas veces ao ano, producíndose unha muda completa a final do verán e unha muda parcial das plumas corporais en metade do inverno.[4]
A nota de chamada é un pío, e ás veces emiten un asubío alto. A canción foi descrita como similar á dunha laverca e empeza cun ruído grallante seguido de varios asubíos e inclúe a imitación das voces doutras aves.[4]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]O pedreiro isabelino é unha especie migratoia cunha área reprodutora paleártica oriental. Esta esténdese ao sur de Rusia, a rexión do Caspio, o deserto de Kyzyl Kum e Mongolia ata Afganistán, Irán, Iraq, Arabia Saudita, Siria, Xordania e Israel. Pasa o inverno en África e noroeste da India. Ten aparecido como ave vagante de verán en Grecia, Chipre, Alxeria e Tunisia.[5]
Na tempada reprodutora o pedreiro isabelino atópase en campo aberto, extensións ermas de terra, rexións áridas, estepas, mesetas altas e nas pendentes máis baixas dos montes. Nos seus cuarteis de inverno ocupa hábitats similares en rexións semiáridas, campos abertos con escasos arbustos e os bordos de áreas cultivadas, mostrando un gusto especial polo terreo areento.[4]
Comportamento
[editar | editar a fonte]O pedreiro isabelino é unha ave activa e inqueda, movéndose polo chan con longos saltos, voando e pousándose en eminencias ou pequenos arbustos. A súa postura corporal é bastante ergueita e está constatemente balanceándose e subindo e baixando a cola. Ás veces aletean no aire para capturaren insectos pero principalmente buscan presas polo chan, sondeando o chan co seu bico. A súa dieta inclúe formigas, saltóns, avelaíñas, moscas, ácaros, arañas e larvas de insectos, e ás veces come sementes tamén.[4]
Os pedreiros isabelinos son aves solitarias nos seus cuarteis de inverno e poden asociarse con outras especies de pedreiros durante a migación. Ao chegaren aos seus terreos de reprodución establecen os seus territorios.[6] O macho exhíbese perante a femia baixando e despois estendendo as ás mentres canta, choutando a curta distancia, ou voando uns quince metros, planeando e realizando acrobacias, cantando mentres tanto, antes de aterrar de novo diante da femia. O niño xeralmente está no chan, normalmente nunha toqueira baleira de pica, esquío de terra ou rata toupa, ou pode escavar el mesmo un burato novo. O niño é voluminoso e está composto de herbas secas. Poñen de catro a seis ovos azuis moi claros, usualmente sen marcas pero ás veces con manchas espalladas avermelladas. O tamaño medio dos ovos é de 22,16x16,6 mm.[4] Ambos os proxenitores alimentan os polos con pequenas eirugas e outros insectos. Unha vez que abandonan o niño, os polos continúan a alimentarse durante dúas semanas pero despois disto os proxenitores expúlsanos do seu territorio.[6] A tempada reprodutora empeza a finais de marzo en Turquía, pero non comeza ata maio en Asia central. Probablemente crían dúas niñadas na zona sur da súa área de reprodución.[4]
Conservación
[editar | editar a fonte]O pedreiro isabelino ten unha ampla área de distribución, estimada en 11,7 millóns de quilómetros cadrados, e unha gran poboación cun total estimado entre 26 millóns a 378 millóns de individuos. A poboación parece ser estable e a IUCN avaliouno na súa Lista Vermella de Especies Ameazadas como en situación "pouco preocupante".[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ BirdLife International (2016). "Oenanthe isabellina" 2016: e.T22710333A87931767. doi:10.2305/IUCN.UK.2016-3.RLTS.T22710333A87931767.en.
- ↑ "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05.
- ↑ 3,0 3,1 Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. pp. 207, 280. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Witherby, H. F., ed. (1943). Handbook of British Birds, Volume 2: Warblers to Owls. H. F. and G. Witherby Ltd. pp. 163–165.
- ↑ Coward, T. A. (1941). The Birds of the British Isles and their Eggs. Frederick Warne. pp. 229–230.
- ↑ 6,0 6,1 "Isabelline wheatear (Oenanthe isabellina)". ARKive. Arquivado dende o orixinal o 2013-10-02. Consultado o 2013-08-01.
- ↑ Butchart, S.; Symes, A. "Isabelline wheatear Oenanthe isabellina". Species factsheet. BirdLife International. Consultado o 2013-08-08.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Corso, A (1997). "Variability of identification characters of isabelline wheatear" (PDF). Dutch Birding 19 (4): 153–165.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pedreiro isabelino |
![]() |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Pedreiro isabelino |