Pectínidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Pectinidae»)
Pectínidos
Pectinidae
Vieiras

Rango fósil: Triásico medio - Acrtualidade
200 - 0 millóns de anos

Valva inferior da cuncha dunha vieira
achada no camiño de Santiago.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Mollusca
Clase: Bivalvia
Orde: Ostreida
Suborde: Pectinina
Superfamilia: Pectinoidea
Familia: Pectinidae
Rafinesque, 1815
Subfamilias e Xéneros
Véxase o texto
Dúas cunchas de individuos xuvenís de Pecten jacobaeus.
Esta especie, canda Pecten maximus, son as máis aprezadas gastronomicamente en Europa, e ambas as dúas símbolos das peregrinacións a Santiago de Compostela.
Amusium cristatum unha pequena vieira de cuncha lisa.

A familia dos pectínidos (Pectinidae), é unha familia de moluscos bivalvos, da orde dos ostreidos, suborde dos pectininos e superfamilia dos pectinoideos.[1][2]

As súas especies, coñecidas popularmente como vieiras (en galego, portugués e castelán, en inglés scallops), emparentadas de preto coas ameixas e as ostras, viven en augas pouco profundas da maior parte dos mares, sobre bancos de area limpa e firme preto da costa, até os100 m de profundidade. Son hermafroditas, e maduran primeiro as gónadas masculinas.

Debido á súa ampla distribución, as cunchas de vieira son comúns nas praias e, a miúdo, son de cores brillantes, o que as converte nun obxecto popular para recolectar entre os amantes da praia e os turistas.[3] Estas cunchas tamén teñen un lugar importante na cultura popular, incluído o simbolismo relixioso.

As máis coñecidas en Europa son a zamburiña (Chlamys varia), Pecten maximus, propia das costas do Atlántico occidental, e Pecten jacobaeus, endémica do mar Mediterráneo. Ambas as especies, segundo algúns autores, poden seren conespecíficas, porque, aínda que a segunda ten unha área de distribución moito máis restrinxida, nalgunhas partes coiciden, e prodúcense fenómenos de hibridación.[4]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A familia foi descrita en 1815 polo naturalista estadounidense de orixe franco-xermana-italiana Constantine Samuel Rafinesque-Schmaltz,[1][2] na súa obra Analyse de la Nature ou tableau de l'univers et des corps organisés, editada en Palermo.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome científico Pectinidae está formado, como é usual, sobre a base da raíz do nome do seu xénero tipo, Pecten, coa adición do sufixo do latín científico -idae, poropio dos nomes das familias de anmais.

Clasificación[editar | editar a fonte]

Na actualidade (2020) na familia recoñécense de 26 a 30 xéneros, segundo os autores.

Segundo o WoRMS[editar | editar a fonte]

Para o WoRMS, a familia comprende as subfamilias, tribos e xéneros que se indican:[1]

Camptonectes Agassiz, 1864
Ciclopecten G. Seguenza, 1877
Delectopecten Stewart, 1930
Hyalopecten Verrill, 1897
Pseudohinnites Dijkstra, 1989
Sinepecten Schein, 2006
  • Subfamilia paliolinos (Palliolinae) Korobkov, 1960
Tribo adanusiinos (Adamussiini) Habe, 1977
Adamussium Thiele, 1934
Tribo mesopeplinos (Mesopeplini) T. R. Waller, 2006
Mesopeplum Iredale, 1929
Tribo paliolinos (Palliolini) Korobkov, 1960
Karnekampia H. P. Wagner, 1988
Lissochlamys Sacco, 1897
Palliolum Monterosato, 1884
Placopecten Verrill, 1897
Pseudamussium Mörch, 1853
  • Subfamilia pectininos (Pectininae) Rafinesque, 1815
Tribo equipectininos (Aequipectinini) F. Nordsieck, 1969
Aequipecten P. Fischer, 1886
Argopecten Monterosato, 1889
Cryptopecten Dall, Bartsch & Rehder, 1938
Flexopecten Sacco, 1897
Haumea Dall, Bartsch & Rehder, 1938
Leptopecten Verrill, 1897
Volachlamys Iredale, 1939
Tribo amusiinos (Amusiini) Ridewood, 1903
Amusium Röding, 1798
Dentamussium Dijkstra, 1990
Euvola Dall, 1898
Leopecten Masuda, 1971
Ylistrum Mynhardt & Alejandrino, 2014
Tribo austroclamidinos (Austrochlamydini) Jonkers, 2003
Austrochlamys Jonkers, 2003
Tribo pectininos (Pectinini) Rafinesque, 1815
Annachlamys Iredale, 1939
Minnivola Iredale, 1939
Pecten O. F. Müller, 1776
Serratovola Habe, 1951
  • Sen asignar subfamilia
Lamellipecten Dijkstra & Maestrati, 2010

Segundo o ITIS[editar | editar a fonte]

Porén, o ITIS recoñece só os seguintes xéneros (sen indicación de subfamilias):[2]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

As vieiras habitan en todos os océanos e mares do mundo, sendo o maior número de especies as que viven na rexión Indo-pacífica. A maioría das especies viven en augas relativamente pouco profundas, desde a liña das mareas baixas até os 100 m, pero algunhas prefiren augas moito máis profundas. Aínda que algunhas especies só viven en ambientes moi restrinxidos, a maioría son oportunistas e poden vivir nunha ampla variedade de condicións. As vieiras poden atoparse vivindo dentro, enriba ou baixo rochas, corais, cascallos, herbas mariñas, algas, area ou lama. A maioría das especeis comezan a súa vida como xuvenís bisais, é dicir, provistos de biso, que algunhas conservan ao longo de toda vida, mentres que outras convértense en adultos autónomos.[6]

Anatomía e fisioloxía[editar | editar a fonte]

Hai moi poucas variacións na disposición interna de órganos e sistemas dentro da familia das vieiras e pódese aplicar para a anatomía de calquera especie de vieira dada.[7]

Orientación[editar | editar a fonte]

Diagrama anatómico de Argopecten irradians coa valva esquerda (é dicir, superior) eliminada; a anterior está á esquerda, a posterior á dereita

A cuncha dunha vieira está composta, como en todos os bivalvos, por dúas valvas, unha esquerda e outra dereita, divididas por un plano de simetría.[8] A maioría das especies de descansan sobre o fondo detiadas sobre a súa valva dereita e, en consecuencia, esta adoita ser máis profunda e empenada que a valva esquerda (é dicir, a superior), que en moitas especies é case plana. Coa charneira entre as dúas valvas orientadas cara á parte superior, un lado correspóndese coa parte morfolóxica anterior ou frontal do animal, o outro é o posterior, a charneira é a rexión dorsal ou traseira (superior) e a parte inferior corresponde á ventral.[9] Porén, como moitas cunchas de vieira son máis ou menos bilateralmente simétricas ("equival vas"), así como simétricas de diante a atrás ("equiláteras"), para determinar de que xeito se atopa "deitado" un determinado animal requírese información detallada sobre as súas valvas.[Cómpre referencia]

Valvas[editar | editar a fonte]

A cuncha das vieiras, como as de todos os bivalvos, consta de dúas valvas de forma similar, cunha liña de charneira recta ao longo da parte superior, sen dentes, e que dá lugar a un par de "ás" planas, ou "orellas" (ás veces chamadas "aurículas", como as dúas cámaras do corazón) a cada lado do seu punto medio, unha característica que é única e que aparece en todas as vieiras adultas.[10]

Diagrama dunha vieira coas dúas valvas de diferentes tamaños, no sedimento do fondo mariño: a valva dereita (que se ve na parte inferior) é moito máis abombadada que a esquerda, o que permite que o animal apareza menos visíbel para os depredadores.

As orellas poden teren un tamaño e unha forma similares ou, pola contra, a orella anterior pode ser algo máis grande (a orella posterior nunca é máis grande que a anterior, unha característica importante para distinguirmos que valva é). Como no caso en case todos os bivalvos, unha serie de liñas e/ou aneis de crecemiento orixínase no centro da charmeira, nun punto chamado "bico" rodeado por unha área xeralmente elevada denominada umbo. Estes aneis de crecemento aumentan de tamaño cara a abaixo até que alcanzan o bordo ventral curvado da cuncha. As cunchas da maioría das vieiras están deseñadas para facilitaren o movemento do animal nos seus dsprazamentos nalgúns momentos dos seus ciclos vitais, ao tempo que subministran protección contra os depredadores.[11][12]

As vieiras con valvas estriadas teñen a vantaxe da resistencia arquitectónica subministrada por estas cristas chamadas costelas, aínda que son algo custosas en termos de peso e masa. Unha característica única da familia dos pectínidos é a presenza, nalgún momento durante o ciclo de vida do animal, dunha característica distintiva e taxonomicamente importante, unha estrutura en forma de peite denominadada ctenolio ou ctenolium (substantivo do latín científico derivado do diminutivo do grego antigo κτείς kteís, "peite") situado no bordo anterior da valva dereita ao lado da marca que queda da xuvenil glándula do biso. Aínda que moitas vieiras perden esta característica a medida que se converten en adultos que se desprazan libremente, todas as vieiras teñen un ctenolio nalgún momento da súa vida, e ningún outro bivalvo ten unha característica análoga. O ctenolio encóntrase só nas vieiras modernas; os seus antepasados, os entolíidos, non o posuían.[11][12]

Sistema muscular[editar | editar a fonte]

Vieira viva aberta mostrando a súa anatomía interna: a parte circular de cor alaranxada pálida é o músculo adutor; a parte curva alaranxada máis escura é "coral", termo culinario denominar as ovas ou bragadas.

Ao igual que as ostras verdadeiras (familia dos ostreidos), as vieiras teñen un só músculo adutor central, polo que no interior das súas cunchas hai unha cicatriz central característica, que marca o punto de inserción deste músculo. O músculo adutor das vieiras é máis grande e está máis desenvolvido que o das ostras, porque as vieiras son nadadores activos; sábese que algunhas especies de vieiras se moven en masa dunha área a outra. Nas vieiras, a forma da cuncha tende a ser moi regular, e se usa comunmente como a forma arquetípica das cunchas mariñas.[9]

Ollos[editar | editar a fonte]

Os ollos dos pectínidos son visíbeis en forma de puntos escuros no bordo do manto, como nesta vieira coas valvas entreabertas.

As vieiras teñen unha gran cantidade (até 200) de pequenos ollos (de aproximadamente 1 mm de diámetro) dispostos ao longo do bordo dos seus mantos. Estes ollos representan unha innovación particular entre os moluscos, xa que se basean nun espello parabólico cóncavo de cristais de guanina para enfocaren e reflectiren a luz en lugar dunha lente como a de moitos outros tipos de ollos.[13] Ademais, estes ollos posúen unha retina de capa dupla; a retina externa responde máis fortemente á luz, e a interna á escuridade.[14] Aínda que estes ollos non poden resolver as formas con alta fidelidade, a sensibilidade combinada de ambas as retinas á luz que chega ao ollo e á luz reflectida polo espello, outórgalle ás vieiras unha definición de contraste excepcional, así como a capacidade de detectaren patróns cambiantes de luz e movementos.[15][16]

As vieiras basean principalmente nos seus ollos un a xeito de sistema de detección de ameazas de "alerta temperá", escaneando ao seu redor en busca de movementos e sombras que poderían indicar da presenza de depredadores. Ademais, algunhas vieiras alteran o seu comportamento de natación ou alimentación en función da turbidez ou a claridade da auga, ao detectaren o movemento de partículas na columna de auga.[17]

Aparello dixestivo[editar | editar a fonte]

As vieiras son organismos filtradores e aliméntanse de plancto e de partículas de materia orgánica suspendidas na auga. A diferenza de moitos outros bivalvos, carecen de sifóns. A auga móvese sobre unha estrutura filtrante, onde as partículas de comida quedan atrapadas no mucus. Logo, os cilios da estrutura moven o alimento cara á boca. Despois, este dixíerese na glándula dixestiva, un órgano ás veces chamado impropiamente "fígado", e que comprende parte do esófago, do intestino e todo o estómago. Os refugallos pasan a través do intestino (que, como noutros moitos moluscos, entra e sae do corazón do animal) e sae polo ano.[18]

Sistema nervioso[editar | editar a fonte]

Mapa neural dunha vieira.

Como todos os bivalvos, as vieiras carecen dun verdadeiro cerebro. En cambio, o seu sistema nervioso está controlado por tres pares de ganglios situados en varios puntos ao longo da súa anatomía: os ganglios cerebrais ou cerebropleurais, os ganglios pedais (do e os ganglios viscerais ou parietoviscerais.[19] Todos son de cor amarelada. Os ganglios viscerais son, con moito, o máis grande e extenso dos tres pares, e preséntanse como unha masa case fusionada cerca do centro do animal; proporcionalmente, estes son os conxuntos de ganglios máis grandes e intricados de calquera bivalvo moderno. Deles irradian todos os nervios que conectan os ganglios viscerais co anel nervioso circunpalial, que se enrola ao redor do manto e se conecta con todos os tentáculos e os ollos da vieira. Este anel nervioso está tan ben desenvolvido que, nalgunhas especies, pode considerarse lexitimamente como un ganglio adicional.[20]

Os ganglios viscerais tamén son a orixe dos nervios branquiais que controlan as branquias das vieiras. Os ganglios cerebrais son o seguinte grupo de ganglios máis grande, e encóntranse separados entre si a unha distancia significativa dorsal aos ganglios viscerais. Únense aos ganglios viscerais mediante longos conectores cerebro-viscerais, e entre si a través dunha comisura cerebral que se estende dorsalmente nun arco ao redor do esófago. Os ganglios cerebrais controlan a boca da vieira a través dos nervios palpatorios, e tamén se conectan aos estatocistos, que axudan ao animal a percibir a súa su posición no contorno circundante. Están conectados aos ganglios pedais mediante conectivos curtos.
Os ganglios pedais, aínda que non están fusionados, están situados moi cerca o un do outro cerca da liña media. Desde etes ganglios, a vieira proxecta os nervios do pé que controlan o movemento e as sensacións do seu pequeno pé.[21]

Locomoción[editar | editar a fonte]

Diagrama dunha vieira nun movemento de natación en zig-zag
Diagrama dunha vieira nun movemento de salto unidireccional

Os pectínidos son, na súa maioría, de vida libre e activas, a diferenza da gran maioría dos bivalvos, que son case todos de movementos lentos e só nas primeiras fases da súa vida. Crese que todas as vieiras comezan posuíndo un biso que as une dalgunha forma a substratos como Zostera sp cando son moi xoves. A maioría das especies perden o biso a medida que crecen. E moi poucas permanecen unidas a un substrato duro (por exemplo, Chlamys distorta e Hinnites multirigosus').[22]

Porén, a maioría das vieiras son de vida libre e poden nadar con breves e veloces movementos para escaparen dos depredadores (principalmente estrellas de mar) abrindo e pechando rapidamente as súas valvas. De feito, todo o relacionado coa súa característica forma da cuncha (a súa simetría, estreiteza, superficie lisa e/ou estriada, charneira pequena e flexíbel, poderoso músculo adutor e bordo continuo e uniformemente curvado) facilita dita actividade. Moitas veces fan isto en varios segundos antes de pechar a cuncha por completo e afundirse de novo no fondo da súa contorna. As vieiras poden moverse a través da columna de auga xa sexa cara a adiante (ventralmente), o que se denomina natación, ao succionaren auga a través do espazo entre as súas valvas, unha área chamada "abertura", e expulsala a través de pequenos buratos cerca da liña da charneira, chamados "aberturas de exhalación", ou cara a atrás (dorsalmente), o que se denomina salto, ao expulsaren a auga da mesma maneira que entrou (é dicir, ventralmente). Unha vieira saltadora xeralmente aterriza no fondo do mar entre cada contracción das súas válvas, mentres que unha vieira que nada, faino na columna de auga na maioría ou en todas as súas contraccións e percorre unha distancia moito maior, aínda que rara vez a máis de 1 m no fondo mariño, e poucas veces a unha distancia de máis de 5 m).[22]

Tanto os movementos de salto coma os de natación requiren moita enerxía, e a maioría das vieiras non poden realizar máis de catro o cinco destes movementos seguidos antes de esgotarse por completo e requirir varias horas de descanso. Se unha vieira natatoria aterra sobre o seu lado esquerdo, é capaz de dar a volta cara ao seu lado dereito a través dun movemento similar a un aplauso chamado "reflexo de endereitamento". Dise que as supostas "vieiras cantantes" emiten un son suave e audíbel ao axitaren as súas valvas baixo a auga (aínda que, se isto sucede o non, está suxeito a debate).[23] Algunhas vieiras poden estender o seu pé entre as valvas, e ao contraeren os músculos deste, poden escavaren na area.[24]

Reprodución e ciclo vital[editar | editar a fonte]

A familia dos pectínidos é infrecuente no sentido de que algúns dos seus membros son dioicos (machos e femias están separados), mentres que outros son hermafroditas simultáneos (ambos os sexos etán no mesmo indivuduo), e algúns son hermafroditas protoándricos (é dicir, que comezan a súa vida adulta sendo machos para convertérense despois en femias). As ovas vermellas son as da femia, e as brancas as dos machos. Os espermatozoides e os óvulos libéranse libremente na auga durante a temporada de reprodución e os óvulos fecundados (ovos) afúndense até o fondo mariño. Despois de varias semanas, o ovos eclosionan e as larvas, versións en miniatura e transparentes dos adultos, desprázanse no plancto até que volven a asentarse no fondo para creceren, polo xeral uníndose por medio de fíos do biso. Algunhas especies, como as do xénero Argopecten, do Atlántico, teñen unha vida curta,[9] mentres que outras poden viviren 20 anos ou máis.[25] A idade destes animais moitas veces pódese inferir dos "aneis de crecemento", os aneis concéntricos das cunchas.[9]

Á idade de dous anos, polo xeral, alanzan a madurez sexual, pero non contribúen significativamente á produción de ovos até os catro anos. Como quedou dito, o proceso da reprodución ten lugar externamente despois da desova, na que os óvulos e os espermatozoides se liberan na auga. As vieiras femias son moi fecundas, capaces de produciren centos de millóns de óvulos ao ano. A desova xeralmente ocorre entre o final do verán e o principio do outono, aínda que a desova en primavera tamén pode ter lugar no Atlántico norte nas costas que van desde Massachusetts até Carolina do Norte.[26]

Os ovos, como quedou dito, son planctónicos. As larvas permanecen na columna de auga durante as seguientes catro a sete semanas antes de baixar ao fondo do mar, onde se adhiren aos substratos mediate o biso. Este finalmente desaparece na idade adulta, facendo a transición de case todas as especies de vieiras a nadadoras libres. O crecemiento máis rápido ocorre dentro dos primeiros anos de vida, cun aumento do 50 ao 80 % na cuncha e cuadruplicando o peso da carne, que alcanza o tamaño comercial, nas especies comestíbeis, aos catro o cinco anos de idade.[26]

Mutualismo[editar | editar a fonte]

Algunhas vieiras con frecuencia levan epibiontes, é dicir, organismos sésiles que vive enriba doutro ser vivo, como esponxas ou arneiros, nas súas cunchas. A relación das esponxas coas vieiras caracterízase como unha forma de mutualismo, porque a esponxa dálle protección e camuflaxe interferindo coa súa adhesión a acción depredadora das estrelas de mar.[27][28][29] A adhesión de esponxa protexe, por exemplo, a Chlamys hastata, especie que vive na costa oriental de Norteamérica, dese o golfo de Alasca até San Diego, en California do asentamento de larvas de arneiros, que serve como protección contra os epibiontes que aumentan a susceptibilidade aos depredadores. Polo tanto, o asentamento de larvas de arneiros ocorre con maior frecuencia en cunchas sen esponxas que as protexidas por esponxas.[27]

Perla dunha vieira

De feito, a incrustación de arneiros inflúe negativamente na natación de C. hastata. Aqueles espécimes que nadan con incrustación de arneiros requiren máis enerxía e mostran unha diferenza detectábel no gasto de enerxía anaeróbica que aqueles sen incrustacións. En ausencia de incrustacións de arneiros, as vieiras nadan significativamente máis tempo e alcanzan maiores distancias.[30]

Perlas[editar | editar a fonte]

Algunhas vieiras ocasionalmente producen perlas, aínda que estas non teñen a acumulación de capas translúcidas ou nácara características das perlas das ostras perlíferas, a xeralmente carecen do seu brillo e iridiscencia. Poden seren opacas, pequenas e de diferentes cores, pero hai excepcións que son prezadas polas súas calidades estéticas.[31]

Filoxenia[editar | editar a fonte]

Vieira fósil do xénero Chlamys.
Formación de Nicosia (Plioceno) de Chipre.

A historia fósil das vieiras é rica en especies. Os primeiros rexistros coñecidos de vieiras verdadeiras (aquelas que preentan ctenolio) encontráronse desde o período Triásico, hai máis de 200 millóns de anos.[32]

As primeiras especies dividíronse en dous grupos, un cun exterior case liso: Pleuronectis von Schlotheim, 1820, mentres que o outro tiña costelas radiais e aurículas: Praechlamys Allasinaz, 1972.[33]

Os rexistros fósiles tamén indican que a abundancia de especies dentro dos pectínidos variou moito co tempo. A dos pectínidos era a familia de bivalvos máis diversa na era Mesozoica, pero o grupo case desapareceu por completo ao final do período Cretáceo. Os sobreviventes especializárone rapidamente durante a era terciaria. Rexistráronse case 7 000 nomes de especies e subespecies de pectínidos fósiles e recentes.[34]

Relacións filoxenéticas[editar | editar a fonte]

No cladograma que se expón a continuación, baseado na filoxenia molecular, utilizáronse marcadores xenéticos mitocondriais (12S, 16S) e nucleares (18S, 28S e H3), segundo Yaron Malkowsky e Annette Klussmann-Kolb en 2012.[35]

Pteriomorphia
(c. 247 Ma) Pectinidae

Palliolinae (en parte)

Palliolinae (en parte) e Camptonectinae

Chlamydinae

(70 Ma) Pecten

Flexopecten

(247 Ma) Aequipecten

Limidae

outros Pteriomorphia (ostras, mexillóns)

Relacións cos humnanos[editar | editar a fonte]

As "redes de perlas" adoitaban usarse para o crecemento dos xuvenís na acuicultura das vieiras.

Industria alimentaria[editar | editar a fonte]

Acuicultura[editar | editar a fonte]

A acuicultura de vieiras é a actividade comercial consistente en cultivar vieiras xuvenís até que alcancen un tamaño comercializábel e poidan venderse como un produto de consumo humano. Ests vieiras xuvenís salvaxes foron recolectadas para facelas crecer en catividade no Xapón xa en 1934.[36] Porén, os primeiros intentos de cultivar completamente as vieiras en granxas non se rexistraron até os anos 1950-1960.[37] Tradicionalmente, a pesca de vieiras silvestres era a práctica preferida, xa que a acuicultura pode ser moi custosa. Porén, a diminución en todo o mundo das poboacións de vieiras salvaxes produciu o crecemento da acuicultura. A nivel mundial, esta industria está hoxe ben establecida, cunha produción anual rexistrada de máis de 1 200 000 de toneladas métricas de aproximadamente 12 especies. A China e o Xapón representan aproximadamente o 90 % desta produción.[38]

Existen diferentes graos de intensidade na acuicultura para diferentes especies de vieiras. As especies cultivadas poden dividirse en varias caregorías: as que están comercialmente ben establecidas, as que están nas primeiras etapas comerciais, as que están en desenvolvemento ou en etapas experimentais e outras que se supón que poden seren obxecto de cultivo.

Pesca de espécimes salvaxes[editar | editar a fonte]

Placopecten magellanicus.

Con moito, a maior pescaría de vieiras silvestres é a de Placopecten magellanicus, que se encontra no nordeste dos Estados Unidos e no leste do Canadá. A maior parte do resto da produción mundial de vieiras é a do Xapón e a China.[39]

As vieiras para a acuiucltura colléitanse máis comunmente utilizando dragas de vieira ou redes de arrastre de fondo. Porén, recentemente, as vieiras colleitadas por mergulladores, capturadas a man no fondo do océano, chegaron xa ao mercado.[40]

A diferenza das vieiras capturadas por dragas ou redes no fondo do mar, as vieiras recollidas por mergulladores tenden a seren menos areosas, ademais de seren máis favorábeis para o medio ambiente, xa que este método de recolección non causa danos á fauna e á flora submarinas.[41]

Sostibilidade[editar | editar a fonte]

A pescaría de vieiras en Nova Zelandia diminuíu desde unhas capturas de 1 246 t en 1975 a 41 t en 1980, momento no que o goberno ordenou o peche da pescaría. A sementeira por dispersión na década de 1980 axudou a recuperar a poboación, e as capturas na década de 1990 foron de até 684 t.[42]

A área da baía de Tasmania estivo pechada á recolección comercial de vieiras de 2009 a 2011 debido a unha diminución das capturas. A captura comercial reduciuse a 22 t en 2015, e a pescaría pechouse novamente. As principais causas da diminución parecen ser a pesca, os efectos climáticos, as enfermidades, os contaminantes e a escorrgadura de sedimentos da agricultura e a silvicultura.[42]

A "Royal Forest and Bird Protection Society" de Nova Zelandia enumera as vieiras como "a peor opción" na súa guía de peixes e especies de mariscos sustentábeis.[43]

Na costa leste dos Estados Unidos, nos últimos 100 anos, as poboacións de vieiras diminuíron en gran medida debido a varios factores, pero probabelmente se deba principalmente á redución dos pastriros mariños (aos que se adhiren as larvas das vieiras) causado por un maior desenvolvemento costeiro e as escorrgaduras de nutrientes concomitante. Outro posíbel factor é a redución dos tiburóns poa sobrepesca. Unha variedade de tiburóns adoitaba alimentarse de raias, que son os principais depredadores das vieiras da zona. Coa redución da poboación de tiburóns, nalgúns lugares case eliminadoe, as raias quedaron libres para alimentarse de vieiras até o punto de diminuír considerabelmente o seu número.[44]

Pola contra, a vieira Placopecten magellanicus está en niveis historicamente altos de abundancia despois da recuperación da sobrepesca.[45]

Como alimento[editar | editar a fonte]

Vieiras con salsa de viño

As vieiras caracterízanse por ofreceren dous sabores e texturas nunha cuncha: a "carne", que é firme e branca, a as ovas, chamadas "coral", que son suaves e de cor alaranxada ou avermellada. Ás veces, nos mercados véndens vieiras xa preparadas na súa cuncha, con só a carne. Fóra dos Estados Unidos de América, a vieira a miúdo véndese enteira. No Reino Unido e Australia están dispoñíbeis con e sen coral.[46]

As vieiras sen aditivos denomínande "empaquetadas en seco", mentres que as tratadas con tripolifosfato de sodio (STPP) chámanse "empaquetadas en húmido". O STPP fai que as vieiras absorban a humidade antes do proceso de conxelación, o que aumenta o peso. O proceso de conxelación dura aproximadamente dous días.[47]

Na cociña galega as vieiras fanse normalmente ao forno, con cebola, xamón e pan relado, e tamén en empanada; en tempos pasados, cando abundaban nas rías, preparábanse tamén salgándoas, rebozándoas con fariña de millo e fritíndoas en moito aceite de oliva.[48][49]

Na xaponesa as vieiras poden servirse en sopa ou prepararse como sashimi ou suxi.[50][51] Nun bar de suxi, o hotategai (帆立貝, 海扇) é a vieira tradicional en arroz, e mentres que a kaibashira (貝柱) pode levar vieiras, aínda que en realidade é o músculo adutor de calquera tipo de marisco, por exemplo mexillóns, ostras ou ameixas.[Cómpre referencia] A vieira seca coñécese na cociña cantonesa como conpoy (乾瑤柱, 乾貝, 干貝).[Cómpre referencia]

As vieiras afumadas ás veces sérvense como aperitivo ou como ingrediente na preparación de diversos pratos e aperitivos.[52]

Simbolismo da cuncha[editar | editar a fonte]

Santiago o Maior por Carlo Crivelli, ca. 1480.

Cuncha de Santiago[editar | editar a fonte]

A cuncha de vieira é o emblema tradicional de Santiago o Maior, e é moi popular entre os peregrinos que regresan polo Camiño de Santiago do santuario do apóstolo en Santiago de Compostela.[53][54]

Escudo co símbolo de Santiago. Igrexa do Bo Pastor (Rosemont, Pensilvania).

Os cristiáns medievais recollían unha cuncha de vieira mentres estaban en Compostela como evidencia ter feito a viaxe. A asociación de Santiago coa vieira probabelmente remóntase á lenda de que o apóstolo unha vez rescatou a un cabaleiro cuberto de vieiras. Unha versión alternativa da lenda sostén que mentres os restos de Santiago se transportaban a Galicia desde Xerusalén, o cabalo dun cabaleiro caeu á auga e emerxeu cuberto de cunchas.[55][56]

De feito, en francés, o molusco mesmo, así como unha preparación popular en salsa de crema, se chama coquille St. Jacques (cuncha de Santiago). En alemán é o Jakobsmuscheln, literalmente "o marisco de Santiago". Curiosamente, o nome linneano Pecten jacobaeus dáselle á vieira mediterránea, mentres que a endémica de Galicia é Pecten maximus, debido ao seu maior tamaño.[57]

A cuncha de vieira está representada na decoración das igrexas que levan o nome de Santiago, como a St James' Church, de Sydney, onde aparece en varios lugares, incluídos os mosaicos do piso do coro e do presbiterio.[58] Cando se fai referencia ao apóstolo Santiago, móstrase unha valva da cuncha da vieira coa súa superficie exterior convexa. En contraste, cando a cuncha refire á deusa Venus (véxase máis abaixo), móstrase coa súa superficie interior cóncava.[57]

Cuncha de Santo Agostiño[editar | editar a fonte]

Escudo de armas de Bieito XVI.

Dise que Santo Agostiño de Hipona estando camiñando pola beira do mar, meditando sobre o misterio insondábel da Santísima Trindade viu a un neno que estaba usando unha ccncha para verter auga de mar nun pequeno brato da praia. Cando Agustiño lle preguntou que estaba a facer, o neno respondeulle: "estou baleirando o mar neste burato". Así comprendeu Agustño que o home nunca penetraría nas profundidades do misterio de Deus.[59]

Este significado simbólico foi asumido por Joseph Ratzinger no seu escudo de armas como arcebispo de Múnic, e tamén o usou cando foi elixido papa como Bieito XVI.
Mentres era candidato ao doutoramento en 1953, Ratzinger escribiu a súa disertación sobre "O pobo de Deus e a Casa de Deus na ensinanza de Agostiño", e a cuncha, polo tanto, ten unha conexión persoal co pensamento de Santo Agostiño.[59]

Insignia[editar | editar a fonte]

Unha cuncha de vieira nun escudo de armas alemán.

O símbolo da cuncha de vieira chegou á heráldica como unha insignia dos que estiveran en peregrinación a Compostela, aínda que máis tarde converteuse nun símbolo da peregrinación en xeral. Winston Churchill e Diana de Gales usárono, e figura no escudo de armas da familia Spencer, e tamén o levan no seu nescudo os dous fijos de Diana, os príncipes Guillerme de Cambridge e Henrique de Sussex; tamén, como vimos, o escudo de armas persoal do papa Bieito XVI inclúe unha vieira; outro exemplo é o apelido Wilmot, e tamén o de John Wesley (do que resulta que a cuncha de vieira úsase como emblema do metodismo). Porén, en heráldica non sempre teñen un significado simbólico invariábel, e hai casos de armas nas que ningún membro da familia peregrinou e a presenza da vieira é simplemente un xogo de palabras co nome do armíxero (como no caso de Jacques Coeur), ou por outros motivos.[60] En 1988, o estado de Nova York, nos Estados Unidos de América elixiu a vieira da baía (Argopecten irradians) como a súa cuncha estatal.[61]

Símbolo da fertilidade[editar | editar a fonte]

Venus Anadiómena, de Amisos, Século I a.C. – século I d.C.
O nacemento de Venus, de Botticelli. Galería Uffizi.

Ao longo da antiguidade, as vieiras e outras cunchas de bivalvos, simbolizaron o "principio feminino".[62] Exteriormente, a cuncha pode simbolizar o "principio protector", e no interior, a "forza vital que durme dentro da Terra",[63] e son numerosas as representacións da vaxina e a vulva na arte de todos os tempos.[64][65]

Moitas pinturas de Venus, a deusa romana do amor e a fertilidade, incluíron unha cuncha de vieira na pintura para identificala. Isto é evidente na pintura de Botticelli (século XV), de inspiración clásica, O nacemento de Venus.[66][67]

Unha lenda do Camiño de Santiago sostén que a ruta foi vista como unha especie de peregrinación de fertilidade, realizada cando unha parella moza desexaba ter descendencia. Crese que a cuncha de vieira foi levada orixinariamente, polo tanto, polos pagáns como símbolo de fertilidade.[68][69]

Outras interpretacións[editar | editar a fonte]

Alternativamente, a vieira aseméllase á posta do Sol, que foi o foco dos rituais celtas precristiáns da zona onde vivían.[Cómpre referencia].

Dise que as raíces precristiáns do Camiño de Santiago foron unha viaxe da morte céltica cara ao oeste, cara ao sol poñente, que terminaba na "Fin do Mundo" (Fisterra), na Costa da Morte, o "Mar da Escuridade" (é dicir, o Abismo da Morte, o Mare Tenebrosum, nome en latín do océano Atlántico, que leva o mesmo nome da "civilización moribunda" da Atlántida).[70]

Na arte moderna[editar | editar a fonte]

Na praia de Aldeburgh, Suffolk, Inglaterra, hai unha escultura de aceiro de Maggi Hambling, chamada The Scallop (A vieira), erixida en 2003 como un monumento ao compositor Benjamin Britten, que tivo unha llonga relación coa cidade.[71]

Galería de imaxes de pectínidos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Pectinidae Rafinesque, 1815 no WoRMS. Consultada o 30 de xaneiro de 2020.
  2. 2,0 2,1 2,2 Pectinidae Rafinesque, 1815 no ITIS.
  3. Robinson & Robinson 2000, p. 65.
  4. Latchford, John W.; Beaumont, Andy R.; Wilding, Craig S. (Outubro de 1999). "Are Pecten maximus and Pecten jacobaeus different species?". Journal of the Marine Biological Association of the United Kingdom 79 (5): 949–952. doi:10.1017/S0025315499001149. 
  5. Non recoñecido polo WoRMS.
  6. Shumway & Parsons 2011, p. 207.
  7. Shumway & Parsons 2011, p. 124.
  8. Milsom & Rigby 2009, p. 62.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Drew, Gilman Arthur 1906, pp. 5–6.
  10. Shumway & Parsons 2011, p. 59.
  11. 11,0 11,1 Shumway & Parsons 2011, p. 123.
  12. 12,0 12,1 Hautmann, Michael (2010). "The first scallop" (PDF). Paläontologische Zeitschrift 84 (2): 317–322. doi:10.1007/s12542-009-0041-5. 
  13. Speiser, Daniel I.; Johnsen, Sönke (2008-12-29). "Comparative Morphology of the Concave Mirror Eyes of Scallops (Pectinoidea)". American Malacological Bulletin 26 (1–2): 27–33. ISSN 0740-2783. doi:10.4003/006.026.0204. 
  14. Speiser, D. I.; Loew, E. R.; Johnsen, S. (2011). "Spectral sensitivity of the concave mirror eyes of scallops: potential influences of habitat, self-screening and longitudinal chromatic aberration". Journal of Experimental Biology 214 (3): 422–431. PMID 21228201. doi:10.1242/jeb.048108. 
  15. "Eyes detect changing movement patterns: queen scallop". asknature.org. 
  16. Land, MF; Fernald, RD (1992). "The evolution of eyes" (PDF). Annual Review of Neuroscience 15: 1–29. PMID 1575438. doi:10.1146/annurev.ne.15.030192.000245. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de xaneiro de 2018. Consultado o 02 de febreiro de 2020. 
  17. Speiser, Daniel I.; Johnsen, Sönke (2008-07-01). "Scallops visually respond to the size and speed of virtual particles". Journal of Experimental Biology 211 (13): 2066–2070. ISSN 0022-0949. PMID 18552295. doi:10.1242/jeb.017038. 
  18. Drew, Gilman Arthur 1906, p. 20.
  19. Sistemas nerviosos: moluscos en Cuadernos de Cultura Científica (en castelán).
  20. Drew, Gilman Arthur 1906, p. 46.
  21. Drew, Gilman Arthur 1906, pp. 43–47.
  22. 22,0 22,1 Shumway & Parsons 2011, pp. 689–690.
  23. Dore, Ian 2013, p. 152.
  24. Gosling, Elizabeth 2015, p. 29.
  25. "Scallop Aquaculture" (PDF). College of Marine Science. 
  26. 26,0 26,1 Hart, D. R.; Chute, A. S. (2004). "Essential Fish Habitat Source Document: Sea Scallop, Placopecten magellanicus, Life History and Habitat Characteristics" (PDF). NOAA Tech Memo NMFS NE-189. 
  27. 27,0 27,1 Bloom, S. (1975). "The motile escape response of a sessile prey: a sponge-scallop mutualism". Journal of Experimental Biology and Ecology 17 (3): 311–321. doi:10.1016/0022-0981(75)90006-4. 
  28. Pitcher, C.R.; Butler, A.J. (1987). "Predation by asteroids, escape response, and morphometrics of scallops with epizoic sponges". Journal of Experimental Marine Biology and Ecology 112 (3): 233–249. doi:10.1016/0022-0981(87)90071-2. 
  29. Forester, A.J. (1979). "The association between the sponge Halichondria panicea (Pallas) and scallop Chlamys varia (L.): a commensal protective mutualism". Journal of Experimental Marine Biology and Ecology 36 (1): 1–10. doi:10.1016/0022-0981(79)90096-0. 
  30. Donovan, D.; Bingham, B.; Farren, H.; Gallardo, R.; Vigilant, V. (2002). "Effects of sponge encrustation on the swimming behaviour energetics and morphometry of the scallop Chlamys hastata" (PDF). Journal of the Marine Biological Association of the United Kingdom 82 (3): 469–476. doi:10.1017/s0025315402005738. 
  31. Matlins 2001, p. 56.
  32. Raymond Cecil Moore et al. (1969): Treatise on Invertebrate Paleontology. Part N, Volume 1 (of 3) Mollusca 6: Bivalvia. Boulder, CO: Geological Society of America; Lawrence, KS: University of Kansas. p. 348.
  33. Waller, T. R. (1993). "The evolution of Chlamys (Mollusca: Bivalvia: Pectinidae) in the tropical western Atlantic and eastern Pacific". American Malacological Bulletin 10 (2): 195–249. 
  34. Harper et al. 2000, p. 254.
  35. Malkowsky, Yaron; Klussmann-Kolb, Annette (May 2012). "Phylogeny and spatio-temporal distribution of European Pectinidae (Mollusca: Bivalvia)". Systematics and Biodiversity 10 (2): 233–242. doi:10.1080/14772000.2012.676572. 
  36. Kinoshita, T. (1935): "A test for natural spat collection of the Japanese scallop". Report of the Hokkaido Fish Research Station 273: 1-8.
  37. Shumway & Parsons 2006.
  38. Institut français de recherche pour l'exploitation de la mer.
  39. Shumway & Parsons 2011, p. 902.
  40. Walker, Margaret (1991). "What price Tasmanian scallops? A report of morbidity and mortality associated with the scallop diving season in Tasmania 1990". South Pacific Underwater Medicine Society Journal 21 (1). Arquivado dende o orixinal o 20 de outubro de 2013. Consultado o 3 de febreiro de 2020. 
  41. Shumway & Parsons 2011, pp. 689–690.
  42. 42,0 42,1 Arnold, Naomi (Xullo–Agosto de 2018). "What we do in the shallows". New Zealand Geographic 152: 56–73. 
  43. "Scallops". Forest and Bird. 
  44. Pinet 2011, p. 333.
  45. Granata, Flick & Martin 2012, p. 96.
  46. Shumway & Parsons 2011, p. 1355.
  47. Rolnick & Peterson 2014, p. 47.
  48. Cunqueiro, A. 1973, pp. 70-71.
  49. Sueiro, J. V. 1981b, pp. 86-87.
  50. Las recetas más sofisticadas de influencia japonesa de Club A (en castelán).
  51. Sushi de vieiras Arquivado 04 de febreiro de 2020 en Wayback Machine. en A la carta para dos] (en castelán).
  52. Broder, Andy (7 de xuño de 2012). "AndyTalk: Beyond Lox – Smoked Seafood Hold the Bagels". Phoenix New Times. Arquivado dende o orixinal o 09 de xuño de 2012. Consultado o 4 de febreiro de 2020. 
  53. Thomas, Hope B. Werness; line drawings by Joanne H. Benedict and Hope B. Werness; additional drawings by Tiffany Ramsay-Lozano and Scott (2003). The continuum encyclopedia of animal symbolism in art. New York: Continuum. p. 359. ISBN 9780826415257. 
  54. Sueiro, J. V. 1981a, pp. 236-237.
  55. Starkie 1965, p. 71.
  56. The Editors of Encyclopædia Britannica (26 de novembro de 2008). "Scallop BIVALVE". Encyclopædia Britannica. Consultado o 3 de febreiro de 2020. 
  57. 57,0 57,1 Davies, Paul; Howard, Deborah; Pullan, Wendy, eds. (2013). Architecture and pilgrimage, 1000–1500: southern Europe and beyond. Aldershot, Hamps.: Ashgate Publishing. pp. 73–86. ISBN 978-1-4724-1083-2. 
  58. The Church 1963, p. 22.
  59. 59,0 59,1 Willard & Owens 1997, p. 68.
  60. Stix, Stix & Abbott 1968.
  61. "New York State Shell: Bay Scallop". State Symbols USA. Consultado o 4 de febreiro de 2020. 
  62. Salisbury 2001, p. 11.
  63. Fontana 1994, pp. 88, 103.
  64. Gutzwiller, K . (1992). "The Nautilus, the Halycon, and Selenaia: Callimachus's Epigram 5 Pf.= 14 G.-P". Classical Antiquity 11 (2): 194–209. JSTOR 25010972. doi:10.2307/25010972. 
  65. Johnson 1994, p. 230.
  66. "Birth of Venus". artble.com. 2017. Consultado o 4 de febreiro de 2020. 
  67. Sueiro, J. V. 1981a, p. 237.
  68. Slavin, S. (2003). "Walking as Spiritual Practice: The Pilgrimage to Santiago de Compostela". Body and Society 9 (1): 18. doi:10.1177/1357034X030093001. 
  69. Gauding 2009, p. 169.
  70. Thomas, Isabella. "Pilgrim's Progress". Europe in the UK. Comisión Europea. Arquivado dende o orixinal o 23 de marzo de 2008. Consultado o 4 de febreiro de 2020. 
  71. Dunford & Lee 2012, p. 486.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]