Pazo do Marqués de Bendaña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Pazo dos Bendaña")
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa

Coordenadas: 42°42′58″N 08°41′38″O / 42.71611, -8.69389

Pazo do marqués de Bendaña.

O Pazo de Dodro é unha construción civil situada na aldea de Vigo (Dodro). Coñécese tamén co nome de Pazo de Vigo ou como Torre do marqués de Bendaña. Era propiedade do marqués de Bendaña, natural de Santiago de Compostela.

Na actualicade atopase en moi mal estado de conservación e practicamente só se pode apreciar a que foi a súa capela e algunha das estancias menores. É propiedade particular ó ser vendido durante a Transición Española[1].

Descrición[editar | editar a fonte]

O pazo de Bendaña, na aldea de Vigo, estaba cinguido por un bosque de piñeiros e carballos. Atribúeselle a creación a Marcos Fandiño. Destacaba a torre, de planta rectangular que o presidía, sobre o patio de honra das casas que o rodeaban. Era unha valiosa mostra do barroco galego, en concreto compostelán. Tiña unha preciosa balconada que corría ao longo da fachada á altura do primeiro andar. Tiña gárgolas nas catro esquinas e un escudo historiado baixo o beiril.

O brasón estaba constituído por cinco pedras armeiras divididas en seis cuarteis; unha flor de lis, orixinaria dos Florín, unha especie de reixa que substituía o axadrezado da casa de Valadares, unha torre con dous leóns, dez lanzas flanqueando o piñeiro dos Caamaño, as faixas dos Ribeira e a serea nadando nas ondas dos Mariño de Lobeira.

Os Bendaña tamén estaban emparentados cos Moscoso, cos Ulloa, cos Soutomaior e cos Romai. As vicisitudes do pazo de Vigo, que tamén se chamou pazo de Santa Baia de Vigo, foron o lazo de unión entre as familias de máis prosapia de Galicia[2].

Historia[editar | editar a fonte]

A Torre e Pazo de Dodro xa existían a principios do século XVI; o edificio fíxose despois en estilo barroco, dos séculos XVII e XVIII, conforme relata Ángel del Castillo no Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia, sendo unha fermosa mostra do barroco compostelán.

O Couto Redondo de Dodro e Lestrobe foi potestade do Marqués de Bendaña. Remontase a súa xenealoxía a don Marcos Fandiño, devanceiro tamén dos señores da Torre de Goiáns en Boiro. Na segunda metade do século XVII, don Carlos de la Torre Romay e Soutomaior, herdou Torre de Dodro e a Torre do Monte en Padrón. A súa filla Xoana casará con don Xoán Benito Piñeyro e Ulloa, que será o segundo marqués de Bendaña, partir de aí permaneceu o título do marquesado nesta familia[3]. O Concello de Dodro ostenta un piñeiro no seu escudo de armas por este motivo.

O pazo foi descrito polo escritor escocés Aubrey FG Bell na súa obra Galicia vista por un inglés e sábese que arredor do ano 1920 o pazo e a torre seguían en pé, pero medio en ruínas[1].

Na década de 1940, o gobernador da Coruña quixo ofrecerlle a Francisco Franco un agasallo da provincia. Pensou no pazo de Meirás, e para o reconstruír, desmantelou Vigo pedra por pedra, para montar en Meirás os seus máis nobres elementos. Así se levaron as pedras do pazo de Bendaña, as figuras da capela, os escudos, gravados etc. Tamén había en Dodro unha importante biblioteca que debeu marchar coas pedras. As pedras permaneceron nunha morea durante anos. Un acordo do propio municipio de Dodro ofreceulle ao Caudillo, non só os alicerces arquitectónicos, senón a propiedade completa da casa de Bendaña[2].

Coa chegada da Transición o pazo de Dodro e o terreo lindeiro son vendidos a particulares. Actualmente só se conserva a capela do pazo, e crese que as pedras da torre e os demais motivos ornamentais seguen no pazo de Meirás[1].

Dodro reclama a devolución de parte do seu patrimonio no ano 2008 para recuperar todo aquilo que se poida do pazo de Bendaña e para resarcir así unha vella débeda histórica que levou ao concello a perder un dos seus máis simbólicos edificios[4][5].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "O pazo de Vigo", artigo de Refoxeiro no blog O miradoiro da Revoltiña, 22 de decembro de 2010.
  2. 2,0 2,1 Galicia Hoxe: "Reclamación de Dodro", no artigo de opinión de Avelino Abuín de Tembra.
  3. Manuel Lorenzo Baleirón: "Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga", en pdf, páxina 225.
  4. Galicia Hoxe (9-5-2008) "O donativo do espolio".
  5. El Correo Gallego (20-5-2008) "Dodro pide la devolución de parte de su patrimonio expoliado para Meirás", en castelán.