Pazo de Rioboó

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pazo de Rioboó
ConcelloCenlle
ProvinciaOurense
ComunidadeGalicia
Coordenadas42°22′20″N 8°05′58″O / 42.372112101475, -8.0995729964713Coordenadas: 42°22′20″N 8°05′58″O / 42.372112101475, -8.0995729964713
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(1730)
editar datos en Wikidata ]
Planta alta, dedicada á vivenda.
Fachada de acceso á capela.
Detalle do portalón.

O Pazo de Rioboó é un pazo barroco sito no lugar de Riobó, na parroquia de Osmo, no concello de Cenlle. Tamén se coñece como Casa Grande de Rioboó e Pazo dos Temes. Foi un dos máis importantes da comarca. Hoxe en día mantense en bo estado, conservado e restaurado polos seus donos.


Historia[editar | editar a fonte]

Pertenceu a Baltasar Benito de Araujo y Somoza e despois a Andrés Antonio de Prado y Ulloa. No ano 1788 era dono do pazo Bernardino de Prado Ulloa Piñeiro Araujo Osorio y Barba, cóengo da catedral de Santiago, que mandou edificar a capela e a portada do pazo. O padroádego estaba constituído polo Xefe da Casa Grande de Rioboó, e os párrocos de Osmo, Navío, Anllo e Gomariz.

Descrición[editar | editar a fonte]

O conxunto arquitectónico está configurado por un edificio principal de planta rectangular e varias construcións secundarias unidas á principal, incluída a capela, todo el pechado por un muro e fachadas.

Ten dous patios inscritos contiguos ao redor dos que se organizan os diversos corpos. Estes patios organízanse en torno a unha serie de funcións. O primeiro era público, dando acceso á capela á cal acudían os colonos das propiedades da casa, o segundo é o de acceso ao edificio principal, creándose a continuación del un subespazo de chegada á cociña.

A fachada da vivenda presenta dúas plantas, cun corpo que sobresae no centro e está ocupada na planta principal por unha solaina, na actualidade pechada en parte, con cuberta sostida por columnas de pedra e piares de madeira con zapatas.

Toda a planta baixa adícase a adega. Na fachada do pasadizo ábrese un grande arco de medio punto configurando unha especie de soportal.

A vivenda consérvase moi ben, cos seus teitos e pisos de madeira de castiñeiro nos salóns principais, a cociña empedrada, con lareira, as cabalerizas na planta baixa co teito abovedado formado por tres grandes arcos de medio punto, que se corresponden no piso alto cun salón empedrado.

O portalón[editar | editar a fonte]

O magnífico portalón de entrada está formado por un arco de medio punto con grandes doelas.

O muro remátase cunha cornixa. Sobre a portada álzase un pavillón, cun corpo central máis alto enmarcado por dúas columniñas corintias apeadas en repisas molduradas que sosteñen un entaboamento e frontón circular partido, decorado con placas e cilindros. Entre as columnas vai un escudo acuartelado timbrado con coroa e lambrequines coas armas dos fundadores en catro particións: Prado, Valcarcel, Ulloa e Osorio. A ámbolos lados sitúanse dúas cartelas nos baixos do pavillón, e todo o conxunto remátase con acroterios de bóla, placa e cilindros, decoración moi influída pola escola barroca santiaguesa de Simón Rodríguez.

A capela[editar | editar a fonte]

A capela está unida e separado ao mesmo tempo polo corpo de división onde se localiza a sancristía e o paso á tribuna da capela. A planta é rectangular. A fachada principal oriéntase ao norte, enmárcase por pilastras de festón refundido sobre pedestais. Pilastras estriadas sosteñen un entaboamento con acroterios nos extremos sobre o que descansa unha fornela. A porta leva unha moldura acodada e decoración de placas. Remátase a fachada cunha cornixa e unha pequena espadana.

O interior distribúese nunha nave separada do presbiterio por un arco de medio punto. A bóveda é de crucería.

O retablo data de 1768, obra de Benito de Lemos, mestre escultor, veciño de Cima de Vila segundo deseño feito por Juan Antonio Nogueira, arquitecto de Santiago, e a petición de Joaquín Lorenzo de Prado e Ulloa, presbítero administrador da casa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]