Patrimonio da Humanidade en Noruega


A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) designa como Patrimonio da Humanidade aqueles elementos do patrimonio cultural ou patrimonio natural que posúen un valor universal excepcional e propostos polos países asinantes da Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, establecida en 1972.[1][2] O patrimonio cultural comprende monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), conxuntos de edificios e sitios (incluíndo xacementos arqueolóxicos). O patrimonio natural comprende os elementos naturais (formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluíndo os hábitats de especies animais e vexetais ameazadas) e os sitios naturais que revisten importancia desde o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural.[3] O Reino de Noruega aceptou a convención o 12 de maio de 1977, o que permitiu que os seus sitios históricos puidesen optar á súa inclusión na lista. En 2017, había oito sitios do Patrimonio da Humanidade en Noruega: sete culturais e un natural. Existe un sitio transnacional, o Arco Xeodésico de Struve, que se comparte con outros nove países.[4]
Os dous primeiros sitios de Noruega, a Igrexa de madeira de Urnes e Bryggen, inscribíronse na lista durante a 3.ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial, celebrada no O Cairo e en Luxor (Exipto) en 1979.[5] A última inscrición, o Sitio do patrimonio industrial de Rjukan-Notodden, engadiuse á lista en 2015.[6]> Ademais dos seus sitios Patrimonio da Humanidade, Noruega tamén mantén seis sitios na súa lista indicativa, tres das cales son candidaturas transnacionais.[4]
Sitios Patrimonio da Humanidade
[editar | editar a fonte]A UNESCO cataloga os sitios segundo dez criterios; cada entrada debe cumprir polo menos un dos criterios. Os criterios do I ao VI son culturais, e do VII ao X son naturais.[7] * Sitio transnacional
| Sitio | Imaxe | Localización (condado) | Ano de inscrición | Datos da UNESCO | Descrición |
|---|---|---|---|---|---|
| Igrexa de madeira de Urnes | Vestland | 1979 | 58; I, II, III (cultural) |
A igrexa de madeira de Urnes é un dos exemplos máis antigos e destacados deste tipo de igrexas de madeira. Construíuse nos séculos XII e XIII e incorpora elementos da tradición viquinga procedentes da igrexa anterior, do século XI. A igrexa combina influencias da arte celta, das tradicións viquingas e da arquitectura románica. A talla en madeira, procedente da igrexa anterior, representa animais entrelazados e en loita, conectando así a cultura nórdica precristiá co cristianismo da Idade Media.[8] | |
| Bryggen | Vestland | 1979 | 59; III (cultural) |
Bryggen é o barrio portuario histórico de Bergen, unha importante cidade da costa occidental de Noruega. En 1350, a Liga Hanseática estableceu en Bergen un posto comercial estranxeiro, un *kontor*, que controlaba o comercio de peixe seco (*stockfish*) procedente do norte. O período hanseático prolongouse ata o século XVI. As casas de madeira de Bryggen sufriron numerosos incendios, o último na década de 1950, pero sempre reconstruíronse seguindo o estilo tradicional. Hoxe en día consérvanse arredor de 60 edificios tradicionais.[9] | |
| Vila mineira de Røros e a súa Circunferencia | Trøndelag | 1980 | 55; III, IV (cultural) |
Røros foi unha cidade mineira de cobre dende 1644 ata 1977, cando a compañía mineira quebrou. A cidade está construída enteiramente en madeira. Foi completamente arrasada polas tropas suecas en 1679 durante a Guerra Escánica, pero posteriormente reconstruída. Xunto coa área circundante, a Circunferencia (a área de privilexios outorgada polo rei danés-noruegués á fábrica de cobre de Røros en 1646), demostra a vida e o traballo nunha cidade mineira nun clima subártico rigoroso.[10] | |
| Arte rupestre de Alta | Finnmark | 1985 | 352; III (cultural) |
Esta propiedade contén 45 sitios de petróglifos en cinco áreas arredor do Fiorde de Alta no Concello de Alta, ao norte do Círculo Polar Ártico. Miles de pinturas e gravados, que datan aproximadamente do 4200 a C. ao 500 a.C., representan fauna circumpolar, como renos, alces, osos, peixes, baleas e aves mariñas, así como a interacción dos cazadores-recolectores coa paisaxe. Os paneis mostran caza, pesca, viaxes en barco, así como símbolos e rituais. Tamén se representan varios artefactos da cultura material.[11] | |
| Vegaøyan – o arquipélago de Vega | Nordland | 2004 | 1143; V (cultural) |
Ademais de seren pescadores e agricultores, polo menos desde o século IX, os habitantes do arquipélago de Vega recollían penuxe de éider, a pluma dos patos éider. A xente construía refuxios e niños para os patos que viñan aquí cada primavera e eran protexidos durante a época de cría, o que lles permitía recoller a penuxe cando os patos e os polos abandonaban os niños. Esta tradición aínda se conserva nos tempos modernos. A paisaxe cultural inclúe vilas pesqueiras, peiraos, almacéns, paisaxes agrícolas, faros e balizas.[12] | |
| Arco Xeodésico de Struve* | Finnmark | 2005 | 1187; II, III, VI (cultural) |
O Arco Xeodésico de Struve é unha serie de puntos de triangulación que se estenden ao longo de 2820 km desde Hammerfest (Noruega) ata o mar Negro. Os puntos establecéronse nunha medición realizada polo astrónomo Friedrich Georg Wilhelm von Struve, quen levou a cabo por primeira vez unha medición precisa dun longo segmento dun meridiano, o que axudou a determinar o tamaño e a forma da Terra. Orixinalmente, había 265 puntos de estación. O sitio do Patrimonio da Humanidade inclúe 34 puntos en dez países (de norte a sur: Noruega, Suecia, Finlandia, Rusia, Estonia, Letonia, Lituania, Belarús, Moldova e Ucraína), catro dos cales se atopan en Noruega.[13] | |
| Fiordes do oeste de Noruega – Geirangerfjord e Nærøyfjord | Møre og Romsdal e Vestland | 2005 | 1195; VII, VII (natural) |
Os dous fiordes figuran entre os máis longos e profundos do mundo. Son exemplos clásicos de fiordes, é dicir, vales glaciais somerxidos. As ladeiras dos vales elévanse ata 1400 m sobre o nivel do mar e descenden ata 500 m por baixo del. A zona tamén conta cun gran número de fervenzas, glaciares e lagos glaciais..[14] | |
| Sitio do patrimonio industrial de Rjukan-Notodden | Telemark | 2015 | 1486; II, IV (cultural) |
O complexo industrial das localidades de Rjukan e Notodden estableceuno a compañía Norsk Hydro a principios do século XX. As primeiras centrais hidroeléctricas proporcionaron enerxía para a produción industrial de fertilizantes artificiais a partir do nitróxeno do aire, unha nova industria global.[15] |
Lista indicativa
[editar | editar a fonte]Ademais dos sitios inscritos na Lista do Patrimonio Mundial, os estados membros poden manter unha lista de sitios indicativos que poderían considerar para a súa candidatura. As candidaturas para a Lista do Patrimonio Mundial só se aceptan se o sitio figuraba previamente na lista indicativa.[16] En 2025, Noruega ten seis sitios na súa lista indicativa.[4]
| Sitio | Imaxe | Localización | Ano de inclusión | Criterios da UNESCO | Descrición |
|---|---|---|---|---|---|
| Área de Laponia – Tysfjorden, o fiorde de Hellemobotn e Rago (ampliación)* | Nordland | 2002 | III, V, VII, VIII, IX (mixto) | Este sitio provisional é a ampliación do sitio xa inscrito en Suecia. Laponia está habitada polo pobo sami, que conserva un modo de vida tradicional baseado no pastoreo de renos. Na zona que rodea o Tysfjorden existe unha importante comunidade de sami de Lule. O Parque Nacional de Rago é unha zona montañosa agreste.[17][18] | |
| As illas Lofoten | Nordland | 2002 | III, VIII, IX, X (mixto) | As Lofoten son un grupo de illas ao norte do Círculo Polar Ártico, que abarcan 250 km. Consisten principalmente en rochas Precámbricas. A pesca de bacallau foi unha importante fonte de ingresos desde a época previquinga. A zona tamén é un hábitat importante para os animais, sendo especialmente famosos os cantís de aves en Røst e Værøy.[19] | |
| Arquipélago de Svalbard | Svalbard | 2007 | V, VI, VII, VIII, IX, X (mixto) | Preto do 60 % do arquipélago de Svalbard está cuberto de neve e xeo. As illas utilizáronse como estacións baleeiras e por mineiros durante séculos, e agora hai asentamentos permanentes noruegueses e rusos. Dado que a natureza está na súa maior parte intacta, é un hábitat importante para animais árticos, como o raposo ártico, os renos, as baleas, as focas, incluídas as morsas, así como o salveiro ártico que vive en lagos e ríos. Moitas aves aniñan en Svalbard, incluídos os patos eider e os gansos. A rocha materna de Svalbard é rica en fósiles.[20] | |
| Illas de Jan Mayen e Bouvet como partes dunha candidatura transnacional en serie do sistema Dorsal Mesoatlántica * | Jan Mayen e Bouvet | 2007 | VIII, IX, X (natural) | Isto forma parte dunha candidatura transnacional que abrangue os puntos supramarinos da Dorsal Mesoatlántica. Dúas illas, ambas volcánicas, son norueguesas, outros sitios pertencen a Brasil, Gran Bretaña, Portugal e Islandia. Jan Mayen (parte integral do Reino de Noruega), no Ártico, é un lugar de cría para un gran número de focas de groenlandia e focas de capelo, así como de aves mariñas. A illa Bouvet, unha dependencia de Noruega, atópase a 2400 km ao sur do Cabo de Boa Esperanza e alberga poboacións de pingüíns macaróns e pingüíns antárticos, pero tamén se rexistrou a cría de pingüíns de Adelia. É un lugar de cría de focas antárticas e elefantes mariños.[21] | |
| Monumentos e sitios viquingos / enterramentos en barco de Vestfold e canteiras de moas de Hyllestad* | Vestfold, Vestland | 2011 | III (cultural) | Esta candidatura transnacional inclúe nove sitios en seis países, relacionados co legado da cultura viquinga entre os séculos VIII e XII. Dous dos sitios atópanse en Noruega. O sitio de Vestfold abrangue tres enterramentos en barco e varios túmulos funerarios. As canteiras de Hyllestad producían pedras de muíño manual, primeiro para uso da poboación local e máis tarde para a exportación.[22][23] | |
| Várjjat Siida | Finnmark | 2025 | III (cultural) | Esta zona da península de Varanger abrangue algúns dos asentamentos máis antigos do final da Idade do Xeo. Entre as súas características distintivas figuran lugares de culto e de sacrificio, casas semienterradas e sistemas de caza de pedra.[24] |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "The World Heritage Convention". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2016. Consultado o 21 de setembro de 2010.
- ↑ "Explore UNESCO World Heritage". Google Arts & Culture (en inglés). Consultado o 2023-01-18.
- ↑ "Convention Concerning the Protection of the World Cultural and Natural Heritage". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 1 de febreiro de 2021. Consultado o 3 de febreiro de 2021.
- 1 2 3 "Norway". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 11 de xullo de 2017. Consultado o 14 de xullo de 2017.
- ↑ "Report of the 3rd Session of the Committee". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 23 de agosto de 2017. Consultado o 14 de xullo de 2017.
- ↑ "Decision : 39 COM 8B.29". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2017. Consultado o 14 de xullo de 2017.
- ↑ "UNESCO World Heritage Centre – The Criteria for Selection". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2016. Consultado o 17 de agosto de 2018.
- ↑ "Urnes Stave Church". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 5 de xullo de 2020. Consultado o 14 de xullo de 2017.
- ↑ "Bryggen". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 16 de novembro de 2019. Consultado o 14 de xullo de 2017.
- ↑ "Røros Mining Town and the Circumference". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 1 de xullo de 2020. Consultado o 14 de xullo de 2017.
- ↑ "Rock Art of Alta". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 1 de xullo de 2020. Consultado o 14 de xullo de 2017.
- ↑ "Vegaøyan – The Vega Archipelago". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 1 de xullo de 2020. Consultado o 14 de xullo de 2017.
- ↑ "Struve Geodetic Arc". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2005. Consultado o 14 de xullo de 2017.
- ↑ "West Norwegian Fjords – Geirangerfjord and Nærøyfjord". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2020. Consultado o 14 de xullo de 2017.
- ↑ "Rjukan–Notodden Industrial Heritage Site". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 3 de xullo de 2020. Consultado o 14 de xullo de 2017.
- ↑ "Tentative Lists". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 1 de abril de 2016. Consultado o 7 de outubro de 2010.
- ↑ "The Laponian Area – Tysfjord, the fjord of Hellemobotn and Rago (extension)". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2019. Consultado o 23 de novembro de 2019.
- ↑ "Laponian Area". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 25 de novembro de 2019. Consultado o 23 de novembro de 2019.
- ↑ "The Lofoten islands". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 31 de outubro de 2019. Consultado o 23 de novembro de 2019.
- ↑ "Svalbard Archipelago". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 30 de xaneiro de 2012. Consultado o 23 de novembro de 2019.
- ↑ "Islands of Jan Mayen and Bouvet as parts of a serial transnational nomination of the Mid-Atlantic Ridge system". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 7 de outubro de 2019. Consultado o 23 de novembro de 2019.
- ↑ "VIKING MONUMENTS AND SITES / Vestfold Ship Burials and Hyllestad Quernstone Quarries". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 31 de outubro de 2019. Consultado o 23 de novembro de 2019.
- ↑ "International conference on millstone in Bergen – and the Hyllestad quarry landscape". Per Storemyr Archaeology & Conservation. 24 de outubro de 2011. Arquivado dende o orixinal o 7 de abril de 2020. Consultado o 11 de xaneiro de 2020.
- ↑ "Várjjat Siida". UNESCO World Heritage Centre. Arquivado dende o orixinal o 1 de novembro de 2025. Consultado o 1 de novembro de 2025.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Patrimonio da Humanidade en Noruega |