Patrick Süskind

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Patrick Süskind, nado o 26 de marzo de 1949 en Ambach (Baviera), é un escritor alemán e guionista de cine. Acadou sona internacional co seu libro O Perfume. Historia dun asasino.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Realizou estudos de Historia Medieval e Moderna na Universidade de Múnic e en Aix-en-Provence entre 1968 e 1974. Na década de 1980 traballou como un guionista televisivo, para "Kir Royal" e "Monaco Franze" entre outros.

Seu pai, Wilhelm Emanuel Süskind, foi escritor e tradutor, traballou durante longo tempo no periódico alemán Süddeutsche Zeitung. Seu irmán maior, Martin E. Süskind é xornalista.

A súa primeira obra foi o monólogo O contrabaixo, estreado en Múnic en 1981, que na tempada 1984/85 ofreceu 500 representacións, converténdose así na peza de teatro de idioma alemán con maior duración en cartel e séguese repoñendo habitualmente en teatros alemáns e internacionais. Mais o éxito chegoulle coa novela, O perfume (1985) traducido a máis de 40 linguas, entre elas o latín; a obra converteuse rapidamente nun bestseller con aproximadamente 15 millóns de exemplares vendidos; no ano 2006 o director Tom Tyker levouna ao cine. Outras obras súas son: A Pomba (1988), A historia do señor Sommer (1991)ou Tres Historias (1996).

Süskind concede moi poucas entrevistas, non aparece en público e rexeitou varios recoñecementos, como os premios de literatura Gutenberg, Tukan e FAZ. Non asistiu tampouco á estrea internacional da película O Perfume en Múnic.

Existen moi poucas fotografías de Süskind, aínda que na película para televisión "Monaco Franze" fai un pequeno papel de figurante no noveno episodio.

Obra[editar | editar a fonte]

Literatura[editar | editar a fonte]

  • Der Kontrabass ("O contrabaixo", 1981)
  • O perfume (Das Parfum, 1985)
  • Die Taube ("A pomba", 1987)
  • Die Geschichte von Herrn Sommer ("A historia do señor Sommer", 1991)
  • Drei Geschichten ("Tres historias" 1995)
  • Über Liebe und Tod ("Sobre o amor e a morte", 2006)

Guións[editar | editar a fonte]

  • Der ganz normale Wahnsinn (A loucura máis normal", 1980, con Helmut Dietl)
  • Monaco Franze (1982, con Helmut Dietl)
  • Kir Royal (1986, con Helmut Dietl)
  • Rossini – oder die mörderische Frage, wer mit wem schlief ("Rossini –ou a pregunta asasina, quen dorme con quen", 1997, con Helmut Dietl)
  • Vom Suchen und Finden der Liebe ("Da procura e encontro do amor", 2005, con Helmut Dietl)