Patria potestade compartida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Patria potestade compartida é o nome da institución xurídica que recoñece a igualdade de homes e mulleres no réxime de patria potestade, naqueles países occidentais que adoptaron ese réxime para regular as relacións entre pais e fillos. Tradicionalmente en Occidente, o poder de tomar decisións sobre os fillos menores foi un atributo do pai, constituíndo un dos alicerces do patriarcado. Desde o século XIX, o movemento feminista incluíu nos seus principais reclamos a derrogación das leis que impuñan a supremacía do home sobre a muller, na toma de decisións sobre os fillos.[1] Nos países que estabeleceron réximes de patria potestade, ese reclamo feminista foi coñecido como "patria potestade compartida" ou "patria potestade conxunta".

Desde fins do século XX, existe unha tendencia a abandonar o réxime de patria potestade, para estabelecer réximes de "responsabilidade parental" igualitaria (denominados en inglés coa expresión "shared parenting"), suxeitos ao principio de interese superior do neno ou nena e ao seu dereito de manter relacións estreitas coa súa nai e o seu pai.[2]

Ademais dos réximes de patria potestade compartida ou corresponsabilidade parental, nos que o home e a muller son iguais ante a lei, existen outros sistemas de involucramento subordinado da muller, a saber:

  • patria potestade paterna, con participación subsidiaria da nai;
  • patria potestade conxunta, con asignación da xefatura do fogar ao pai;
  • patria potestade conxunta, con poder decisorio final paterno en caso de discrepancia.

Evolución[editar | editar a fonte]

A patria potestade xurdiu no Dereito romano como un poder omnímodo que pater familiae sobre os fillos, que mesmo lle atribuía orixinalmente o dereito de matalos ou vendelos como escravos, aínda que logo foron limitados. Semellante potestade integrábase cun poder similar sobre a esposa e os escravos da súa propiedade.

En Hispanoamérica a patria potestade foi imposta polo Imperio Español nas súas colonias. A Revolución francesa suprimiu a patria potestade por lei do 28 de agosto de 1792, estabelecendo a autoridade igualitaria do pai e a nai sobre os fillos.[3] O Código Civil de Napoleón de 1804 restabelecería a patria potestade (puissance paternelle) en Francia, onde recentemente sería eliminada en 1970.[3]

No século XIX o movemento feminista comezou a reclamar a igualdade entre homes e mulleres, sendo as relacións cos fillos un dos principais campos do reclamo de igualdade.[4]

Na década de 1910, México, embarcado no proceso revolucionario de 1917, aprobou a Lei de Relacións Domésticas de 1917, estabelecendo a patria potestade compartida.[5]

Na década de 1940 estabeleceuse a patria potestade compartida en Venezuela, como consecuencia da presión do movemento feminista. Uruguai estabeleceuna en 1946, pola Lei n° 10.783.[6] Tres anos despois foi estabelecida na Arxentina, mediante a reforma constitucional de 1949, aínda que foi logo abolida polo golpe de estado de 1955.

Na década de 1970 derrogouse a puissance paternalle en Francia en 1970, para ser substituída por un réxime igualitario denominado autorité parentale.[3] En 1972 O Salvador estabeleceu a patria potestade compartida (art. 252, Código Civil). En 1974 estabeleceuse a patria potestade compartida en Colombia, por Decreto nº Decreto 2820. En Australia a Lei Familiar de 1975 (Family Law Act 1975) estabeleceu a presunción de "responsabilidade parental igualitariamente compartida" (equal shared parental responsibility).[7][8]

Na década de 1980 as loitas feministas obtiveron a conquista da patria potestade compartida en España, tres anos despois de conquistada a democracia, por lei nº 11 do 13 de maio de 1981.[9][10] Arxentina tamén reimplantou a patria potestade compartida coa recuperación da democracia, mediante a Lei nº 23.264 de 1985.[11]

Desde inicios do século XXI, varios países latinoamericanos, como Arxentina, Brasil e Bolivia, comezaron a eliminar o réxime de patria potestade, para substituílo por réximes de responsabilidade parental, fundados na igualdade de homes e mulleres, a condición de suxeitos dos nenos e nenas e a función parental rexida polo principio do interese superior do neno e a nena.

Situación por países[editar | editar a fonte]

  • Arxentina. Estabeleceu en 1949 a patria potestade compartida, mediante a reforma constitucional dese ano, que fora abolida pola ditadura instalada en 1955. En 1985 restabeleceuse a patria potestade compartida, por Lei nº 23.264. En 2015, coa sanción de Código Civil e Comercial, eliminouse o sistema de patria potestade e estabeleceuse un réxime de responsabilidade coparental igualitaria.
  • Brasil. Estabeleceu a igualdade de dereitos e deberes entre homes e mulleres na sociedade conxugal, coa Constitución de 1988, confirmándose expresamente no artigo 21 do Estatuto do Neno e do Adolescente (Lei nº 8.069) do 13 de xullo de 1990. No Código Civil de 2002 Brasil eliminou a institución da patria potestade (pátrio poder) estabelecendo no seu lugar a institución do poder familiar, de natureza igualitaria.[12]
  • Chile. Neste país existe un réxime filial dual que utiliza a denominación "autoridade paterna" para referirse á relación persoal e "patria potestade" para referirse á relación patrimonial. Até 2013 a autoridade paterna era conxunta, pero a patria potestade correspondía só ao pai.[13] En 2013 estabeleceuse un réxime de patria potestade compartida por Lei nº 20.680.[14]
  • Colombia. Estabeleceu a patria potestade compartida en 1974, polo Decreto 2820/1974 (inciso 2 do artigo 24).
  • O Salvador. O 29 de febreiro de 1972 O Salvador reformou o Código Civil para estabelecer a patria potestade compartida (art. 252, Código Civil).
  • España. Estabeleceu a patria potestade compartida en 1981 por Lei nº 11 do 13 de maio de 1981.
  • México. A Revolución mexicana aprobou a Lei de Relacións Domésticas de 1917, estabelecendo a patria potestade compartida.
  • Paraguai. O Código da Nenez e a Adolescencia aprobado por Lei nº 1.680/2001 (art. 70) estabeleceu a patria potestade compartida en igualdade de condicións.
  • Uruguai. Estabeleceuse a patria potestade compartida en 1946, por Lei n° 10.783.
  • Venezuela. Venezuela estabeleceu a patria potestade compartida en 1942, mediante a reforma do código civil exixida polo movemento feminista.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Matrimonio, familia y género en la sociedad venezolana. Siglos XVIII a XX". La familia en Iberoamérica, 1550-1980. Universidad Externado de Colombia. ISBN 958-698-1347. (en castelán)
  2. "Fin de la patria potestad, ambos padres son responsables por igual del cuidado de sus hijos". (en castelán)
  3. 3,0 3,1 3,2 Ochoa G. 2006, p. 498.
  4. "Divorce and Custody". Encyclopedia of Children and Childhood: In History and Society. Paula S. Fass. (en inglés)
  5. Empowering Women: Land and Property Rights in Latin America. University of Pittsburg Press. 2001. ISBN 0-8229-4161-9. (en inglés)
  6. "Patria potestad. Representación y administración legales" (PDF). (en castelán)
  7. "Los problemas legales de aplicabilidad de la autoridad parental en el Código de Familia". Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2016. Consultado o 23 de febreiro de 2018. (en castelán)
  8. "Children and family law". (en inglés)
  9. "Permiso de paternidad obligatorio". Arquivado dende o orixinal o 23 de febreiro de 2018. Consultado o 23 de febreiro de 2018. (en castelán)
  10. "El Derecho de Familia en España desde las últimas reformas del Código Civil" (PDF). ISBN 84-8081-216-8. (en castelán)
  11. "Los nuevos derechos civiles y reformas del Código Penal". Mujeres en la sociedad Argentina: Una historia de cinco siglos. Sudamericana. 2007. ISBN 9789500728805. (en castelán)
  12. "Da evolução do pátrio poder ao poder familiar" (PDF). Universidade Tuiuti do Paraná. (en portugués)
  13. "Necesidad de un tratamiento único de la responsabilidad parental, tanto en lo personal como en lo patrimonial". Arquivado dende o orixinal o 10 de agosto de 2016. Consultado o 23 de febreiro de 2018. (en castelán)
  14. "Reformas a las Relaciones Paterno-Filiales. Análisis de la Ley Nº 20.680" (3). Escuela de Postgrado. (en castelán)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ochoa G., Óscar E. (2006). Derecho civil. Universidad Católica Andrés Bello. ISBN 980-244-225-9.  I. Persoas. Caracas: Universidade Católica Andrés Belo.