Pastor Alonso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Pastor Alonso Paz")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Pastor Alonso
Nacemento1954
 Ferrol
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónpolítico
editar datos en Wikidata ]

Pastor Alonso Paz, nado en Ferrol en 1954[1], é un médico e antigo político galego que foi alcalde de Noia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago, é urólogo de profesión. Realizou a especialización en uroloxía en Barcelona. Acadou unha certa sona a primeiros dos oitenta por realizar vasectomías en Ferrolterra[1], onde estaba destinado, e polas campañas de popularización desta técnica. De feito, formou en Narón o Consello Galego de Saúde, unha organización que avogaba por unha sanidade pública dende unha perspectiva de esquerdas[2]. Ampliou a súa formación como médico urólogo en Lisboa.

Politicamente, foi a primeiros dos oitenta concelleiro nacionalista en Narón. Trasladado profesionalmente primeiro ás Pontes[3] e logo a Noia, encabezou a lista do BNG á alcaldía de Noia en 1987, e obtivo a vitoria. Aínda que os resultados non lle permitían gobernar en solitario, chegou a un pacto co PSOE para ser o alcalde da vila. Naquel tempo foi un dos fundadores da Fundación Galega contra o Narcotráfico[4]. As actuacións polémicas de Alonso e a súa popularidade mediática como alcalde que loitaba contra o narcotráfico foron da man. É a época dos conflitos coas areeiras, a reivindicación como pública da illa da Creba, o caso do vertedoiro en San Lázaro e a liorta interna que mantivo co secretario municipal[5].

Ao remate do primeiro mandato, Alonso incorporara as súas filas a catro concelleiros de PP e PSOE[5], e revalidou o triunfo en 1991 desta volta con maioría absoluta, mais en 1992 foi condenado por prevaricación polo Tribunal Supremo[6], por un desaloxo incorrecto a unha familia xitana que realizara durante o seu mandato.[7] Inhabilitado, continuou vencellado á política como asesor do seu sucesor, Bieito González, até que foi cesado pola propia corporación ao perder a súa confianza[6][8][9] e deixou definitivamente a política local en 1993[10].

Nese ano lanza Alternativa Galega, unha nova formación de carácter centrista e nacionalista, que se presenta ás eleccións xerais de 1993, e posteriormente ás autonómicas de outubro dese ano, pero onde non consegue máis ca algo máis de 3000 votos e ningunha representación. Nas eleccións municipais de 1995 o partido consegue un único concelleiro en Noia, Díez Rechou, e apoia o PP para que esta formación se faga coa alcaldía. Ao pouco o partido disólvese e Alonso abandona de vez a política.

Proseguiu a súa traxectoria como médico e tivo consulta en Ferrol e Bilbao[11]. Residiu en Francia[12]. Ten investigado e publicado artigos sobre trasplantes renais[13].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Rivas, Manuel (1984-07-23). "Los astilleros de Bazán y Astano aportan el mayor número de gallegos vasectomizados". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2019-01-03. 
  2. Rivas, Manuel (1984-11-12). "Pastor Alonso". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2019-01-03. 
  3. Blanco Antelo, Fina e Nieves Seijo Sabín (2015). "Entrevista aos nosos maiores: Jaime Vilaboy". Hume. Revista de Estudos Históricos Locais 8: 265. ISSN 1888-6183. 
  4. Carretero, Nacho (2017). Fariña. Xerais. p. 163. 
  5. 5,0 5,1 "Un arca de Noé en arenas movedizas". www.lavozdegalicia.es. Consultado o 2019-01-03. 
  6. 6,0 6,1 "La prevaricación salpica al alcalde noiés, que fue cesado". www.lavozdegalicia.es. 06-06-2017. Consultado o 03-01-2019. 
  7. Cuadra, Bonifacio de la (09-04-1990). "Inhabilitado por 6 años el alcalde de Noia por el desalojo "racista" de una familia gitana". elpais.com. Consultado o 03-01-2019. 
  8. G., M. (15-05-2006). "Dos libros recogen la evolución política de Noia de 1979 a 1995". www.elcorreogallego.es. Consultado o 03-01-2019. 
  9. "Xerardo Agrafoxo recolle a evolución política de Noia". www.galiciahoxe.com. 15-05-2006. Consultado o 03-01-2019. 
  10. "La prevaricación salpica al alcalde noiés, que fue cesado". La Voz de Galicia (en castelán). 2017-06-06. Consultado o 2019-01-03. 
  11. "Dr. Pastor Alonso Paz. Urología Bilbao. Clínica Euskalduna". www.clinicaeuskalduna.com. Consultado o 2019-01-03. 
  12. "El polémico regidor de Noia agranda la conflictiva leyenda del Concello". La Voz de Galicia (en castelán). 2002-08-22. Consultado o 2019-01-03. 
  13. "Pastor Alonso Paz's research works in Medicine". ResearchGate (en inglés). Consultado o 2019-01-03. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]