Partido Comunista do Brasil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Partido Comunista do Brasil
PCdoB logo.svg
Dirixentes e organización
LíderLuciana Santos
MocidadesUnião da Juventude Socialista (UJS)
Filiación internacionalForo de São Paulo
Historia
Fundación18 de febreiro de 1962
Posicións políticas
IdeoloxíaComunismo
Socialismo
Marxismo-Leninismo
Proteccionismo
Anticapitalismo
Estatismo
Outros datos
SedeSão Paulo e Brasilia
PublicaciónA Classe Operária
Páxina webcsdob.org.br
Twitter@PCdoB_Oficial

O Partido Comunista do Brasil, coñecido polas siglas PCdoB, é un partido político brasileiro de esquerda, baseado ideoloxicamente nos principios do marxismo. Ao igual que a maioría dos partidos comunistas está identificado coa cor vermella e o seu símbolo é a fouce e martelo.

Foi fundado en 1958[1] como unha á disidente, aliñada co stalinismo, dentro do Partido Comunista Brasileiro (PCB), que naquela época, apoiaba as reformas defendidas por Nikita Khrushchev no XX Congreso do Partido Comunista da Unión Soviética en 1956, e que mais tarde serían coñecidas como desestalinización. Lideraban a disidencia Mauricio Grabois, João Amazonas e Pedro Pomar, e decidiuse a escisión do partido despois de que o documento Carta dos cen (asinada por cen militantes en catro Estados do país), fose rexeitada no V Congreso do PCB.[2][3] Así pois, en 1962, fundouse o Partido Comunista do Brasil (PCdoB).

Desde o seu nacemento, o PCdoB seguiu diversas liñas políticas baseadas en distintas experiencias comunistas polo mundo. Naceu sendo contrário á liña adoptada por Nikita Khrushchev na antiga Unión Soviética e reivindicando o legado de Iosif Stalin.[2] Nos anos 60, adoptou a liña maoísta (aliñándose co Partido Comunista da China) e pasou a practicar a loita de guerrillas (o PCdoB é famoso pola actuación na Guerrilla do Araguaia). En 1978, pasou a reivindicar o comunismo de Albania (hoxhaísmo).[4]

Nacionalmente, o PCdoB fixo parte da base de apoio do goberno de Dilma Rousseff e anteriormente do de Lula da Silva.

Edita a publicación A Classe Operária e a revista Princípios, e, internacionalmente, é membro do Foro de São Paulo.[5]

No movemento estudantil, organízase na União da Juventude Socialista (UJS) e no sindical faino a través da Central dos Trabalhadores e Trabalhadoras do Brasil (CTB). O partido conta con máis de 390.000 afiliados.

Historia[editar | editar a fonte]

Orixe[editar | editar a fonte]

O nome de Partido Comunista do Brasil foi utilizado por primeira vez polo antigo PCB, fundado o 25 de marzo de 1922 . Máis tarde, o PCB cambiou o seu nome a Partido Comunista Brasileiro. Cando ocorreu a división internacional no movemento comunista, a partir do XX Congreso do PCUS en 1956, no PCB houbo tamén unha ruptura no V Congreso, en 1960, e esta ruptura afectou á dirección do PCB que reconstruíra o Partido tras os golpes sufridos por parte do Estado Novo de Getúlio Vargas, surxida na Confêrencia da Mantiqueira en 1943, formando parte dela Mauricio Grabois, Pedro Pomar, Diógenes Arruda Câmara e João Amazonas, entre outros. Esta división levou á creación do PCdoB, que adoptou o nome orixinal do PCB: Partido Comunista do Brasil. Cabe destacar que o PCdoB, a pesar de ser unha escisión, sempre reivindicou ser a continuación natural do PCB orixinal, razón pola cal utiliza a data de fundación daquel como súa, e afirma ser o partido máis antigo de Brasil. O seu primeiro congreso, realizado en 1960, foi chamado 5º Congreso, para continuar a cronoloxía do partido do que se orixinou.

Os marxistas-leninistas romperon co sector de Luís Carlos Prestes e realizaron a V Conferência Nacional Extraordinária do Partido Comunista do Brasil o 18 de febreiro de 1962, en São Paulo. Reorganizaron o partido, adoptaron as siglas PCdoB e proclamáronse os lexítimos herdeiros do Partido Comunista - Seção Brasileira da Internacional Comunista (PC-SBIC), que popularmente era coñecido como PCB. Dese xeito dataron a súa fundación no 25 de marzo de 1922. Coa participación de delegados da Guanabara, São Paulo, Río de Xaneiro, Río Grande do Sur e Espírito Santo. Esta conferencia, que tivo a importancia dun congreso polas cuestións que resolveu, marcou a completa ruptura dos marxistas-leninistas cos revisionistas de Prestes, quen usurpara a dirección do Partido e o transformara nunha organización kruschevista. En oposición á liña revisionista do V Congreso, a Conferencia aprobou o Manifesto-Programa, que trazou unha liña revolucionaria para o Partido; reintroduciu o Estatuto aprobado no IV Congreso; aprobou unha resolución sobre a unidade dos comunistas, firmando o principio de que en cada país só pode exsitir un único partido marxista-leninista; decidiu reeditar A Classe Operária, antio órgano central do Partido; aprobouse a ruptura coa Unión Soviética; e, finalmente, elixiuse un novo Comité Central. Estas resolucións históricas marcan non só a ruptura completa e decisiva cos revisionistas, senón tamén o propósito de reorganizar a "verdadeira vangarda marxista-leninista en Brasil". Participaron nesta conferencia João Amazonas, Maurício Grabois, Joaquim Câmara Ferreira, Mário Alves, Jacob Gorender, Miguel Batista e Apolônio de Carvalho.

A incorporación da Acción Popular Marxista Leninista - APML (1975)[editar | editar a fonte]

Despois dos duros golpes da represión e as numerosas baixas na Guerrilla de Araguaia, o PCdoB perdeu varias figuras importantes. Neste período, de liña maoísta, o partido recibiu a adhesión da maior parte da Ação Popular (esquerda cristã), un grupo sucesor da esquerda cristiá, que se uniu ao socialismo chinés. Despois de grandes debates internos, esa organización decidiu incorporarse ao PCdoB, reconstituíndo varios espazos deixados polas perdas de grandes figuras.

A directriz maoísta (1962-1969)[editar | editar a fonte]

Mentres que o PCB abandonaba definitivamente a figura de Stalin, o PCdoB mantivo o ex líder soviético como unha das súas referencias teóricas (á beira de Marx, Engels e Lenin). Ao mesmo tempo, a crise entre a Unión Soviética e China alcanzou o seu punto máximo cando o líder chinés Mao Tse Tung criticou o proceso de desestalinización que se puxo en marcha na Unión Soviética, e acusou a Khruschev de desvíos "oportunista" e "reformistas".

Como a dirección do PCB mantívose ríxidamente leal a Moscova, a división de Mao co resto do movemento comunista atraeu a simpatía do PCdoB, que enviou emisarios a Pequín para formalizar a vinculación ideolóxica coas novas directrices do Partido Comunista da China. Entre estes emisarios, estaba o presidente exiliado do partido, João Amazonas, que foi recibido polo propio Mao Tse Tung. Desde entón, o partido comezou gradualmente a enfocarse nas posturas maoístas, considerando que só a China e Albania eran países comunistas, e que os demais tiñan retrocedido a unha directriz revisionista e xa non revolucionaria.

Con todo, a adhesión ao maoísmo incluíu un cambio nas estratexias seguidas polo PCdoB. Seguindo o principio da Guerra Popular Prolongada, o PCdoB comprometeuse a transferir os seus efectivos ao campo, iniciando a formación dun exército campesiño. Esta concepción da loita revolucionaria contrastaba tanto coas tácticas tradicionais da PCB (que, fiel á vía pacífica, opúxose á loita armada contra a ditadura) coma co foquismo das novas forzas como Ação Libertadora Nacional (ALN) e o Movimento Revolucionário Oito de Outubro (MR-8), que priorizaban a guerrilla urbana e o "foco" como forma de combater o goberno militar establecido en 1964.

A adhesión definitiva do PCdoB ao maoísmo deuse en 1966, no seu 6º Congreso. Ao ano seguinte, o grupo elaborou unha declaración de apoio á Revolución Cultural que estaba en marcha en China. En 1966, o PCdoB sufriu dúas divisións internas: a Á Vermella (favorable ao foquismo) e o Partido Comunista Revolucionario (PCR).

A guerrilla do Araguaia (1969-1976)[editar | editar a fonte]

Dende 1966, o PCdoB buscaba a formación dun núcleo de guerrilla no campo. A zona elixida para a irradiación dun futuro exército campesiño (seguindo as liñas maoístas) foi a rexión sur de Pará, preto da fronteira con Tocantins. Estímase que o partido reuniu uns 70-80 guerrilleiros na zona baixo o mando militar de Osvaldão e de Maurício Grabois, naquel momento comandante en xefe da guerrilla.

A maior parte dos efectivos da columna guerrilleira do PCdoB (baixo o nome de "guerrilla de Araguaia") estaba composto por estudantes da escola secundaria ou da universidade, organizados ao redor da Unión Patriótica Xuvenil (UJP), profesionais liberias e obreiros procedentes principalmente de São Paulo e Minas Xerais. Como había pouca adhesión entre os habitantes locais, o partido creou a Unión pola Liberdade e os Dereitos do Pobo (ULDP), en cuxo manifesto figura a base programática da guerrilla.

En 1971, unidades do Exército descubriron a localización do núcleo guerrilleiro e despregáronse para acordoar a zona, impedindo que se desprazasen cara o norte da Amazonia. As operacións de represión á guerrilla comezaron en 1972, con tres expedicións militares que mobilizaron a 25.000 soldados. Sendo repelidas as dúas primeiras, a terceira expedición derrotou os últimos focos de resistencia. A maior parte dos guerrilleiros morreron en enfrontamento coas forzas do Exército, incluíndo Osvaldão e Maurício Grabois, que morreu no enfrontamento o 25 de decembro de 1973. A derrota de Araguaia comprometeu a organización do partido, pero á vez consagrou o mito da guerrilla, recoñecida como a máis efectiva experiencia de loita armada contra a ditadura. A maior parte dos mortos na represión do réxime militar entre 1964 e 1979 eran militantes do PCdoB.

O abandono do maoísmo (1976-1979)[editar | editar a fonte]

Dende finais da década de 1960, os militantes de Acción Popular Marxista-Leninista (APML), un grupo derivado da esquerda católica, adoptara a ideoloxía maoísta e achegárase ao PCdoB. A fusión dos dous grupos realizouse en 1975, tras o fin da loita armada. O PCdoB tamén atraeu a membros do Partido Comunista Brasileiro Revolucionario (PCBR) e do Movemento Revolucionario Oito de Outubro (MR-8).

O 16 de decembro de 1976, o DOI-CODI (un órgano de intelixencia e represión subordinado ao exército) irrompeu nunha casa na rúa Pio XI, de São Paulo, e asasinou no lugar, a Pedro Pomar e Ângelo Arroio, torturou e matou a João Batista Drumond, e apresou a Wladimir Pomar, Aldo Arantes, Haroldo Lima e Elza Monnerat, no episodio coñecido como Chacina da Lapa. Os presos non saíron libres até a Lei de Amnistía de 1979.

Nun clima onde a oposición comezaba a gañar forza, a prensa informou do crime, que chocou e conmoveu, dentro e fóra de Brasil. A dirección do Partido, duramente golpeada, funcionou, até a amnistía, sobre a base dun núcleo no exilio.

Anos despois, descubriuse que a operación contaba coa axuda dun informante arrestado ese ano, o líder do PCdoB Manoel Jover Teles (ex membro do PCB), que foi expulsado do partido en 1983.

Desposuído dos seus cadros dirixentes, o PCdoB comezou a reagruparse con membros procedentes da AP e baixo o liderado persoal de João Amazonas, que xunto con Diógenes Arruda, eran os únicos que quedaban de entre os que reconstruíran o partido. A morte de Arruda (en 1979) deixou a Amazonas co liderado máximo do PCdoB até a súa morte.

O fracaso das guerrillas campesiñas e a nova política adoptada pola China tras a morte de Mao en 1976 , conduciu ao PCdoB a romper completamente co maoísmo. En 1978, o partido seguiu a Enver Hoxha na súa crítica aos líderes chineses, considerando a Albania como o único país socialista e último bastión do estalinismo.

Durante este período, unha división interna do PCdoB deu orixe a un novo partido, o Partido Revolucionário Comunista (PRC), dirixido por José Genoino e Tarso Genro , e que máis tarde se uniría ao Partido dos Traballadores (PT), xunto coa chamada Á Vermella.

O camiño cara á legalización partidista (1979-1987)[editar | editar a fonte]

A adopción da liña albanesa non significou a radicalización da política do PCdoB. En 1978, toda a esquerda tiña acción institucional a través do Movemento Democrático Brasileiro (MDB), oposición moderada ao goberno militar. O PCdoB retomou o seu espazo parlamentario e elixiu aos seus primeiros deputados baixo a clandestinidade.

En 1979, coa apertura política e a amnistía aos presos políticos, o PCdoB atopou un ambiente favorable para a penetración dos sindicatos e as organizacións estudantís. João Amazonas regresou do exilio en 1979, e Diógenes Arruda morreu dun ataque ao corazón no seu coche, mentres ía de camiño a un acto político. A refundación de Unión Nacional dos Estudantes (UNE) en 1979, con Aldo Rebelo, marcou o comezo da hexemonía do partido na política universitaria (que se mantivo desde entón, excepto no bienio 1987-1988). En 1984, o PCdoB fundou a Unión da Xuventude Socialista (UJS), o seu brazo xuvenil.

En 1980, Prestes rompeu co PCB defendendo "a reorganización do movemento comunista do Partido Comunista" na soada Carta aos Comunistas. Abandonado á súa sorte e en idade avanzada, dependerá de amigos como Oscar Niemeyer para sobrevivir.

No sindicalismo, o PCdoB adoptou inicialmente unha política de alianza cos sindicalistas ligados ao PCB, adheríndose en 1983 á Conclat, que incluía tamén moderados e non marxistas. Desta forma, o partido opúxose á Central Única dos Traballadores (brazo sindical do PT). En 1984 o PCdoB integrouse no movemento Diretas Já (formado por todos os partidos da oposición) e ao ano seguinte, coa derrota da enmenda Dante de Oliveira, buscou a Tancredo Neves, para convencelo de ser o candidato no Colexio Electoral, no que coincidían co PCB e o MR-8, que consideraban a candidatura decisiva para a redemocratización e a legalización dos partidos de esquerda en 1985. O PT legalizouse xa en 1980.

Nas eleccións para a Asemblea Nacional Constituínte de 1987, O PCdoB sacou seis deputados federais, incluíndo a Haroldo Lima e Aldo Arantes. Destes, tres foron elixidos baixo as siglas do PMDB, co que estaban aliados, e formaron parte do goberno de José Sarney.

De 1987 ao Programa Socialista de 1995[editar | editar a fonte]

A crise social e económica que seguiu ao Plan Cruzado (1987) levou PCdoB a romper co PMDB. No seu lugar, buscouse unha relación cada vez máis estreita co PT e o PSB. En 1988, os sindicalistas do PCdoB romperon coa CXT e formaron a Corrente Sindical Clasista, que logo se uniu á Central Única dos Traballadores, estando actualmente ligada á CTB.

En 1989, xunto co Partido Socialista Brasileiro (PSB), o PCdoB apoiou a candidatura de Lula da Silva para presidente. A alianza co PT para as eleccións presidenciais repetiuse nas eleccións de 1994, 1998, 2002 e 2006, obtendo éxito nos dous últimos, co vicepresidente da lista, o político e empresario José Alencar, nomeado polo Partido Liberal.

Xunto co PT, o PCdoB tamén exerceu unha forte oposición ao goberno de Fernando Collor de Mello. En 1991, defendeu a súa remoción, a cal se produciu en setembro de 1992 tras grandes manifestacións, que incluíron a participación de sectores estudantís como o EPU, a Unión Brasileira de Estudantes Secundarios (UBES) e a Unión Nacional dos Estudantes (UNE). Nesa ocasión, destacou o liderado de Lindberg Farias, entón presidente de UNE e militante do PCdoB.

Paralelamente á adopción dunha postura máis radical internamente, o PCdoB comezou a perder as súas referencias externas. En 1990, un ano despois da caída do muro de Berlín, tamén se derrubou o réxime de Albania e con ela o estalinismo entrou en crise. O principal reflexo destes cambios foi a decisión do PCdoB de deixar de citar a Stalin como uno dos "clásicos" do marxismo. Decisión tomada no súa 8º congreso, celebrado en 1992, co lema "O Socialismo Vive".

Luciana Santos, presidenta do PCdoB dende 2015.

Esta decisión abriu ideoloxicamente o partido e permitiu a incorporación de novos militantes. O PCdoB ademais renovou vínculos con Cuba. En 1995, na súa 8ª conferencia, o partido aprobou o seu "Programa Socialista". Varios intelectuais comunistas anteriormente unidos á PCB (como Nelson Werneck Sodré e Edgard Carone) achegáronse ó PCdoB.

O Programa Socialista de 2009[editar | editar a fonte]

No seu 12º Congreso Nacional, o Partido Comunista de Brasil (PCdoB) aprobou o novo Programa Socialista para o Brasil titulado "O fortalecemento da Nación é o camiño, o socialismo é o curso" onde o partido presentou o "Novo Programa Nacional de Desenvolvemento" (NPND)' para o Brasil. Neste programa, presentáronse as reformas necesarias para a transición dun Brasil capitalista cara a un Brasil socialista, e de aí cara a unha sociedade comunista.

Da estratexia defensiva ao Partido Comunista de masas[editar | editar a fonte]

O PCdoB, dende o principio, defendeu a formación dunha fronte de esquerdas para lanzar a Lula, candidato á Presidencia da República, tendo apoiado ao PT nas eleccións de 1989, 1994, 1998, 2002 e 2006. Aliado ao PT a nivel nacional e na maioría dos estados, o PCdoB rexistrou un aumento tímido da súa representación política, mais o suficiente para manter unha bancada permanente na Cámara dos Deputados (5 representantes en 1990; 10 en 1994; 7 en 1998; 12 en 2002; 13 en 2006). No ano 2000, o PCdoB obtivo a sua primeira alcaldesa, Luciana Santos, en Olinda, Pernambuco. Dende 2001, o partido pasou a ser presidido por Renato Rabelo (ex-militante da AP), que sucedeu a João Amazonas, falecido ao ano seguinte con 90 anos.

Coa victoria de Lula no 2002, o PCdoB, por primeira vez, pasou a formar parte do goberno federal, ocupando o Ministerio de Deportes con Agnelo Queiroz. Esa participación foi ampliada en 2004, co nomeamento doutro deputado, Aldo Rebelo, para a Coordinación Política do goberno. O PCdoB tamén conseguiu obter participación no Senado, coa filiación, por un breve período, do senador Leomar Quintanilha (ex-PMDB). En 2005 o partido obtén a Presidencia da Cámara Federal co deputado Aldo Rebelo, despois da renuncia de Severino Cavalcanti (PP-PE).

En 2006, Inácio Arruda, foi elixido senador polo Ceará, con case dous millóns de votos. O primeiro senador comunista dende Luis Carlos Prestes, em 1946.

A pesares de ser crítico coa política económica do goberno de Lula, o PCdoB mantivo o seu apoio ao PT. En 2006, o PCdoB formalizou a sua participación na alianza pola reelección do presidente Lula.

Abandonou a Central Única dos Traballadores a finais do 2007 para, xunto co Partido Socialista Brasileiro (PSB) e e outras correntes independentes no movemento sindical, fundaren a Central dos Traballadores e Traballadoras do Brasil (CTB).

O PCdoB foi anfitrión do 10º Encontro Internacional de Partidos Comunistas e Obreiros, do 21 ao 23 de novembro de 2008, reunindo 65 partidos comunistas e obreiros de todo o mundo, evento ata entón inédito en América Latina. Tamén ese ano ten a súa maior subida nas eleccións municipais, obtendo 40 alcaldes e alcaldesas, entre eles Edvaldo Nogueira, en Aracaju, e outras cidades como Olinda, Juazeiro e Maranguape.

En 2015, durante a X Conferencia Nacional, a deputada Luciana Santos foi elixida presidenta do partido.[6]

Presidentes Nacionais do PCdoB[editar | editar a fonte]

Foto Nome Mandato
Inicio Fin
João Amazonas 1962 2001
  • 1º presidente do PCdoB.
  • Presidiu o partido dende a súa fundación até a súa morte sumando 40 anos.
Renato Rabelo.JPG
Renato Rabelo 2001 2015
  • 2º presidente do PCdoB.
  • Elixido presidente durante o 10º Congreso do partido.
Luciana Santos Posse Presidencia PCdoB.jpg
Luciana Santos 2015 Actualidade
  • 3ª presidenta do PCdoB.
  • 1ª muller en asumir o posto. Foi elixida no 14º Congreso do PCdoB.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. PCdoB -. "Linha do Tempo por Década - 1950". Arquivado dende o orixinal o 01 de xaneiro de 2017. Consultado o 10 de abril de 2018. 
  2. 2,0 2,1 PCdoB -. "Linha do Tempo por Década - 1960". Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2016. Consultado o 10 de abril de 2018. 
  3. "As diferenzas entre PCB e PCdoB". www.pcb.org.br (en portugués). Consultado o 8 de maio de 2018. 
  4. "PCdoB. O Partido do socialismo.". Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2016. Consultado o 10 de abril de 2018. 
  5. "Partidos do Foro de São Paulo". www.forodesaopaulo.org. Consultado o 8 de maio de 2018. 
  6. "O Comité Central elixe a Luciana Santos como presidenta nacional do PCdoB" (en portugués). 31 de maio de 2015. Consultado o 14 de maio de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]