Saltar ao contido

Parrulo rubio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Parrulo rubio
 Nome taxon
    Netta rufina
Imaxe
 Instancia de
 Categoría taxonómica
 Combinación orixinal
 Conservación
Especie pouco preocupante
Clasificación taxonómica
SuperreinoHolozoa
ReinoAnimalia
FiloChordata
ClaseAves
OrdeAnseriformes
FamiliaAnatidae
XéneroNetta
EspecieNetta rufina Editar o valor en Wikidata
(Pallas, 1773) Netta rufina Editar o valor en Wikidata
Cifras e dimensións
 Masa
 Envergadura
   87 cm Editar o valor en Wikidata
 Tamaño da niñada
   8,9 Editar o valor en Wikidata
 Período de incubación
   27 d Editar o valor en Wikidata
Localización
 Área de distribución
 Mapas
Distribución
Fontes e ligazóns
Freebase/m/01srnj Editar o valor en Wikidata
ITIS175234 Editar o valor en Wikidata
OTT693335 Editar o valor en Wikidata
UICN22680348 Editar o valor en Wikidata
CoL479P3 Editar o valor en Wikidata
EOL45513548 Editar o valor en Wikidata
Wikidata G:Commons C:Commons

O parrulo rubio[1] (Netta rufina) é unha especie de ave anseriforme da familia Anatidae propia de Eurasia e o norte de África.[2] Non se recoñecen subespecies.[2]

Descrición

[editar | editar a fonte]
Femia.
Macho en plumaxe reprodutiva.

É unha das aves anátidas máis rechamantemente coloreadas de Europa. Salienta pola súa gran cabeza redonda.[3] Mide entre 45 e 54 cm de longo e entre 85 e 92 cm de envergadura, e adoita pesar entre 800 e 1500 g. O macho é inconfundible coa súa prominente cabeza de cor castaña alaranxada e o seu bico vermello. O pescozo e a maior parte do seu corpo son negros, exceptuando unha gran mancha branca que ocupa a parte central do seu flanco, e o dorso que é pardo cincento como as cobertoiras das súas ás. Presenta unha gran banda branca que abrangue todas as plumas de voo das ás, mentres que a beira anterior e a parte inferior das ás, ademais da punta da cola, tamén son brancos. O iris dos ollos téñenos de cor vermella. A femia é de tons pardos claros, algo máis escuros nas partes superiores. As súas meixelas abrancazadas contrastan co píleo pardo. O bico da femia é anegrado coa punta alaranxada e os ollos castaños. O macho en plumaxe de eclipse é similar á femia aínda que máis escuro, e segue tendo o bico avermellado.

O único pato que ten un padrón de plumaxe parecido ao do macho na súa área de distribución é o pato chupón, pero este ten as ás e dorso abrancazados na súa totalidade, e o seu ventre é branco, non só o flanco. Ademais, aínda que ten a cabeza e os ollos dunha cor similar, a cabeza do pato chupón é de forma triangular e o seu bico é negro e gris, non rubio.

Taxonomía e etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O parrulo rubio describiuno cientificamente o zoólogo alemán Peter Simon Pallas en 1773,[4] co nome de Anas rufina, que en latín significa 'pato de pelo rubio', en referencia á cor vermella (rubia) da cabeza do macho. Posteriormente foi trasladado ao xénero Netta, creado por Johann Jakob Kaup en 1829.[4] É unha especie monotípica, é dicir, non se recoñecen subespecies diferenciadas.[5]

A etimoloxía do nome do seu xénero é simple, Netta é a palabra do grego antigo que significa 'pato'. O seu nome específico rufina procede do termo latino rufus, que significa 'rubio' (de pelo vermello), co engadido da terminación feminizadora -ina (posto que tanto anas coma netta son femininas).

Macho mudando cara á plumaxe de eclipse.

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Cría en lagos e lagoas de latitudes temperadas de Europa e Asia occidental e central. A maioría das súas poboacións son migratorias. Pasa o inverno no sur de Europa e Asia e o norte de África. En Galicia é un invernante escaso.[6] Durante a migración e o seu período de invernante tamén se pode encontrar en estuarios, deltas, marismas e outros hábitats costeiros.

Comportamento

[editar | editar a fonte]
Femia alimentándose xunto coas súas crías.
Ovos de Netta rufina, no Museo de Historia Natural de Tolosa MHNT.

Aliméntase principalmente de plantas acuáticas, incluídas as súas raíces e sementes, aínda que complementa a súa dieta con invertebrados como moluscos e pequenos anfibios e peixes.[7]

A época de cría ten lugar entre abril e agosto.[3] Constrúe o seu niño no chan xunto á beira da auga ou sobre balsas de vexetación flotante. Incuba durante uns 26 a 28 días unha posta de entre 6 e 12 ovos de cor verde clara. Mentres a femia incuba e coida das crías os machos mudan por completo a plumaxe perdendo a capacidade de voar durante un mes,[7] un período que pasan agochados entre a vexetación palustre a maior parte do tempo. As femias realizan a muda un mes despois,[7] cando as súas crías están emplumando.

  1. ↑ "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-06.
  2. 1 2 Clements, J. F., T. S. Schulenberg, M. J. Iliff, B.L. Sullivan y C. L. Wood. (2011). "The Clements checklist of birds of the world: Version 6.6". Arquivado dende o orixinal o 4 de decembro de 2011. Consultado o 8 de xaneiro de 2012.
  3. 1 2 Dierschke, V. (2008). Aves de Europa (en español). Barcelona: Ediciones Omega. p. 256. ISBN 978-84-282-1476-6.
  4. 1 2 Peterson, A. P. Zoonomen. Zoological Nomenclature Resource - Anseriformes
  5. ↑ Frank Gill y David Donsker. Screamers, ducks, geese & swans. IOC World Bird List versión 5.1.
  6. ↑ Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  7. 1 2 3 BirdLife International (2012). "Netta rufina". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2014.3 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 28 de febreiro de 2015.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]