Parque do Pasatempo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 25 de xullo de 2010 ás 10:55 por HombreDHojalata (conversa | contribucións) (creo a categoría en commons e vouna encher de fotos de xindilo e outros de flickr)
Vista xeral
Estanque do Retiro

O Parque do Pasatempo, situado na cidade de Betanzos, é un parque construído inicialmente en 1893 e rematado en 1914, a instancias do benfeitor e emigrante betanceiro en Arxentina Juan García Naveira.

Historia e características

Foi unha iniciativa novidosa e única no seu xénero, precursora dos actuais parques temáticos. Sobre unha superficie total dunhas 9 hectáreas, combinaba na parte chá do terreo un amplo xardín de recreo, con variada vexetación, estanques e paseos, xunto á zona do Pasatempo propiamente dito, constituído por terrazas sucesivas que ascendían pola aba do monte, con estatuas, relevos e construcións que buscaban reflectir lugares e feitos de todo o mundo, conformando o que se denominou como un auténtico parque enciclopédico ao servizo da ilustración do pobo de Betanzos e os seus visitantes, e que figuraba nas guías de viaxe da súa época. Empregáronse na construción materiais novidosos e unha estética entre modernista e romántica mediante a distribución dos espazos con numerosos elementos relativos á cultura universal, inspirados na visión que lle proporcionara a Juan García as distintas viaxes que realizou.[1]

A porta da parte baixa estaba custodiada por dous grandes leóns, hoxe desaparecidos como boa parte dos elementos ornamentais desta zona, e comunicaba coa avenida dos Emperadores Romanos, con bustos en mármore, e coa avenida dos Álamos, con estatuas de afamados escritores [2]. Nestes xardíns, cun labirinto vexetal e un invernadoiro, e numerosas fontes, estanques e estatuas, erixíase unha estatua dos propios irmáns, hoxe na praza principal de Betanzos.

Na parte alta as estruturas distribuíanse en cinco niveis ós que se chegaba a través de escalinatas e pasos subterráneos imitando grutas prehistóricas, nas que aínda se conservan as figuras de dous dinosauros, e con grandes explanadas e miradoiros á cidade. No nivel inferior construíuse o estanque do Retiro, cunha insua central na que había dúas estatuas imitando figuras romanas, bordeadas por un coidadoso mosaico con motivos de peixes. Nas paredes do estanque, completamente decoradas con cunchas de distintos moluscos, hai relevos representando un globo aerostático e unha especie de máquina de tren. Nun dos muros que separan un nivel doutro esculpíronse relevos de gran tamaño representando unha viaxe a Exipto, coa pirámide de Keops, a muralla chinesa e o canal de Panamá. No centro desta parede abríase a boca dun complexo entrecruzado de grutas pola que se ascendía ó nivel superior, cunha ampla terraza-miradoiro no que cómpre destacar un enorme león. Desde aquí accedíase a un parque zoolóxico, hoxe desaparecido, e á zona máis alta do parque, convertido en miradoiro.

Decadencia e recuperación

A morte do mecenas Juan García en 1933 deu comezo á decadencia do parque, pero a deterioración acelerouse cando se dedicou a campo de concentración para prisioneiros republicanos trala Guerra Civil. Na posguerra quedou abandonado e foi obxecto de roubos e actos vandálicos durante anos. Nos anos 40 construíuse unha estrada que atravesaba o parque, deixando a un lado os xardíns e a outro as edificacións do Pasatempo. O xardín foi reconvertido en hortas e depósito de entullos, o que rematou por estragar case definitivamente as estruturas, estatuas e relevos.

Non foi ata 1986 cando o Concello mercou o parque para intenta-la súa reconstrución, e hai pouco iniciáronse as obras de restauración e rehabilitación con fondos europeos da superficie que aínda se conserva. Unha pasarela elevada permite contemplar os xardíns desde certa altura, así como acceder á parte do parque do outro lado da estrada.

O pasatempo é un dos lugares de visita recomendada para os peregrinos que fan o Camiño inglés.[3]

Notas

  1. El primer turista gallego, artigo en El País (en castelán).
  2. O portal Turgalicia escribe, erroneamente en presente, que hai "256 esculturas de papas, emperadores romanos".
  3. Subdirección Xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago (Xunta de Galicia)

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

  • Santiago de la Fuente García en Gran Enciclopedia Galega, tomo 21.
  • Betanzos. Ruta de los Hermanos García Naveira. Concello de Betanzos, 2009.
  • CABANO VÁZQUEZ, I.; PATO IGLESIAS, M.L.; SOUSA JIMÉNEZ, X. (1992). El Pasatiempo. O capricho dun indiano. Ediciós do Castro. ISBN 8474925096. 

Ligazóns externas