Parque Nacional do Gran Paradiso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Parque Nacional do Gran Paradiso sitúase en Italia, nas rexións do Val de Aosta e Piemonte. Foi o segundo parque nacional de Italia, tras o parque do Abruzzo. Foi un dos pioneiros no conservacionismo europeo e consta dun total de 56 000 hectáreas.

Orografía[editar | editar a fonte]

Lago Djouan no Parque Nacional

Situado nos Alpes Graios, a paisaxe salienta polo quebrado da súa orografía. O punto culminante é o Gran Paradiso (4061 metros) cuxo cumio foi alcanzado por vez primeira polo inglés John Cowell. Outros cumios salientabeis son a Torre do Gran Pietro (3692mt), o Herbeter (3778mt) e o Ciarforon (3642mt).

Existen profundos vales, que nalgúns casos baixan ata os 500 metros de altura, moitas veces cruzados por torrentes e ríos fortemente estacionais. Debida a estas diferenzas de altitude créanse áreas con microclimas diferentes en función da altitude. Condicionando así a supervivencia das especies vexetais, creando o que se chaman pisos de vexetación. O primeiro deles é o prealpino, que chega ata os 1500 metros con mestos bosques de folla caduca. Por enriba, e ata os 1700, sitúase o piso montano, onde predomina a asociación faia-abeto, que sobreviven ó alto índice de humidade. O piso subalpino acada os 2400 metros, co piñeiro negral como árbore predominante e extensas pradeiras. Estas pradeiras son o hábitat idóneo para diversas especies florais, que acadan o seu esplendor en primavera e verán. Bos exemplos son a Scutellaria Alpina, a Campanula Schenchzeri, Sempervivum Arachnoideum e a Pulsatilla Alpina. Por último, o estrato alpino presenta unicamente vexetación en forma de herba ou liques. Finalmente está o piso nival, onde a presenza das neves perpetuas case imposibilitan a vida vexetal, coa excepción de algas, liques ou a Ranúnculus glacialis, xoia botánica do parque.

Historia[editar | editar a fonte]

O parque creouse no 1922, mais a protección da zona é moi antiga. Xa no 1821, o reino de Sardeña decreta a prohibición de cazar animais na rexión do Gran Paradiso. Anos máis tarde, o rei victor Manuel II instaura unha reserva real de caza coa intención de evitar a extinción da cabra montesa. Grazas a estas medidas cifránronse uns 2000 individuos, 25 anos despois. Actualmente a cabra montesa dos alpes, ou íbice, conta hoxe en día cuns 4000 exemplares, sendo a especie totémica do parque. Posteriormente o parque foi divulgado e defendido polo naturalista italiano Daniele Pellegrini.

Fauna[editar | editar a fonte]

Ademais da cabra montesa, tamén existen rebezos (uns 7000 exemplares) e marmotas. Porén, outras especies téñense extinguido totalmente nas rexións do parque. Especialmente o referido ós grandes depredadores: o lobo desaparecido no 1912, o lince boreal no 1918 e a lontra no 1930. Deles, o lince foi reintroducido no 1975 coa solta de dous adultos. Entre as aves, tamén hai especies extintas coma o quebraosos (o último exemplar confirmado data do 1957). A aguia real estivo a piques de correr a mesma sorte, pero grazas ás diferentes medidas hoxe dispóñense de case unha decena de parellas reprodutoras. Outras especies interesantes son o peto negro, choias e choias de bico amarelo, o galo lira común e a víbora aspid.