Pardollán, Rubiá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pardollán
Igrexa de Santo Estevo de Pardollán.
ConcelloRubiá[1]
ProvinciaOurense
Coordenadas42°27′21″N 6°50′00″O / 42.455744444444, -6.8334Coordenadas: 42°27′21″N 6°50′00″O / 42.455744444444, -6.8334
Poboación53 hab. (2017)
Entidades de poboación2[1]
editar datos en Wikidata ]

Santo Estevo de Pardollán é unha parroquia que se localiza no leste do concello de Rubiá. Segundo o IGE en 2010 tiña 42 habitantes (20 mulleres e 22 homes), distribuídos en 2 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 39 habitantes.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Consérvase unha capela de estilo románico con engadidos posteriores[2]. Ten a súa orixe no século XII, e foi igrexa parroquial até mediados do século XX, cando se construíu o templo actual, dependente da diocese de Astorga. Foi abandonada, perdendo o tellado de lousa e sendo cuberta pola maleza e erosionada pola choiva. En 2011 o adro foi acondicionado pola asociación en defensa do patrimonio medieval galego O Sorriso de Daniel coa colaboración da asociación de veciños Santo Estevo, sendo o primeiro paso cara á restauración da capela[3].

O templo ten planta basilical dunha única nave, cunha ábsida cuadrangular tanto ao interior coma ao exterior. A sancristía tamén é cuadrangular, aberta á nave no lado norte e comunicada co presbiterio a través unha porta.

No exterior da ábsida aprécianse dúas etapas construtivas, as dúas con cachotería de pedra, habendo un recrecido posterior sobre a cabeceira orixinal da época da edificación do resto da igrexa. Este recrecido ten un acceso dende o exterior a modo de xanela cuadrangular sobre o arco triunfal da igrexa. As testemuñas orais indican que puido funcionar coma un pombal. Noutro tempo estivo cuberta por unha cuberta branca.

Na portada sur consérvanse restos dun pórtico ou cabido. Unha cuberta sinxela descansaba en tres piares levantados no muro perimetral. Esta porta ten trazado de medio punto, moi sinxela, con tímpano liso e como é frecuente no románico rural, ambas as dúas mochetas conteñen figuración de bóvidos, de moi boa labra.

Na nave os canzorros non son figurados e están feitos en pedra calcaria moi deteriorada. Na ábsida os canzorros representan figuración de animais propios da zona (serpe, bovinos, donicelas, osos?), ou ben formas xeométricas (bolas ou modillóns de rolos, típicos da arquitectura mozárabe do século X).

A fachada principal está configurada cun arco de medio punto, cun conxunto de doelas de traza e labra excepcional, realizado en conglomerado de arenita ou “pedra de Pardollán”, como se lle coñece na zona, recoñecible pola súa cor ferrosa. A xanela seteira que se abre sobre a porta está feita coa mesma pedra, reservada para as zonas máis nobres. Toda a portada está coroada por unha gran espadana de dobre arco, hoxe sen campás. A esta espadana accédese por unha escaleira situada no lateral norte, de construción posterior e moi mal conservado. As dúas campás desapareceron e sobre os dous óculos ábrese un terceiro máis pequeno sen función aparente.

A cuberta, actualmente caída, era de dúas augas ao xeito tradicional da zona, cunha trama de madeira recuberto por grandes lousas. A cubrición da ábsida realízase cunha bóveda de canón apuntada

O interior está articulado en dous tramos marcados por sendas fiestras sinxelas de medio punto. Aprécianse restos dun pequeno coro aos pés da igrexa. O arco triunfal, que da acceso á ábsida, é lixeiramente apuntado, levantado sobre capiteis piares cuadrangulares, sen decoración. Consérvanse restos de policromía no zócolo e no arco. O chan está enlousado. No interior hai dúas pías feitas tamén en pedra de Pardollán, a da porta sur con probable uso de pía benditeira e a da porta occidental con uso de pía bautismal. Esta repousa sobre un pé labrado en mármore dunha canteira da mesma zona.

A igrexa con usos de parroquial ata mediados do XX está rodeada polo vello camposanto, todo de tumbas feitas na terra, algunhas con cruces de ferro e sen lápidas. No muro este ten anexado un panteón familiar erguido no século XX que impide ver a traza orixinal da igrexa.

Preto da igrexa atópanse os restos dun curioso muíño cunha gran cisterna circular de carga vertical. Era este o primeiro dunha secuencia de muíños que se erguían no leito do regueiro que leva auga dende esta zona alta á aldea de Pardollán.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Pardollán[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Pardollán no concello de Rubiá (Ourense)

Pardollán | Vilardesilva

Parroquias de Rubiá[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Rubiá

O Barrio de Cascallá (Nosa. Sra. da Asunción) | Biobra (San Miguel) | Covas (San Salvador) | Oulego (San Miguel) | Pardollán (Santo Estevo) | O Porto (San Cristovo) | Quereño (San Cristovo) | O Robledo da Lastra (Nosa Sra. da Concepción) | Rubiá (Santa Mariña) | A Veiga de Cascallá (Santa Cruz)

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]