Paradoxo de Epiménides

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O paradoxo de Epiménides é un paradoxo, relacionado coa filosofía e a lóxica. É un paradoxo falsídico, xa que aparenta autocontradecirse de se seguir un razoamento, pero pódese mostrar que ese razoamento non é correcto. Atribúese a Epiménides afirmar: Todos os cretenses son uns mentiráns. Sabendo que el mesmo era cretense, dicía Epiménides a verdade?

A primeira vista parece que a afirmación se contradí, xa que Epiménides está afirmando que mente. Isto non é realmente certo, xa que malia que a afirmación non pode ser certa, si podería ser falsa. Se supoñemos que é certa, Epiménides si está afirmando que, como calquera cretense, está mentindo, e polo tanto a afirmación sería falsa, e alcanzaría unha autocontradición. Pero se supoñemos que é falsa, non alcanzamos unha contradición, xa que se a afirmación Todos os cretenses menten é falsa, significa que hai polo menos un cretense, non necesariamente Epiménides, que di a verdade. Polo tanto, é perfectamente posible que a afirmación sexa falsa, e a afirmación non é un verdadeiro paradoxo.