Paradoxo da tolerancia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O paradoxo de tolerancia foi descrito polo filósofo austríaco Karl Popper en 1945, enmarcado na teoría da decisión. Este paradoxo declara que se unha sociedade ten tolerancia ilimitada, a súa capacidade de ser tolerante acabará por ser reducida, ou mesmo destruída, pola propia intolerancia. Popper concluíu que, malia semellar paradoxal, para manter unha sociedade tolerante, cómpre ser intolerante coa intolerancia.

Discusións[editar | editar a fonte]

Karl Popper definiu este pensamento en 1945 no primeiro volume da súa obra The Open Society and Its Enemies.[1]

É menos coñecido o paradoxo da tolerancia. Está fundamentada en que a tolerancia ilimitada acaba por conducir á desaparición da tolerancia. Se estendemos esta tolerancia ilimitada mesmo a quen son intolerantes, se non somos capaces de defender unha sociedade tolerante contra as falcatruadas das xentes intolerantes, o resultado será a destrución da tolerancia. Con isto non pretendemos afirmar, por exemplo, que sempre debamos pór atrancos á expresión de pensamentos filosóficos intolerantes. En canto poidamos contrarrestar estes pensamentos mediante argumentos racionais e mantelos en xaque ante a opinión pública, prohibilos sería, certamente, pouco prudente. Porén, debemos reclamar o dereito de prohibilos, mesmo pola forza se for necesario, pois se cadra non están destinados a ser impostos como argumentos racionais, senón que, por contra, comecen por acusar calquera razoamento. Deste xeito, poderían prohibirlles ás súas adeptas e adeptos, por exemplo, que prestasen atención aos argumentos racionais e que promovan responder a eles mediante o uso dos puños ou as armas. Deberemos reclamar, daquela, no nome da tolerancia, o dereito de non tolerar a intolerancia. Deberemos esixir que calquera movemento que predique a intolerancia fique á marxe da lei e que sexa considerada coma un crime calquera incitación á intolerancia e á persecución, de igual xeito que coa incitación ao homicidio, ao secuestro ou ao tráfico de persoas escravas. Temos, xa que logo, que reclamar, no nome da tolerancia, o dereito a non tolerar a intolerancia.
Karl Popper

En 1971, o filósofo John Rawls conclúe na súa Teoría da xustiza que unha sociedade xusta ten que tolerar a intolerancia. No caso contrario, a sociedade podería tornarse intolerante e, xa que logo, inxusta. Aínda así, Rawls tamén afirma, do mesmo xeito que Popper, que a sociedade ten un dereito razoábel á supervivencia, que prevalece sobre o principio da tolerancia:

Até que unha seita intolerante non sexa sinalada como intolerante, ha gozar de liberdade. Esta será restrinxida só cando a tolerancia, de xeito sinxelo e razoado, considere que están en perigo a súa propia seguridade e mais a das institucións que garanten a liberdade.
John Rawls

Nun traballo de 1997, Michael Walzer preguntou «Debemos tolerar a intolerancia?». Resalta, amais, moitos grupos relixiosos minoritarios gozan dos beneficos dunha sociedade tolerante. Porén, boa parte destes son intolerantes respecto dalgúns temas. Nun estado de dereito, os membros deses grupos poderían aprender a tolerar, ou polo menos a actuar «coma se posuísen esa virtude».[2]

Thomas Jefferson mencionou a idea dunha sociedade tolerante no seu primeiro discurso como presidente dos Estados Unidos, e manifestou a súa preocupación por quen puidesen desestabilizar o país e a súa unidade:

Deixemos que as súas opinións sexan monumentos á seguridade de que as anteditas opinións erradas poidan ser toleradas. Desta maneira, a razón ten a liberdade de combatilas.

Tolerancia e liberdade de expresión[editar | editar a fonte]

O paradoxo da tolerancia é importante no debate sobre establecer límites ou non á liberdade de expresión. Popper afirmou que permitirlles a liberdade de expresión a quen a empregarían para eliminala constituiría un paradoxo.[3] Rosenfeld declarou que «semella contraditorio estender a liberdade de expresión cara a posturas extremistas que, de triunfaren, arincarían de raíz as opinións discrepantes». Así mesmo, salienta o feito de que as democracias europeas occidentais e mais os EUA teñen aproximacións opostas á cuestión da tolerancia respecto do discurso de odio.[4]

Homofilia e intolerancia[editar | editar a fonte]

A relación entre a homofilia (a preferencia para interaccionar con quen teñen opinións similares) e a intolerancia ponse de manifesto cando a unha persoa tolerante se lle presenta o dilema de elixir, por unha banda, entre estabelecer unha relación positiva con alguén tolerante que pertence a un grupo diferente, ou, por outra banda, unha relación positiva cun membro intolerante do seu mesmo grupo. No primeiro caso, a persoa intolerante do seu grupo desaproba a relación establecida con alguén do outro grupo, co que xera unha relación negativa co seu par. Porén, no segundo caso, a relación negativa cara a persoa do outro grupo é aprobada polo suxeito intolerante, o que promove unha relación positiva entre os individuos do mesmo grupo.

Este dilema foi considerado por Fernando Aguiar González e Antonio Parravano Acosta en Tolerating the Intolerant: Homophily, Intolerance, and Segregation in Social Balanced Networks. Esta obra modela unha comunidade de individuos, cunhas relacións gobernadas por unha forma modificada da teoría do equilibrio de Heider.[5][6][7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Popper, Karl (1945): The Open Society and Its Enemies; volume 1: The Spell of Plato. Londres: Routledge, 1945; ISBN 0-415-29063-5 978-0-691-15813-6 (1.º volume, editado pola Universidade de Princeton, 2013).
  2. On Toleration. New Haven: Yale University Press. 1997. pp. 80–81. ISBN 978-0-300-07600-4. 
  3. "Popper's Paradox of Tolerance and Its Modification". The Boundaries of Liberty and Tolerance: The Struggle Against Kahanism in Israel. University Press of Florida. 1994. p. 25. ISBN 9780813012582. 
  4. "Review: Extremist Speech and the Paradox of Tolerance" 100 (6). abril de 1987: 1457–1481. JSTOR 1341168. doi:10.2307/1341168. 
  5. Aguiar, Fernando; Parravano, Antonio (2013). "Tolerating the Intolerant: Homophily, Intolerance, and Segregation in Social Balanced Networks". doi:10.1177/0022002713498708. 
  6. "Attitudes and Cognitive Organization" 21. 1946: 107–112. PMID 21010780. doi:10.1080/00223980.1946.9917275. 
  7. Heider, Fritz (1958). The Psychology of Interpersonal Relations. New York: John Wiley. ISBN 9780898592825. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]