Saltar ao contido

Papuxa de Rüppell

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papuxa de Rüppell
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Sylviidae
Xénero: Curruca
Especie: Curruca ruppeli
(Temminck, 1823)
Sinonimia
  • Sylvia ruppeli
  • Sylvia rueppelli
  • Curruca rueppelli
Ovos de Curruca ruppeli - MHNT

A papuxa de Rüppell[2] (Curruca ruppeli) é unha papuxa da familia Sylviidae. Reprodúcese en Grecia, Turquía e illas veciñas. É unha ave migratoria, que pasa o inverno no nordés de África. É un vagante raro no oeste de Europa.[3]

Taxonomía e etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Xunto coa Curruca melanothorax forma unha superespecie de papuxas con gorxas escuras, liñas malares brancas e bordos das rémixes claros. Ademais, está reacionada coas especies do Mediterráneo e Próximo Oriente de Sylvia (ou Curruca) con anel ocular espido, concretamente a Curruca cantillans (papuxa balcánica), Curruca melanocephala (papuxa de cabeza negra) e Curruca mystacea. Ambos os grupos teñen unha área malar branca, pero esta pode non formar unha liña clara no último dos grupos; por riba do branco, as cabezas dos machos son uniformemente escuras.[4][5]

O nome galego de Rüppell e o epíteto do nome científico honra a memoria do zoólogo alemán e explorador Eduard Rüppell (1794–1884).[6][7]

É unha especie monotípica, é dicir, carece de subespecies recoñecidas.[8]

Descrición

[editar | editar a fonte]

É unha Curruca típica, similar en tamaño pero máis delgada que a papuxa de cabeza negra. Os adultos teñen un dorso gris e partes ventrais grises máis claras. O bico é fino e agudo, con patas marróns e ollos vermellos. O rechamante macho ten cabeza negra e, xeralmente, unha gorxa negra, separada por unha liña malar branca ("bigote"). As femia ten gorxa clara e a cabeza é gris en lugar de negra. O dorso gris ten tons marróns. A canción é un repenico máis profundo e máis lento que a da pauxa de cabeza negra.

Ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Reprodúcese en ambientes cálidos e secos, incluíndo áreas rochosas, ladeiras cubertas de arbustos e mato e desde o nivel do mar ata altitudes de aproximadamente 800–1000 metros. Nalgunhas rexións, como o sueste de Turquía, foi observada a maiores altitudes ata os 1500 metros, e en Creta, ata os 1600 metros. Esta especie ocupa unha ampla variedade de hábitats mediteráneos secos, desde áreas boscosas con suficiente sotobosque a áreas de mato con escasa cuberta de arbórea. Prefire os bosques espesos abertos de carballos e cipreses, así como terreos herbosos e rochosos con diversas densidades de cuberta arbustiva. Comparado coa papuxa de cabeza negra estreitamene emparentada, a pauxa de Rüppell depende menos da vexetación densa e alta. Durante a estación non reprodutora, frecuenta zonas áridas arbustivas, e tamén xardíns, zonas de canaveiras, e sebes. Durante a migración, pode observarse en ladeiras de outeiros espesas, ladeiras montañosas e uadis de desertos con árbores Acacia.[8]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

O seu niño é unha estrutura cupuliforme robusta construída con follas e ramiñas. O interior está tapizado de materiais máis finos. Os niños están normalmene situados en arbustos densos a miúdo espiñentos, a alturas a 45 a 75 cm do chan.[9] En Grecia, a posta de ovos adoita ocorrer desde a metade de abril á metade de maio. A posta normalmente consta de 4 ou 5 ovos.[8]

Este paxaro insectívoro aliméntase principalmente de insectos adultos e larvas. Porén, a súa dieta probablemente inclúe tamén outros artrópodos. Durante a estación non reprodutora tamén suplementa a súa dieta con bagas.[8]

Conservación

[editar | editar a fonte]

Esta especie ten unha ampla área de distribución e unha gran poboación. A tendencia da poboación non se coñece, pero non se cre que estea preto do limiar da vulnerabilidade. Por estas razóns, clasifícase como "pouco preocupante" na Lista vermella da IUCN.[10]

A poboación europea estimouse en de 206.000 a 1.030.000 individuos maduros. Isto representa aproximaamente o 95 % da poboación global, que se estimou preliminariamente en de 217.000 a 1.080.000 individuos maduros.[11]

  1. BirdLife International (2024). "Curruca ruppeli" 2024: e.T22716954A264555070. 
  2. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05. 
  3. David Armitage Bannerman The Birds of the British Isles, Volume 3 (1953) en Google Books.
  4. Helbig, A. J. (2001): Phylogeny and biogeography of the genus Sylvia. In: Shirihai, Hadoram: Sylvia warblers: 24-29. Princeton University Press, Princeton, N.J. ISBN 0-691-08833-0
  5. Jønsson, Knud A. and Fjeldså, Jon (2006): A phylogenetic supertree of oscine passerine birds (Aves: Passeri). Zool. Scripta 35(2): 149–186. doi 10.1111/j.1463-6409.2006.00221.x
  6. Beolens, Bo; Watkins, Michael (2003). Whose Bird? Men and Women Commemorated in the Common Names of Birds. London: Christopher Helm. p. 294. 
  7. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 341, 376. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Aymí, Raül; Gargallo, Gabriel (2021). "Rüppell's Warbler (Curruca ruppeli), version 1.1". Birds of the World (en inglés). ISSN 2771-3105. doi:10.2173/bow.ruewar1.01.1species_shared.bow.project_name. 
  9. Snow, David W.; Perrins, Christopher M. (1998). The birds of the Western Palearctic (edición abreviada baseada no Handbook of the birds of Europe, Middle East, and North Africa ed.). Oxford: Oxford Univ. Press. ISBN 978-0-19-854099-1. 
  10. BirdLife International. "Rüppell's Warbler (Curruca ruppeli)". BirdLife International datazone. Consultado o 2025-01-28. 
  11. European Commission. Directorate General for Environment.; IUCN.; BirdLife International. (2022). European red list of birds 2021. LU: Publications Office. doi:10.2779/959320.