Durante 15 anos imprimiuse en Palma da man de Mosén Alcover, en 1970 pasou a imprimirse en Madrid por Gráficas Arabí e despois regresou a Palma na Imprenta Politécnica de Miguel Ferrer.
En 1958 editouse un monográfico dedicado a Vicente Aleixandre e en 1973 outro dedicado a Alonso Zamora Vicente. Ademais, apareceron textos inéditos de Antonio Machado (1969) e de María Zambrano. Como editorial, Papeles de Son Armadans publicou, -en edicións paralelas á revista-, diversas coleccións de poesía, a colección Juan Ruiz de poesía castelá, a Juan Rodríguez de poesía galega e a Joan Roïç de Corella de poesía catalá. Tamén houbo outras publicacións da serie dos juanes: Juan del Encina, Juan Timoneda, Juan Lanas, Juan de Juanes ou Príncipe Don Juan Manuel. Nas coleccións Juan Ruiz e Principe Don Juan Manuel apareceron edicións ilustradas de obras do propio Camilo José Cela como Viaje a la Alcarria (1958), Gavilla de fábulas sin amor (1962, con ilustracións de Pablo Picasso) ou A familia de Pascual Duarte (1964).
Na revista tamén apareceron "Dibujos y escritos de Pablo Picasso", "Dibujos y litografías de Joan Miró" e a obra Trozo de piel con debuxos de Cela e textos de Picasso. Ademais apareceron edicións ilustradas das chamadas Conversaciones poéticas de Formentor, do Nadal de 1960, con poemas ilustrados por Cela e varios membros do grupo El Paso (Canogar, Millares, Tàpies, Saura o Viola, ademais de Miró).[3]
Logo de 276 números mensuais deixou de editarse «por razóns económicas».[2] Cela concluíu o artigo de despedida con este texto: «El balance de los aciertos y los errores de la casi dilatada existencia de esta revista que ahora muere ya lo hará quien tenga paciencia para ello, que a nosotros no nos queda sino despedirnos, deseándoles salud, buena suerte y larga vida a todos».
En 1995 Camilo José Cela fundou a revista El Extramundi y los papeles de Iria Flavia, continuadora en certo modo de Papeles de Son Armadans. No editorial do primeiro número dicía o escritor:
[Esta nueva revista] recordará inevitablemente, también con gratitud a su memoria, a los Papeles de Son Armadans, aquella revista que duró 24 años y publicó más números que meses tuvo de vida.[4]