Papías de Hierápolis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
San Papías de Hierápolis
Biografía
Nacemento70?
Pasamento163?
Proceso de canonización
CanonizaciónAnterior á Congregación para as Causas dos Santos
Veneración

Papías (grego: Παπίας) foi un padre apostólico, bispo de Hierápolis, en Frixia (na actual Pamukkale, Turquía), e autor que viviu aproximadamente entre os anos 70 e 163 d. C. Papías escribiu unha obra en cinco libros titulada Logiôn kyriakôn exêgêseis, (Λογίων Κυριακῶν Ἐξήγησις, na súa grafía grega), é dicir Exposición de ditos do Señor.

Esta obra, hoxe perdida agás breves fragmentos citados en escritos posteriores, é unha importante fonte antiga sobre a tradición oral do cristianismo e en particular sobre as orixes dos evanxeos canónicos.

Papías foi canonizado pola Igrexa Católica; a súa festa é o 22 de febreiro.

Vida[editar | editar a fonte]

Á parte do inferible dos seus escritos, sábese moi pouco de Papías.

O nome Papías era moi común na rexión, o cal suxire que nacera na zona.[1]

Ireneo de Lión (finais do século II), discípulo de Policarpo de Esmirna(69?, 155), di que Papías foi compañeiro deste lonxevo padre da Igrexa, e un oínte de "Xoán" (segundo a tradición aceptada pola Igrexa, Xoán o Evanxelista, segundo Eusebio de Cesarea, Xoán o Ancián).[2]

Eusebio (século IV), que é a principal fonte sobre Papías -dedícalle un capítulo da súa Historia eclesiástica (III, 39)-. engade que Papías era bispo de Hierápolis cara a época de Ignacio de Antioquía,[3], presuntamente xusto antes de Abercio de Hierápolis.

Como Eusebio refírese a Papías só no seu terceiro libro, parece datalo antes do comezo do cuarto, en 109. Segundo os fragmentos que cita, o propio Papías coñeceu varios libros do Novo Testamento, cuxa datación tamén é polémica, e obtén información de Xoán (o Evanxelista ou o Ancián), as fillas de Filipe e moitos "anciáns" que oíron eles mesmos aos doce apóstolos.

Hoxe considéranse erradas dúas fontes que proporcionan datas sobre Papías. Unha que di que a súa morte aconteceu preto da de Policarpo, en 164, hoxe crese que o confunde con "Papilas". Outra que relaciona a Papías co reinado de Hadriano (117–138) parece confundir a Papías co compendiador Cuadrato.

Obra[editar | editar a fonte]

A datación da obra de Papías é tan dificultosa coma a da súa vida. Estudos modernos datan a obra aproximadamente entre os anos 95 e 120.[4][5]

Os cinco libros[editar | editar a fonte]

Pese a certos indicios de que a obra de Papías aínda conservábase na Idade Media,[6] hoxe o texto completo está perdido. Algúns extractos, porén, aparecen noutros escritos, algúns dos cales citan un número de libro. MacDonald propón as seguintes reconstrucións tentativas dos cinco libros de Papías.[7]

  1. Prefacio e prédica de Xoán
    • Prefacio
    • Orixes do Evanxeo
    • Os chamados fillos (Libro 1)
  2. Xesús en Galilea
    • A muller pecadora
    • O paraíso e a Igrexa
    • A morte de Santiago e Xoán (Libro 2)
  3. Xesús en Xerusalén
    • O milenio
  4. A Paixón
    • Recompensa agrícola no Reino (Libro 4)
    • A morte de Xudas (Libro 4)
    • A caída dos anxos
  5. Despois da Resurrección
    • Barsabás bebe veleno
    • A resurrección da madre de Manaén (ou Manaimo)

Eusebio cita o prefacio da obra de Papías, onde el mesmo describe o seu xeito de reunir información sobre os ensinos de Cristo:[8]

"Pero non me negarei a escribir, xunto coas miñas interpretacións, cantas instrucións recibira coidadosamente dos ancián e que gardei coidadosamente na memoria, á vez asegurándoche a súa verdade. Porque eu non me compracía, como a multitude, nos que falaban moito, senón nos que ensinaban a verdade; nin en aqueles que daban mandamentos estraños, senón nos que repetían os que o Señor dera para a nosa fe e que proceden da verdade mesma. Se, entón, viña calquera dos que seguiran aos anciáns, eu inquiría minuciosamente nos ditos deles: que dixera Andrés, que Pedro, que Filipe, que Tomé ou Santiago, ou qué Xoán ou Mateo ou calquera outro dos discípulos do Señor; o que din Aristión e o ancián Xoán, discípulos do Señor. Porque eu cría que aquilo que se pode obter dos libros non me era tan proveitoso coma o que ven da voz viva e permanente."[9]

Papías, pois, interroga aos viaxeiros que pasan por Hierápolis sobre o que din os discípulos aínda vivos de Xesús e os anciáns, é dicir os que coñoceron persoalmente aos doce apóstolos. Un destes discípulos era Aristión, probablemente bispo da veciñanza de Esmirna,[10] e outro era Xoán o Anciá, habitualmente identificado (pese a oposición de Eusebio) con Xoán o Evanxelista,[11] que moraba preto de Éfeso, de quen Papías foi oínte;[2] Papías a miúdo citou aos dous.[12] Das fillas de Filipe, quen se asentaron en Hierápolis, Papías deprendeu outras tradicións máis.[13] Como afirma claramente Papías, el acha a "voz viva" superior aos contidos dos textos que tiña ao seu alcance.

Orixe dos Evanxeos[editar | editar a fonte]

Papías proporciona a información máis antiga que se conserve de quen escribiu os Evanxeos. Eusebio preserva dous fragmentos textuais de Papías sobre as orixes dos evanxeos, un sobre Marcos e outro sobre Mateo.[14]

Sobre Marcos, Papías cita a Xoán o Ancián:

O ancián adoitaba dicir: Marcos, como intérprete de Pedro, puxo coidadosamente por escrito canto lembraba na súa memoria —aínda que non de xeito ordenado— sobre as cousas que dixo e fixo o Señor. Pois el nunca oíu ao Señor nin o acompañou, senón que despois, como dixen, si a Pedro, quen adoitaba dar os seus ensinos en forma de chreiai,[15] mais sen tentar proporcionar unha disposición ordenada dos logia do Señor. Polo tanto Marcos non errou ao escribir algunhas cosas particulares como as deprendera de memoria. Pois puxo o seu único coidado en non omitir nada do que oíra e en non falsear nada.

O fragmento sobre Mateo só di:

Polo tanto Mateo dispuxo os logia ordenadamente en lingua hebrea, mais cada un interpretounos canto mellor puido.[16]

Durante moito tempo a maneira apropiada de interpretar esta cita de Papías foi materia de polémicas, pois non se sabe cal é o seu contexto e o grego é ambiguo en varios aspectos e parece empregar terminoloxía técnica e retórica. Ademais, non está claro que os escritos de Marcos e Mateo sexan os evanxeos canónicos que levan eses nomes.

A palabra logia (λόγια)—que tamén aparece no título da obra de Papías— xa é problemática. En contextos non-cristiáns, o significado habitual era oráculos, mais desde o século XIX foi interpretado como ditos, o que suscitou numerosas teorías sobre un "Evanxeo dos ditos", agora chamado Q, semellante ao Evanxeo de Tomás.[17] Pero os paralelismos involucran un significado de ditos ou feitos, que se adapta ben aos evanxeos canónicos.[18][19]

Moitas outras autoridades antigas[20] fanse eco da aparente afirmación de que Mateo escribira en hebreo, que en grego se pode referir tanto ao hebreo como ao arameo.[21] Os estudosos modernos propuxeron moitas explicacións para esta afirmación, á luz da opinión maioritaria de que ese Mateo canónico compúxose en grego e que non foi traducido dunha lingua semítica.[19][22] Unha teoría é que o propio Mateo elaborara primeiro unha obra semítica e despois unha recensión da obra en grego. Outra é que outros traduciron Mateo ao grego máis ben libremente. Outra é que Papías simplemente quere dicir "nun grego ao estilo hebreo", "Ἑβραίδι διαλέκτῳ". Outro é que Papías refírese a unha obra distinta hoxe perdida, quizais unha colección de ditos como a Fonte Q ou o chamado Evanxeo segundo os hebreos. Outra é que Papías sinxelamente cometera un erro.

Canto a Marcos, a dificultade foi entender a devandita relación entre Marcos e Pedro —se Pedro deprendeu de memoria ou se Marcos lembraba a prédica de Pedro, e se Marcos traduciu esa prédica ao grego ou ao latín ou se soamente expúxoa, e se fixera o primeiro, se o fixo publicamente ou só elaborando o seu Evanxeo; os estudosos modernos exploraron varias posibilidades.[23] Eusebio, despois de citar a Papías continua a dicir que Papías tamén citara como corroboración a primeira epístola de Pedro.[24][25] No século II, Xustino aludiu a esta relación de Pedro co Evanxeo de Marco[26] e Clemente de Alexandría estendeuse sobre o tema.[27]

Non se sabe que máis diría Papías sobre estes ou os outros evanxeos —certamente tratou o de Xoán[28]>— pero algúns ven a Papías como a fonte probable e non atribuída de polo menos dous posteriores relatos sobre as orixes dos evanxeos. Bauckham sostén que o canon Muratori (arredor de 170) definiuse a partir de Papías; o fragmento que fica, porén, conserva só unhas poucas palabras finais sobre Marcos e logo fala do Evanxeo de Lucas e do de Xoán[29] tamén se fixo baseándose en Papías.[28][30]

Escatoloxía[editar | editar a fonte]

Eusebio conclúe a partir dos escritos de Papías que era un milenarista, que entendía o milenio como un período literal no cal Cristo reinará na Terra, e ataca a Papías pola súa interpretación literal de pasaxes figurativos, escribindo que Papías "parace que tería un entendemento limitado ", e sente que o seus erros fan errar a Ireneo e a outros.[31]

Ireneo de feito cita o carto libro de Papías para un dito de Xesús -doutro xeito descoñecido- relatado por Xoán o Evanxelista, que Eusebio sen dúbida ten na mente:[32][33]

O Señor adoitaba ensinar por aquel tempo e dicía: "Chegará o día no que as viñas crecerán, cada unha con dez mil brotes, e en cada brote dez mil pólas, e en cada póla dez mil ramas, e en cada rama dez mil acios, e en cada acio dez mil uvas, e cada uva ao esmagala renderá vinte cinco medidas de viño. E cando un dos santos colla do acio, outro acio gritará, "eu son mellor, cólleme, bendí ao Señor comigo." Así mesmo o gran de trigo producirá dez mil espigas, e cada espiga terá dez mil grans, e cada gran dez libras de excelente fariña, branca e pura. E os outros froitos, sementes e herba producirán en proporcións similares, e todos os animais que se alimentan destes froitos producidos polo solo, á súa vez volveranse pacíficos e harmoniosos cara ao outro, e totalmente suxeitos a humanidade. ... Estas cousas son cribles para os que cren." E cando Xudas, o traidor, non creu e preguntou: "Como, entón, o Señor realizará ese crecemento? ", o Señor dixo, "os que vivan ata ese tempo o verán."

A miúdo saliéntase a existencia de paralelismos entre este texto e textos xudeus da época como 2 Baruch.[34][35]

Por outra banda, se di que Papías entendía o misticamente o Hexaemeron (seis días da creación) como unha referencia a Cristos e a Igrexa.[36]

Pericope Adulterae[editar | editar a fonte]

Eusebio remata de falar de Papías dicindo que contou "outra historia sobre unha muller que foi acusada de moitos pecados ante o Señor, que atópase no Evanxeo segundo os Hebreos."[37] Agapio de Hierápolis (século X) subministra un resumo máis completo do que Paías di aquí, e refírese á muller como unha adúltera.[38] É claro o paralelismo coa famosa Pericope Adulterae (Xoán 7:53–8:11), unha pasaxe problemática ausente ou cambiada de lugar en moitos manuscritos evanxélicos antigos. O notable é que unha testemuña tan antiga como Papías xa coñecera a historia.

Menos claro é ata qué punto Eusebio e Agapio citan as palabras de Papías influenciados pola pericope que coñecían doutra parte.[39] En realidade, chegou ata nós unha gran variedade de versións.[40] Como a pasaxe de Xoán é virtualmente descoñecido para a tradición patrística grega,[41] Eusebio citou o único paralelismo que recoñeceu do agora perdido Evanxeo segundo os hebreos, que quizais sexa a versión citada por Dídimo o Cego.[42]

A concordancia máis proxima cos "moitos pecados" en realidade dase no texto xóanico do códice armenio Matenadaran 2374 (antes Ečmiadzin 229); este códice tamén é notable porque atribúe o final longo de Marcos a "Aristión o Ancián", que a miúdo se considera vinculado con Papías.[43][44]

Morte de Xudas[editar | editar a fonte]

Segundo un escolio atribuído a Apolinario de Laodicea, Papías tamén relatou unha historia sobre o destino grotesco de Xudas Iscariote:[45]

Xudas non morreu pendurado[46] senón que sobreviviu, pois a corda se lle cortou antes de estrangularse. En efecto, os Feitos dos apóstolos déixano claro: Ao caer de cabeza se abriu no medio e as súas entrañas se derramaron.[47] Papías, o discípulo de Xoán, relátao máis claramente no cuarto libro da Exposición dos ditos do Señor, así: Xudas era un terrible exemplo de impiedade andante neste mundo, coas carnes tan inchadas que non podía pasar por un espazo onde un carro pasa facilmente, nin sequera a súa propia cabeza. Pois tiña as pálpebras, din, tan inchadas que non podía ver nada de luz, e non se vían os seus ollos, ne sequera cando un doutor usaba un instrumento óptico, de tanto que se afundiran baixo a superficie exterior. Os seus xenitais parecían máis repugnantes e grandes que os dos outros, e cando facía as súas necesidades saían pus e vermes de todas as partes do seu corpo para vergoña súa. Despois de moita agonía e castigo, din, finalmente morreu no seu propio lugar, e por mor do fedor, a área ficou deserta e inhabitable mesmo ata agora; de feito, ata hoxe non se pode pasar polo lugar sen taparse a nariz, tan grande e a emanación do seu corpo e tan lonxe se espalla sobre a terra.

Morte de Xoán[editar | editar a fonte]

Dúas fontes tardías citan o segundo libro de Papías como rexistro de que Xoán e o seu irmán Santiago foron matados polos xudeus.[48] Ao parecer Papías presentouno como o cumprimento da profecía de Xesús sobre o martirio dos dous irmáns.[49][50] Isto é consistente coa tradición atestada en varios martiroloxios antigos.[51]

Barsabás[editar | editar a fonte]

Papías relata, baixo a autoridade das fillas de Filipe o Evanxelista, un acontecemento sobre Xosé (ou Xusto) Barsabás, que segundo os Feitos dos apóstolos foi un dos dous candidatos propostos para unirse aos doce apóstolos.[52] O resumo de Eusebio conta que "bebeu un veleno mortal e non sufriu dano,"[53] mentres que Filipe de Side relata que "bebeu veleno de serpe no nome de Cristo cando o probaron un incrédulos e foi protexido de todo dano."[54] Outro relato acompaña este, o da resurrección da madre de certo Manaén ou Mainamo.

Este relato a miúdo considérase relacionado cun versículo do final longo de Marcos: "Collerán serpes nas súas mans e se beberen veleno e cousas mortíferas, non lles fará dano."[55] Na antigüidade sabíase, porén, que o veleno de serpe non necesariamente resulta daniño se for inxerido.[56]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Huttner, Ulrich (2013). Early Christianity in the Lycus Valley. p. 216. ISBN 9004264280. 
  2. 2,0 2,1 Irenaeus, Adv. Haer. 5.33.4. O grego orixinal consérvase en Eusebio, Hist. Eccl. 3.39.1.
  3. Eusebius, Hist. Eccl. 3.36.2.
  4. Norelli, Enrico (2005). Papia di Hierapolis, Esposizione degli Oracoli del Signore: I frammenti. pp. 38–54. ISBN 8831527525. 
  5. Yarbrough, Robert W. (Jun 1983). "The Date of Papias: A Reassessment" (PDF). Journal of the Evangelical Theological Society 26 (2): 181–191. 
  6. Harnack, Adolf (1893). Geschichte der Altchristlichen Litteratur bis Eusebius 1. p. 69.  Véxase translation de Stephen C. Carlson.
  7. MacDonald, Dennis R. (2012). Two Shipwrecked Gospels: The Logoi of Jesus and Papias’s Exposition of Logia about the Lord. pp. 9–42. ISBN 158983691X. 
  8. Eusebius, Hist. Eccl. 3.39.3–4. Translation from Bauckham, Richard (2012). "Papias and the Gospels" (PDF). Consultado o 2014-02-15. 
  9. Church History, Book III, Chapter 39". The Fathers of the Church. NewAdvent.org.
  10. Apostolic Constitutions 7.46.8.
  11. Bauckham, Richard (2006). Jesus and the Eyewitnesses: The Gospels as Eyewitness Testimony. pp. 417–437. ISBN 0802831621. 
  12. Eusebius, Hist. Eccl. 3.39.7, 14.
  13. Eusebius, Hist. Eccl. 3.39.9.
  14. Eusebius, Hist. Eccl. 3.39.15–16. Traducións de Bauckham (2006) p. 203.
  15. Una chreia era unha anécdota breve e útil ("χρεία" significa “útil”) sobre un personaxe particular. É dicir que unha chreia era máis curta que un relato —a miúdo era unha sóa frase— pero a diferenza dunha máxima, atribuíase a un personaxe. Habitualmente constituíana un duns poucos modelos, dos cales os máis comúns eran "Ao ver..." (ιδών ou cum vidisset), "Cando lle preguntaron..." (ἐρωτηθείς ou interrogatus), e "Dixo..." (ἔφη ou dixit).
  16. Eusebius, "History of the Church" 3.39.14-17, c. 325 CE, Texto grego 16: "ταῦτα μὲν οὖν ἱστόρηται τῷ Παπίᾳ περὶ τοῦ Μάρκου• περὶ δὲ τοῦ Ματθαῖου ταῦτ’ εἴρηται• Ματθαῖος μὲν οὖν Ἑβραΐδι διαλέκτῳ τὰ λόγια συνετάξατο, ἡρμήνευσεν δ’ αὐτὰ ὡς ἧν δυνατὸς ἕκαστος. Outra tradución posible –como a estandarizada en inglés, feita por Philip Schaff en CCEL é: "[S]obre Mateo, [Papías] escribe o seguinte: 'Así é que Mateo escribiu os oráculos en lingua hebrea, e cada un interpretounos como foi capaz.'".
  17. Lührmann, Dieter (1995). "Q: Sayings of Jesus or Logia?". En Piper, Ronald Allen. The Gospel Behind the Gospels: Current Studies on Q. pp. 97–116. ISBN 90-04-09737-6.
  18. Bauckham (2006), pp. 214 & 225.
  19. 19,0 19,1 Thomas, Robert L.; Farnell, F. David (1998). "The Synoptic Gospels in the Ancient Church". En Thomas, Robert L.; Farnell, F. David. The Jesus Crisis: The Inroads of Historical Criticism Into Evangelical Scholarship. pp. 39–46. ISBN 0-8254-3811-X.
  20. E.g., Irenaeus, Adv. Haer. 3.1.1; Ephrem, Comm. en Diatess. Tatiani App. I, 1; Eusebius, Hist. Eccl. 5.10.3.
  21. Bauckham (2006), p. 223.
  22. Brown, Raymond E. (1997). An Introduction to the New Testament. pp. 158ff. & 208ff. ISBN 0-385-24767-2.
  23. Bauckham (2006), pp. 205–217.
  24. Eusebio, Hist. Eccl. 3.39.16.
  25. Eusebio, Hist. Eccl. 2.15.2.
  26. Xustino Mártir, Dial. 106.3.
  27. Clemente de Alexandría, Hipoteposes 8, apud Eusebio, Hist. Eccl. 2.15.1–2, 6.14.5–7; Clement of Alexandria, Adumbr. En Ep. can. en 1 Pet. 5:13, apud Casiodoro, en Epistola Petri Prima Catholica 1.3.
  28. 28,0 28,1 Hill, Charles E. (1998). "What Papias Said about John (and Luke): A ‘New’ Papian Fragment". Journal of Theological Studies 49 (2): 582–629. doi:10.1093/jts/49.2.582.
  29. Bauckham (2006), pp. 425–433.
  30. Hill, Charles E. (2010). "‘The Orthodox Gospel’: The Reception of John in the Great Church Prior to Irenaeus". En Rasimus, Tuomas. The Legacy of John: Second-Century Reception of the Fourth Gospel. Supplements to Novum Testamentum 132. pp. 285–294. doi:10.1163/ej.9789004176331.i-412.55.
  31. Eusebio, Hist. Eccl. 3.39.11–13.
  32. Ireneo, Adv. Haer. 5.33.3–4.
  33. Holmes, Michael W. (2006). The Apostolic Fathers in English. p. 315 (Fragmento 14). ISBN 0-8010-3108-7.
  34. Cf. 2 Baruch 29:5: "A terra tamén dará o seus froitos dez mil veces e en cada vide haberá mil ramas.…"
  35. Norelli (2005), pp. 176–203.
  36. Holmes (2006), p. 314 (Fragments 12–13).
  37. Eusebio, Hist. Eccl. 3.39.16.
  38. Holmes (2006), p. 318 (Fragmento 23). Cf
  39. Holmes (2006), pp. 303–305.
  40. Petersen, William L. (1997). "Ουδε εγω σε [κατα]κρινω: John 8:11, the Protevangelium Iacobi and the History of the Pericope Adulterae". En Petersen, William L.; Vos, Johan S.; De Jonge, Henk J. Sayings of Jesus: Canonical and Non-Canonical: Essays in Honour of Tjitze Baarda. Supplements to Novum Testamentum 89. pp. 191–221. ISBN 90-04-10380-5.
  41. Edwards, James R. (2009). The Hebrew Gospel and the Development of the Synoptic Tradition. pp. 7–10. ISBN 0-8028-6234-9.
  42. MacDonald (2012), pp. 18–22.
  43. Bacon, Benjamin W. (1905). "Papias and the Gospel According to the Hebrews". The Expositor 11: 161–177.
  44. Kelhoffer, James A. (2000). Miracle and Mission: The Authentication of Missionaries and Their Message in the Longer Ending of Mark. Wissenschaftliche Untersuchungen zum Neuen Testament. 2/112. pp. 20–24. ISBN 3-16-147243-8.
  45. Holmes (2006), p. 316 (Fragmento 18).
  46. Mat 27:5.
  47. Feitos 1:18.
  48. Holmes (2006), p. 312 (Fragmentos 5–6).
  49. Mc 10:35–40; Mt 20:20–23.
  50. MacDonald (2012), pp. 23–24.
  51. Boismard, Marie-Émile (1996). Le martyre de Jean l’apôtre. Cahiers de la Revue biblique 35. ISBN 2-85021-086-2.
  52. Hechos 1:21–26.
  53. Eusebio, Hist. Eccl. 3.39.9.
  54. Holmes (2006), p. 312 (Fragmento 5).
  55. Mc 16:18.
  56. Kelhoffer (2000), pp. 433–442.