Panteón de Roma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Panteón (Roma)")
Pronaos da fachada e vista lateral do Panteón.
Interior.

O Panteón de Roma é un edificio relixioso da Roma antiga que, en orixe, foi un templo consagrado a todas as divindades da relixión antiga, e que foi transformado nunha igrexa cristiá no século VII. É o único monumento do mundo antigo greco-romano que chegou até os nosos días practicamente intacto, de feito que non cesou aínda o seu uso desde que foi erguido.

O seu nome vén do grego πάνθειον (pántheion), adxectivo que significa « de todos os deuses », transformado en Pantheon polos autores latínos.

O Panteón está cuberto pola maior cúpula construída na Antigüidade que subsistise. Foi a meirande de Europa occidental, até que en 1436, Filippo Brunelleschi rematou a da catedral de Florencia.

Historia[editar | editar a fonte]

O templo foi mandado construír por Marco Vepsanio Agripa, xenro de Octavio Augusto, no ano 27 a.C., dedicándoo a todos os deuses e, especialmente a Marte e Venus, divindades protectoras da familia Xulia. Tal como en boa parte o vemos na actualidade corresponde á reconstrución efectuada polo emperador Hadriano, logo dun incendio no 80 d.C.

A inscrición orixinal de dedicación do edificio, conservada no friso da pronaos, logo da reconstrución hadrianea, reza: M.AGRIPPA.L.F.COS.TERTIUM.FECIT ("Marco Agrippa, fillo de Lucio, cónsul por terceira vez, fixoo"). O terceiro consulado de Agrippa corresponde precisamente ao ano 27 a.C. Porén, polo que hoxe se sabe, a destrución do templo foi completa no ano 80.

As marcas de fábrica achadas nos ladrillos de construción corresponden aos anos 123–125, polo cal se supón que o novo templo foi inaugurado por Hadriano nunha data posterior, supóndose que o fixo entre 125 e 128. Aínda que ignoramos quen foi de certo o arquitecto que trazou a nova edificación, hai un consenso xeral entre os especialistas en atribuílo a Apolodoro de Damasco, quizás o único capaz de acometer unha obra de tal envergadura, e que sabemos que vivía en Roma naquela altura.

No ano 609 d.C., o emperador bizantino doouno ao papa, entón Bonifacio IV, quen o consagrou como igrexa cristiá, dedicándoo á María e aos mártires, de aí o seu nome de Sancta Maria ad Martyres; o mesmo papa fixo construír os altares e outras obras interiores. Esta nova dedicación posibelmente salvou o templo dunha máis que probábel destrución, como acontecería con moitísimos outros monumentos romanos ao longo, sobre todo, da Idade Media.