Palliri

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monumento á muller palliri na Mina Siglo XX, Potosí

Chámanse Palliri as persoas que se dedican a amorear, escoller e pulverizar rocas residuais da industria mineira co fin de atopar mineral. Trátase dun traballo principalmente realizado por mulleres.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo palliri, utilizado en Bolivia, deriva do vocábulo pallar, utilizado nas linguas aimará e quechua, que significa "amorear". A terminación -iri designa a persoa que executa unha actividade. O oficio é exercido nas rexións de ampla tradición mineira de prata e estaño, como Potosí e Oruro, desde o período colonial.[1]

Características[editar | editar a fonte]

As palliris estabelécense nas entradas das minas. Seleccionan as rochas sen grandes cantidades de mineral e buscan cantidades menores de minerais, para o que as golpean e creban. O oficio é exercido principalmente por mulleres indíxenas ou cholas (mestizas). Sentadas no exterior, realizan a selección á intemperie coas mans ou cunha maza.[2][3]

Riscos[editar | editar a fonte]

O de palliri trátase dun oficio altamente precario. Realízase de maneira artesanal e na maioría dos casos sen equipos de seguridade. Quen o exercen expóñense, xa que logo, á contaminación atmosférica por partículas en suspensión e mais á contaminación do solo por exposición a materiais perigosos.[4]

Evolución do oficio[editar | editar a fonte]

Ao esgotárense algunhas minas, o oficio de palliri transformouse. Moitas destas mulleres pasaron a realizar traballos no interior da mina e afiliáronse a FENCOMIN (Federación Nacional De Cooperativas Mineras De Bolivia).

Co esgotamento das minas e a precariedade das condicións laborais nas cidades de tradición mineira, xurdiron outros oficios precarizados. Un deles é o de garda bocaminas, igualmente realizado por mulleres en condicións de alto risco e sen cobertura de beneficios laborais.[5]

Monumento ao mineiro na cidade de Oruro. Á dereita, sentada, figura unha palliri

Figura icónica[editar | editar a fonte]

Nas cidades de tradición mineira, a figura da palliri é asociada aos valores arquetípicos de nai. Porén, é designada tamén como símbolo rexional e símbolo da loita sindical.[6]

Na década de 1980 deuse a chamada "relocalización" tralo peche de varias minas. Existen monumentos e alegorías á súa figura en diferentes rexións ás que migraron os traballadores e traballadoras da minaría en Bolivia. Así, por exemplo, poden atoparse esculturas en barrios da cidade de El Alto, próxima á capital do país.

A súa figura é tamén parte da cultura popular. Está representada en filmes, cancións, poemas ou bailes.[7][8]

Entre as palliris máis destacadas atópanse María Barzola e Domitila Barrios.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Viceministerio de la Mujer, Bolivia. Ministerio de Desarrollo Sostenible (2005). Warmi mineral y copajira. Memoria de mujeres mineras en diez cooperativas (PDF) (en español). La Paz (Bolivia): Viceministerio de la Mujer. 
  2. "Evo promete casas y herramientas de trabajo a palliris". Página Siete (A Paz, Bolivia). 28 de maio de 2017. Arquivado dende o orixinal o 08 de setembro de 2018. Consultado o 9 de xullo de 2022. 
  3. Montoya, Víctor (12 de abril de 2018). "El Alto: Teodora, la palliri de los desmontes" (en español). Consultado o 9 de xullo de 2022. 
  4. "Develan que las palliris viven en condiciones de pobreza en Potosí". El Potosí (en español). 28 de xuño de 2019. Consultado o 9 de xullo de 2022. 
  5. Cazas, Anahí (7 de agosto de 2019). "Cerro Rico: doble feminicidio revela los abusos que sufren las guarda bocaminas". Página Siete. Arquivado dende o orixinal o 08 de agosto de 2019. Consultado o 8 de agosto de 2019. 
  6. "Dos leoncitas son bautizadas como "Palliri" y "Minerita"". Noticias Fides. 13 de febreiro de 2007. Consultado o 7 de setembro de 2018. 
  7. "PALLIRI, Mujer que escoge los minerales extraídos de una mina". 26 de marzo de 2013. Consultado o 7 de setembro de 2018. 
  8. "DONA HELENA PALLIRI (Cesar Alarcon) - la cinémathèque Varan". www.ateliersvaran.com. Consultado o 2022-07-09.