Palimpsesto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
'Codex Ephraemi Rescriptus da Biblioteca Nacional francesa.

Un palimpsesto (do grego antigo παλίμψηστον palímpseston, que significa "gravado novamente") é un manuscrito que aínda conserva pegadas doutra escritura anterior na mesma superficie, pero borrada expresamente para dar lugar á que agora existe.

Esta práctica de economía é moi antiga pero foi moi frecuente no século VII polas dificultades que ofrecía o comercio do papiro exipcio e repetiuse nos cinco séculos seguintes pola escaseza do pergamiño, en vista da gran demanda de comercio, e a falta de papel, artigo que apenas se coñecía. Lógrase restaurar a escritura antiga dos palimpsestos con técnicas especiais, sendo comúns na antigüidade a aplicación de tintura de bugallo mediante un pincel ou a chamada tintura de Giobert de sulfhidrato de amoníaco.

Un dos máis soados palimpsestos é o que descubriu Niebuhr en Verona en 1816 contendo as Instituta do soado xurisconsulto romano Gaio imperfectamente raspadas para escribir encima as obras de San Xerome. Despois, en 1822, o orientalista milanés Angelo Mai atopou baixo a escritura de diversos palimpsestos numerosos fragmentos de autores antigos como Homero, Símaco, Dión Casio, cartas de Antonino e Marco Aurelio, o Tratado da República de Cicerón e en 1853, gran número de fragmentos dos Santos Padres.[1]

Arqueoloxía[editar | editar a fonte]

En arqueoloxía chámase palimpsesto a un sitio que presenta mestura de estratos, impedindo aos arqueólogos saber cal é o superior e cal o inferior.

Xeoloxía[editar | editar a fonte]

En xeoloxía chámase palimpsesto a unha canle cuxo patrón de drenaxe foi modificado subitamente (en relación ao tempo xeolóxico), podendo evidenciarse ambos os patróns como resultado do proceso.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dicionario enciclopédico popular ilustrado Salvat (1906-1914)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]