Pelaxio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Paio da Bretaña»)
Pelaxio
Nacementoc. 354
Lugar de nacementoBritania
Falecementoc. 420 e século IVxuliano
Lugar de falecementoPalestina
NacionalidadeRoma Antiga
RelixiónIgrexa católica
Ocupaciónteólogo, filósofo, monxe cristiano e misioneiro
editar datos en Wikidata ]

Pelaxio[1] (en latín: Pelagius); nado probabelmente na Britania (sur da actual Gran Bretaña) por volta de 350, e finado en 423; foi un monxe ascético. Foi acusado de heresiarca e sufriu unha dura persecución por parte da Igrexa de Roma tras ensinar ideas consideradas heréticas polos líderes desta, como o seu rexeitamento do posteriormente chamado "dogma do Pecado Orixinal". Non obstante, antes gozara de certa popularidade entre a curia romana e o propio santo Agostiño de Hipona, que despois sería un dos seus máis feros críticos, chegou a definilo como «santo varón». As súas ideas fundarían posteriormente a corrente cristiá chamada pelaxianismo,[2] considerada tamén herética pola Igrexa de Roma.

Vida e obra[editar | editar a fonte]

Ignórase a data e lugar exactos do seu nacemento, aínda que se cre que puido acontecer por volta de 354 d. C. nalgún punto das Illas Británicas (probabelmente na Gran Bretaña, malia terse suxestionado que podería ser irlandés). Estudou teoloxía e falaba grego e latín con fluidez, porén malia ter servido coma freire durante anos, nunca chegou a ser realmente un crego.

Comezou a ser coñecido por volta do ano 405, cando se estableceu en Roma. Aquí escribiu algunhas das súas maiores obras, como De fidi Trinitatis libri III, Eclogarum ex divinis Scripturis libeikr unus e un comentario sobre as epístolas de San Paulo. A meirande parte destes traballos non chegaron aos nosos días, sobrevivendo escasos fragmentos citados precisamente polos seus opoñentes. Despois viaxou a África do Norte, continuou a viaxe até a Palestina e escribiu dous libros sobre o pecado, o libre albedrío e a graza: Da natureza e Do libre albedrío.

As súas opinións foron criticadas violentamente por Agostiño e o seu amigo Xerome, tradutor e comentarista bíblico, que moraba en Belén na Palestina. Foi absolto das acusacións sobre herexía polo Sínodo de Dióspolis na Palestina en 415, mais condenado como herexe polo bispo de Roma en 417 e 418, e polo Concilio de Éfeso en 431.

Non se sabe ao certo o ano e o motivo da súa morte, provabelmente foi por volta de 423. É posíbel que a súa condena polo Concilio de Éfeso fose após a súa morte.[3]

O pelaxianismo[editar | editar a fonte]

Cando Pelaxio chegou a Roma, notou que muitos cristiáns vivían de maneira indecente e moitos outros parecían non se preocupar da crecente indiferenza á pureza moral e obediencia na igrexa. Rastreou o problema até unha publicación de Agostiño (Confesións), onde este afirmaba que ninguén podía ser continente (absterse da inmoralidade), a menos que Deus lle dese ese don. Argumentou que, se os cristiáns crían que non podían ser continentes, era de esperar que praticasen a incontinencia. Escribiu, entón o libro da Natureza, no que sustentaba que os seres humanos poden ter unha vida sen pecado cos seus “dons naturais”. Ese foi o inicio da gran controversia respecto do pecado orixinal, do libre albedrío e da graza que ocupou a igrexa por máis de cen anos e cuxa repercusión continuou nos séculos seguintes.

Os opoñentes de Pelaxio, liderados por Agostiño acusárano de tres herexías:

  • Negar o pecado orixinal;
  • Negar que a graza de Deus é esencial para a salvación;
  • Defender que o Home posúe a capacidade de decidir o seu futuro por libre albedrío, sen depender necesariamente da graza de Deus, baseándoe no feito da existencia de persoas que resisten pola súaa propia vontade a todo que se refere a Deus, ao Creador e á necesidade de pertencer a El.

A súa doutrina respecto da graza foi combatida por Agostiño de Hipona e considerada herética.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Así nomean o personaxe no Portal das Palabras na definición de pelaxianismo
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pelaxianismo.
  3. Olson, Roger E. (2001). Vida, ed. História da Teologia Cristã; 2000 anos de tradição e reformas. São Paulo. p. 272. ISBN 85-7367-526-8. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]