Paio Gómez Chariño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Pai Gomez Chariño»)
Infotaula de personaPaio Gómez Chariño

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1225 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata
Galicia Editar o valor em Wikidata
Morte1295 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata (69/70 anos)
Ciudad Rodrigo Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaconvento de San Francisco Editar o valor em Wikidata
Adiantado maior do reino de Galicia
Señor de Rianxo
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino de Galicia Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióntrobador Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá, lingua portuguesa e lingua galega Editar o valor em Wikidata
Familia
FillosÁlvar Páez Maldonado Editar o valor em Wikidata

Youtube: UCn46PnRDT0PCZnIwxygz3Fw Editar o valor em Wikidata

Paio Gómez Chariño, nado cara a 1225 probablemente en Pontevedra[1] e finado en Ciudad Rodrigo en outono de 1295, foi un poeta e nobre galego. Foi o primeiro Señor de Rianxo, Adiantado Maior do Reino de Galicia, destacado aristócrata e militar do reino e sobranceiro trobador en lingua galega.

No seu sepulcro, en Pontevedra, consta o nome de Payo Guomez Charino, pero nos seus textos aparecen diferentes nomes, como Pae Gomez Charinho, Paay Gomez Charinho, Pae Gomez ou Pay Gomez [2].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Sartego no convento de San Francisco de Pontevedra.
A fada e o dragón de Xaime Quessada, no Paseo de Alfonso XII de Vigo. Monumento adicado aos poetas, cantores e trobadores da ría de Vigo, Martín Codax, Pero Meogo, Mendiño e Paio Gómez Chariño.

Naceu no seo dunha familia da nobreza do suroeste de Galicia e viviu os primeiros anos na vila de Pontevedra. Era fillo de Gonzalo Gómez Chariño e tivo dúas irmás: Teresa e María. Casou con María Xiráldez Maldonado, coa que tivo unha filla, Xoana Mariño Chariño, e tres fillos, Sueiro Gómez, Rui Páez e Álvar Páez Maldonado.

Participou na toma de Sevilla en 1248 coas tropas do rei Fernando III o Santo, polo cal recibiu terras en Sanlúcar de Barrameda. Quizais participou tamén na toma de Xaén dous anos antes. Foi vivir a Rianxo tras recibir o título de Señor da Vila, que herdou o fillo.

Posiblemente formou parte da corte de Afonso X e participaría en batallas navais da época, como a de Cádiz de 1263, a de Alxeciras de 1278, ou nas refregas contra os piratas mouriscos, fre­cuentes na época. Despois pasou á corte de Sancho IV. Entre agosto de 1284 e setembro de 1286 foi Almirante do Mar de Castela, asinando como tal varios documentos nos que se confirman privilexios reais, sucedendo no cargo a Pedro Laso de la Vega, que fora nomeado como tal en 1278. Desde ese cargo ordenou á veciñanza de Pontevedra construír unha galera para o rei, para amolar ao arcebispo compostelán Rodrigo González, o cal puido ser un dos motivos para ser relevado do cargo polos irmáns Pedro e Nuño Díaz de Castañeda.

No verán de 1286 acompañou o rei Bravo na súa peregrinación a Compostela desde as terras do Bierzo por Ourense e Pontevedra, regresando o rei a Castela pola Coruña, Betanzos e Lugo. Durante a súa estancia en Galiza concedeu varios privilexios en vilas, como os asinados en Pontevedra en agosto dese ano.

Até 1291 permaneceu afastado da corte, mais nese ano o rei Sancho regresou a Galiza para depor do cargo ao Adiantado Maior do Reino de Galiza, Juan Alfonso de Alburquerque, que apresou Chariño. En 1292 participou como capitán axudando a sufocar a rebelión contra o rei promovida por Juan Núñez. O 22 de novembro dese ano, foi nomeado Adiantado Maior de Galiza trala fuga de Juan Alfonso de Alburquerque a Portugal.

Logo da morte de Sancho IV na primavera de 1295, apoiou a Xoán Afonso de Borgoña na súa loita polo trono. Este nomeouno alcaide de varias vilas e castelos das terras de Zamora. O poeta finou en outono dese mesmo ano en Ciudad Rodrigo, asasinado polo seu parente Rui Pérez de Tenorio, fillo dunha curmá terceira da súa muller.

A súa viúva viviu en Pontevedra polo menos até 1306 e alí foron ambos soterrados. O seu sepulcro consérvase na igrexa do convento de San Francisco, que fora construído poucos anos antes e ao que a parella concedera varios predios e privilexios. O sepulcro de Chariño, construído posiblemente en 1308, representa o nobre en posición xacente, cun brasón nobiliario e a cabeza dun león. A finais do século XV engadíuselle un epitafio en caracteres góticos coa inscrición aqui : iace: el mui noble: caballero: payo guomez charino. el primero senor : derrianjo: que gano: a seuilla siendo de moros: y los: preuilegios: desta uilla: año de 1….

Obra[editar | editar a fonte]

O mar dá muit', e creede que non,
se pod'o mundo sen el governar,
e pode muit', e ha tal coraçón,
que o non pode ren apoderar.
Des i ar é temudo, que non sei
quen o non tema; e contar-vos-ei,
aínda máis, e judgade-m'entón.
De quantas cousas eno mundo son, século XIII. Paio Gómez Chariño

É un expoñente da perfección técnica e estética á que chegou o cancioneiro en galego no século XIII. Coñécenselle 28 composicións: 19 cantigas de amor, 6 cantigas de amigo[3], un sirventés, unha cantiga de escarnio contra o trobador Afonso Lopez de Baian, e unha peza (CA 256) que foi cualificada de sirventés a Afonso X e de escarnio ou louvanza contra Sancho IV.

Once das cantigas de amor están recollidas no Cancioneiro da Ajuda (246 a 256, sen rúbrica), das cales tres aparecen xunto ás outras dezasete pezas a el atribuídas no Cancioneiro da Vaticana e no da Biblioteca Nacional. Destaca a relación das súas pezas co mar.

Carolina Michaëlis de Vasconcelos pensa que a súa época máis frutífera como autor foi durante a súa estancia na corte de Afonso X. Porén, Armando Cotarelo Valledor opina que escribiu durante un espazo de tempo máis amplo, entendendo que a cantiga de escarnio a Afonso Lopez de Baian é da época da conquista de Sevilla (cara a 1248), e que na tenzón que escribiu se fala dos feitos acontecidos en 1286 nas Cortes de Palencia.

Cando fai cantigas de mestría (quince pezas) adoita empregar estrofas de sete versos (doce pezas), usando as outras tres veces estrofas de seis versos. Para as cantigas de refrán (trece pezas), adoita usar estrofas de seis versos incluído un refrán de dous (once pezas). Para os versos, adoita usar os decasílabos iámbicos (alternan­cia de sílabas átonas con tónicas) de rima aguda, se ben en sete cantigas alterna versos graves con agudos e nunha usa só versos graves.

Entre os recursos utilizados destaca o paralelismo nas cantigas de amigo, o encabalgamento e a fiinda, que usa en seis das súas composicións. Esta estrofa final é propia de trobadores da lírica galego-portuguesa e máis concretamente da corte de Afonso X.

Paio Gómez Chariño
Casa de Chariño
Nacemento: 1225 Falecemento: 1295


Aristocracia galega
Precedido por
Novo Título


Señor de Rianxo
ca 1245 – 1295
Sucedido  por
Álvar Páez Maldonado
Cargos Reais
Precedido por
Juan Alfonso de Alburquerque


Adiantado Maior do Reino de Galiza
1292 – 1295
Sucedido  por
Álvar Páez Maldonado

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A Gran Enciclopedia Galega, citando a Cotarelo Valledor, deixa a dúbida do lugar de nacemento entre Pontevedra e Rianxo.
  2. Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, Lugo 2003.
  3. Rip Cohen. 500 Cantigas d’ Amigo: Edição Crítica / Critical Edition. Porto: Campo das Letras, 2003, pp. 297-303

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]