Partit Demòcrata Europeu Català

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «PDeCAT»)
Partit Demòcrata Europeu Català
Partido político de Cataluña
Dirixentes e organización
LíderDavid Bonvehí
(presidente)
Marc Solsona Aixalà
(secretario xeral)
Historia
Fundación2016
Posicións políticas
IdeoloxíaCentro político
Nacionalismo catalán
Liberalismo
Independentismo catalán
Federalismo europeo
Representación
Representación0 deputados (de 135) no Parlamento de Cataluña
Outros datos
SedeCarrer Provença, 339
Barcelona
Na rede
www.partitdemocrata.cat
Facebook: pdemocratacat Twitter: Pdemocratacat Instagram: pdemocratacat Youtube: UCVbRIZuI6W1xEFio3I36OeQ Flickr: 143135689@N04 Editar o valor em Wikidata

O Partit Demòcrata Europeu Català (PDeCAT, en galego: Partido Demócrata Europeo Catalán), coñecido popularmente como Partit Demòcrata, foi un partido político republicano e independentista catalán creado o 10 de xullo de 2016 en Barcelona. Foi o partido sucesor da antiga Convergència Democràtica de Catalunya[1] e definíase como «demócrata, catalanista, independentista, europeísta e humanista».[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

O proceso independentista catalán fixo que varios partidos políticos cataláns replantearan parte dos seus principios estatutarios. Durante a década de 2010, Convergència pasou do autonomismo ao soberanismo e posteriormente ao independentismo. Durante esa evolución, rompeuse a histórica coalición Convergència i Unió co seu socio Unió Democràtica de Catalunya. Ademais, no verán de 2014 o presidente fundador do partido, Jordi Pujol, confesou ter unha fortuna oculta no estranxeiro. Co obxectivo de pasar a páxina da corrupción no partido, a dirección do mesmo decidiu que era necesaria unha refundación, pero a causa de varias convocatorias electorais foise pospoñendo ata 2016.[3] En xaneiro dese ano Artur Mas, en ser substituído por Carles Puigdemont como presidente da Generalitat, asumiu a tarefa de preparar a refundación do seu partido.

Fundación do partido[editar | editar a fonte]

Vista xeral do congreso fundacional do Partit Demòcrata Català.

O 8 de xullo de 2016 celebrouse o último congreso de Convergència Democràtica de Catalunya, no que se acordou a súa refundación nun novo partido que tería o seu primeiro congreso entre o 8 e 10 de xullo. Inicialmente a dirección de CDC presentou dúas opcións para o nome do partido: Més Catalunya e Catalans Convergents, pero as bases do partido manifestaron o seu rexeito as dúas propostas e o 9 de xullo presentaron tres novas propostas consensuadas nunha comisión de asociados: Junts per Catalunya, Partit Demòcrata Català e Partit Nacional Català. O 10 de xullo, nunha primeira volta de votacións descartouse a opción de Junts per Catalunya, e na segunda, Partit Demòcrata Català impúxose por 871 votos enfronte aos 657 da opción de Partit Nacional Català.[4] Despois da elección do nome, Demòcrates de Catalunya, a escisión soberanista de UDC, anunciou que emprendería accións legais xa que o novo nome podía dar lugar á confusión entre as dúas formacións.[5]

Os candidatos a presidir a dirección nacional do partido realizaron un proceso de primarias, que se celebrou os días 23 e 24 de xullo na nova sede da rúa Provença de Barcelona.[6] Días antes Jordi Turull e Germà Gordó anunciaron que non se presentarían, dando paso a novos candidatos. Aprováronse Artur Mas e Neus Munté como tándem presidencial e Marta Pascal e David Bonvehí como cordinadores xerais. Mercè Conesa gañou a Santi Vila nas eleccións á Presidencia do Consello Nacional.[7]

Organización[editar | editar a fonte]

Artur Mas e Carles Puigdemont no congreso fundacional do partido.

A dirección do Partit Demòcrata está encabezada por un presidente e unha vicepresidenta en parella mixta e representa o máximo órgano de representación institucional do partido, aínda que non ten funcións executivas. Un grado por debaixo atópase a dirección executiva formada por un coordinador xeral e once membros, seguindo criterios de paridade de xénero.[2]

Tamén haberá un comité nacional, con 50 representantes das seccións territoriais, e un consello nacional con 300 integrantes. A asemblea nacional do partido reunirase aproximadamente cada dous anos.[2]

Os membros do partido só poden compaxinar un cargo orgánico cun institucional e establécese un sistema de primarias para a elección de novos cargos, que terán unha limitación de oito anos, exceptuando os cargos de ámbito municipal.

Presidencia[editar | editar a fonte]

Cargo Nome Cronoloxía Notas
Presidente Artur Mas i Gavarró 23 de xullo de 2016 Presidente da Generalitat (2010 - 2016)
Vicepresidenta Neus Munté i Fernández 23 de xullo de 2016 Conselleira da Presidencia e Voceira do Goberno (2015 - actualidade)

Dirección Executiva[editar | editar a fonte]

Cargo Nome Cronoloxía Notas
Coordinadora Xeral Marta Pascal[8] 23 de xullo de 2016 Deputada no Parlamento de Cataluña
Coordinador Organizativo David Bonvehí 23 de xullo de 2016 Deputada no Parlamento de Cataluña
Presidenta do Consello Nacional Mercè Conesa 24 de xullo de 2016 Alcaldesa de Sant Cugat del Vallès e presidenta da Deputación de Barcelona
Área de Estudos e Proxectos Elsa Artadi 23 de xullo de 2016
Proxectos Marc Castells 23 de xullo de 2016 Alcalde de Igualada
Institucións Montse Candini 23 de xullo de 2016 Alcaldesa de Calella e deputada no Parlamento de Cataluña
Implantación con novos sectores Albert Batet 23 de xullo de 2016 Alcalde de Valls e deputado no Parlamento de Cataluña
Comunicación e Datos Lluís Soler 23 de xullo de 2016 Alcalde de Deltebre
Mobilización e Asociados Vanessa Farré 23 de xullo de 2016
Mundo Local David Saldoni 23 de xullo de 2016 Alcalde de Sallent
Mundo Local Lluís Guinó 23 de xullo de 2016 Alcalde de Besalú e deputado no Parlamento de Cataluña
Formación Maria Dolors Tella 23 de xullo de 2016
Área Metropolitana Xavier Fonollosa 23 de xullo de 2016

Ideoloxía[editar | editar a fonte]

O partido defínese como independentista e defende un estado catalán independente en forma de república. Para conseguilo non descarta realizar pasos «unilaterais» se España bloquea o resto de vías legais. Respecto do modelo social, o partido defende un estado de benestar onde «o sistema educativo, o sistema de saúde e a protección e a acción social sexan os fundamentos que sustenten unha igualdade real de oportunidades».[9] Tamén defende a seguridade como unha das principais liberdades, quere establecer un discurso respecto da inmigración baseado nos «dereitos e as responsabilidades, a familia como un modelo aberto pero ao mesmo tempo como eixo central da sociedade, e a sustentabilidade, como unha nova realidade económica». En termos económicos, potencia a economía de mercado pero «cun rostro social». No campo da educación, continuarán apoiando a liberdade de escoller escola.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. March, Oriol (10 de xullo de 2016). "Partit Demòcrata Català: la Convergència refundada ja té nom". Diari Ara (en catalán). 
  2. 2,0 2,1 2,2 García Pagan, Isabel; Gisbert, Josep (11 de xullo de 2016). "Las nueve claves del Partit Demòcrata Català y su independentismo sin matices". La Vanguardia (en castelán). 
  3. March, Oriol (8 de xullo 2016). "Convergència canvia de pell i defineix l'abast de la seva renovació". Diari Ara (en catalán). 
  4. VilaWeb, ed. (10 de xullo de 2016). "Elecció del nom del PDC" (en catalán). 
  5. "Demòcrates recorre la via administrativa contra el nom de Partit Demòcrata Català" (en catalán). Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo de 2016. Consultado o 22 de xaneiro de 2017. 
  6. March, Oriol (15/01/2016). "CDC ja ha comprat la nova seu al carrer Provença de Barcelona". Diari Ara (en catalán). 
  7. "David Bonvehí: pròxim a Puigdemont i al món municipal". Diari Ara (en catalán). 13/0772016. 
  8. "Direcció". Partit Demòcrata Català. Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2017. Consultado o 22 de xaneiro de 2017. 
  9. March, Oriol (12 de xullo de 2016). Diari Ara, ed. "Independència sense ambigüitats, noves sigles i adéu als Pujol: què ha canviat a CDC en quatre anys" (en catalán). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]