Saltar ao contido

Otte Wallish

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaOtte Wallish
אוטה וליש
Biografía
Nacemento25 de abril de 1906
Znojmo, Moravia, Imperio Austrohúngaro.
Morte15 de maio de 1977 (71 anos)
Tel Aviv, Israel
Lugar de sepulturaCemiterio Kfar Shmaryahu. 
País de nacionalidade Israel.
Grupo étnicoPobo xudeu.
RelixiónXudaísmo.
EducaciónAcademia de Belas Artes de Viena.
Actividade
Campo de traballoGráficos, cartel, selo postal e moeda Editar o valor en Wikidata
OcupaciónArtista, deseñador gráfico.
Familia
CónxuxeHelly Waissensteinová (1933). Editar o valor en Wikidata
PaisJosef Wallisch Editar o valor en Wikidata  e Helene Wallisch. Editar o valor en Wikidata

Otte Wallish (en hebreo: אוטה וליש; ), nado en Znojmo, Moravia, o 25 de abril de 1906 e finado en Tel Aviv o 15 de maio de 1977,[1][2] foi un artista checo-israelí, emigrado ao mandato británico de Palestina, que se estableceu como deseñador gráfico e contribuíu á representación simbólica do Estado de Israel, na primeira época da súa fundación.

Wallish xogou un papel salientable na configuración da identidade visual do nacente estado, sinaladamente co deseño do pergamiño da Declaración de Independencia de Israel, así como dos primeiros selos postais, moedas e billetes, logotipos e símbolos do novo país. Tamén creou carteis que promovían o sionismo e a inmigración xudía a Israel.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

Otte Wallish naceu en 1906 no seo dunha familia xudía na cidade de Znojmo, Moravia, daquela un territorio baixo a soberanía do Imperio Austrohúngaro e posteriormente adscrito á República Checa.[3] Os seus primeiros anos pasounos, xunto cos seus pais —Helene e Josef— e unha irmá, nun pobre apartamento no patio da casa reitoral dos dominicos en Znojmo, aínda que a progresiva mellora do seu pai como empresario, ata a súa morte en 1919, fixo que cambiasen de residencia en varias ocasións.[4]

Logo de acabar o seu ensino secundario, en 1923 marchou a Viena para recibir a súa formación artística na Academia de Belas Artes desa cidade, onde tomou os seus primeiros contactos coas mocidades sionistas. Despois de facer o seu servizo militar no exército checo viviu en Praga e en Berlín, e coa axuda do Fondo Nacional Xudeu abriu unha oficina de deseño gráfico e publicidade en Praga.[3][4] Tamén realizou diversos traballos para a United Israel Appeal.[5]

Emigración a Israel

[editar | editar a fonte]
Otte Wallish deseñando selos no seu estudio.

Despois do seu matrimonio en 1933 cunha moza xudía chamada Helly Waissensteinová, emigrou en barco ao Mandato Británico de Palestina en outubro de 1934 e á súa chegada alí cambiou a grafía do seu apelido do Wallisch orixinal a Wallish. A súa esposa acompañouno o ano seguinte e estableceuse como fisioterapeuta.[4] A parella tivo dous fillos e asentouse nunha casa en Herzliya, deseñada ao estilo Bauhaus.[6][7]

Durante as décadas de 1930 e de 1940, Wallish traballou no deseño artístico, en gráficos estatísticos e noutras manifestacións de deseño para libros. En 1929 publicouse o seu propio libro, ABC: Ein Bilderbuch ("ABC: un libro ilustrado").[8]

En 1936, Wallish estableceu un estudio de deseño nun edificio no barrio de Nahalat Binyamin, Tel Aviv, que fora recoñecido como monumento nacional. O seu estudio de deseño servía tamén como unha especie de tapadeira para o servizo secreto da Haganah.[6][7]

Otte Wallish finou en Tel Aviv en maio de 1977.[1][4]

Pergamiño da Declaración de Independencia de Israel, deseñado por Otte Wallish.

Pergamiño da Independencia de Israel

[editar | editar a fonte]

Wallish foi o responsable da caligrafía e do deseño do pergamiño que contén a Declaración de Independencia de Israel.[6] Por mor dos debates de redacción fóra do seu control, el só concluíra a parte inferior do pergamiño no momento da súa sinatura e do anuncio. De feito, David Ben-Gurion non chegou a ler o pergamiño orixinal, senón que tivo que traballar a partir de notas manuscritas para a declaración pública do 14 de maio de 1948.[9] Esa declaración pública tivo lugar no Museo de Tel Aviv, e Otte Wallish foi o encargado tamén do deseño e a distribución da sala onde se produciu.[4]

O pergamiño de Wallish preparouse en tres seccións que foron encadernadas xuntas. O orixinal áchase nos Arquivos Nacionais de Israel.[9][10] O estilo da caligrafía que utilizou estivo baseado na caligrafía nun pergamiño da Tora do século XVI.[7]

Selos postais

[editar | editar a fonte]

En 1948, Wallish tamén se encargou do deseño dos primeiros selos postais de Israel. Na primeira serie, coñecida como Doar Ivri, escolleu un deseño baseado en moedas antigas, atopadas en investigacións arqueolóxicas sobre a primeira Guerra Xudeo-Romana e a Revolta de Bar Kochba. Tamén deseñou o primeiro sobre conmemorativo para o primeiro uso dos selos no primeiro día laborable logo da declaración da Independencia, o domingo 16 de maio de 1948. Como o nome do estado aínda non se determinara durante o deseño e a impresión secreta dos selos, estes foron deseñados co nome Doar Ivri ("correo hebreo") no canto de Israel, o nome que aparece en todas as emisións posteriores de selos. Wallish propuxera pór Eretz Yisrael nos selos, unha posibilidade que os líderes do goberno provisional rexeitaron. Despois de falar en privado con comerciantes de selos alemáns, que lle recomendaron un equivalente en hebreo a Deutsche Post ("Correo alemán"), Wallish acabou propondo a frase Doar Ivri, que foi aceptada.[7]

Logo de completar esta primeira serie Doar Ivri, Wallish continuou sendo un dos principais deseñadores de selos de Israel en anos posteriores, tanto das seriees ordinarias como outras conmemorativas de efemérides como o 70º aniversario de Petah Tikva, os Día da Independencia de Israel de varios anos, o Ano Mundial do Refuxiado (1960), o 25º Congreso Sionista (1960) ou o centenario da prensa hebrea en Israel (1963). Tamén deseñou un selo que reproduce a menorá (1952) e unha serie dedicada á defensa (1957), co emblema da Haganah.[11]

En 1950, Wallish deseñou un selo para celebrar a aceptación de Israel na Unión Postal Universal (UPU). Cun globo terrestre no fondo, o deseño pon en primeiro plano o símbolo do Correo de Israel, un cervo correndo. El presentara unha proposta para o deseño do símbolo do Correo de Israel, pero perdera fronte aos irmáns Shamir, que tamén eran daquela unha figura destacada no deseño de selos. En 1952, Wallish volveu incluír o cervo correndo na súa nova serie de selos.[11] En 1957, o deseño da UPU foi empregado nos primeiros aerogramas israelís.[12]

Menos coñecidos son os selos que Wallish deseñou pero que non se produciron en masa. En 1948, o Exército israelí planeou imprimir selos militares especiais. Wallish presentou deseños que foron aceptados e impresos a modo de proba en xullo de 1958. Un selo (10 mil) representaba un guerreiro xudeu de Exipto, outro (15 mil) a Menorá do Arco de Tito, e o de maior valor portaba a insignia da espada e da póla de oliveira da Haganah. Con todo, os responsables postais civís rexeitaron a idea e os selos de catro cores nunca se puxeron en circulación.[13]

Moedas, medallas e billetes

[editar | editar a fonte]
Billete de 50 mils (1948).[14]
Billete de 100 mils (1948).[15]

Ao que se estableceu o moderno Estado de Israel en 1948, o goberno solicitou á Sociedade Numismática de Israel que propuxese os deseños para emitir unha serie de moedas co nome de "pruta" (forma no hebreo moderno do antigo "prutah"). Otte Wallish, xunto con Leo Kadman e Hanan Pavel,[16] elaboraron uns esbozos baseados nos motivos característicos dos antigos prutah emitidos durante a primeira Guerra Xudeo-Romana (66-70 d. de C.), que, finalmente, foron os aprobados polo ministro das Finanzas, Eliezer Kaplan.[17][18]

Este novo pruta era unha unidade divisionaria equivalente á milésima parte da libra israelí, en substitución do "mil", milésima parte da libra palestina, que fora a moeda emitida polo Mandato Británico de Palestina antes de maio de 1948.[19]

A primeira serie leva por data o ano 5709 do calendario hebreo (1949 AD) e foi cuñada no Reino Unido, na compañía Imperial Chemical Industries e na Heaton Mint, de Bitrmingham.[20]

Ademais, Wallish encargouse do deseño dos primeiros billetes do novo estado,[7] así como diversas medallas militares.[6] El foi o creador do medallón do Goberno israelí que reproduce unha antiga moeda coa inscrición IVDAEA CAPTA (Xudea capturada).[21]

Carteis e símbolos

[editar | editar a fonte]

Wallish creou tamén insignias para diversos concellos de Israel e logotipos para grandes corporacións, como as alimentarias Osem e Tnuva, e realizou traballos artísticos para campañas publicitarias.[7][6]

Ao longo dos anos, Wallish foi un prolífico deseñador de carteis. Algúns dos máis coñecidos son o que amosa a inmigración xudía por barco e o que promove a liña de navegación ZIM. Os seus carteis formaron parte de varias exposicións e dunha mostra titulada Selling Zionism, que se levou a cabo en 1997 no Museo de Israel.[26] En 2006, un cartel seu foi exposto na mostra The New Hebrews: 100 Years of Art in Israel, no Martin-Gropius-Bau de Berlín. Un crítico de arte afirmou que "We Will Immigrate (1946) de Otte Wallish amosa unha chea de barcos de aspecto ameazante preparados para desembarcar os seus pasaxeiros —posiblemente inmigrantes ilegais— nas costas de Palestina".[27] Os seus carteis tamén se exhiben nos Arquivos Centrais Sionistas e no Museo de Tel Aviv.[7]

  1. 1 2 "Wallish, Otte". Library of the Congress (LOC.gov).
  2. Outras fontes dan o 16 de maio como data de defunción. Véxase: Otte Wallish (1906 - 1977)". Okrašlovací spolek ve Znojmě (okraspol.cz).
  3. 1 2 "Drawing the face of a nation". En The Jerusalem Post. 28 de xuño de 2015.
  4. 1 2 3 4 5 "Otte Wallish (1906 - 1977)". Okrašlovací spolek ve Znojmě (okraspol.cz).
  5. "1938 & 1950: Two United Israel Appeal Posters". Hautevitrine.com
  6. 1 2 3 4 5 "Otte Wallish". The Israel Museum (Museum.imj.org.il).
  7. 1 2 3 4 5 6 7 Marcales, R. A. (2003). "Zionism's enigmatic design innovator". En The Jerusalem Post (Magazine Edition). 15 de agosto. Páxina 7.
  8. "ABC. Wallish, Otte". Nli.org.il.
  9. 1 2 "Wallish and the Declaration of Independence". Arquivado 23 de xullo de 2011 en Wayback Machine. The Jerusalem Post, 1998 (republicado en Eretz Israel Forever).
  10. "The Declaration of Independence of the State of Israel read aloud by Israel's first prime minister, David Ben-Gurion, when the State was proclaimed on 14 May 1948". The Israel Museum (imj.org.il).
  11. 1 2 Livni, I. (1969). Livni's Encyclopedia of Israel Stamps. Sifriyat Ma'ariv, Tel Aviv.
  12. "Early "Airletters" (1957-60)". En Sol Singer Collection of Philatelic Judaica. Emory's Manuscript, Archives, and Rare Book Library. 2002. Arquivado do orixinal o 14 de marzo de 2007.
  13. Goldwasser, M. A. (1993). "Behind the Triangle". En The Jerusalem Post. 12 de febreiro. Páxina 30.
  14. "50 Mils Emergency Fractional Issue". Numista.com.
  15. "100 Mils Emergency Fractional Issue". Numista.com.
  16. "Banknotes and Coins Catalog". Bank of Israel. Arquivado o 12 de xullo de 2005 en Wayback Machine.
  17. "Past Notes & Cois Series: Pruta Series". "Copia arquivada". Archived from the original on 28 de febreiro de 2021. Consultado o 18 de maio de 2026.". Bank of Israel.
  18. Erro na cita: A etiqueta <ref> non é válida; non se forneceu texto para as referencias co nome «:0».
  19. "Pruta". Reppa Münzen-Lexikon (reppa.de).
  20. "Otte Wallish". Numista.com
  21. "State Medal - Judea Capta Israel LIberata". Numista.com
  22. "25 pruta". Numista.com
  23. "50 pruta". Numista.com
  24. "100 pruta". Numista.com
  25. "250 pruta". Numista.com
  26. Ronnen, M. (1997). "Selling Zionism". En The Jerusalem Post. 31 de xaneiro.
  27. Kleeblatt, N. L. (2006). "Israel's traumas and dreams: a mega-exhibition titled "The New Hebrews" used a combination of art and documentary material to tackle a century of Israeli culture and history". En Art in America. Maio.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]