Otocolobus manul

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Otocolobus manul

Otocolobus manul no zoo de Rotterdam
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Placentalia
Orde: Carnivora
Suborde: Feliformia
Familia: Felidae
Subfamilia: Felinae
Tribo: Felini
Xénero: Otocolobus
Severtzov, 1858
ou Brandt, 1841
(segundo os autores)
Especie: O. manul
Nome binomial
Otocolobus manul
(Pallas, 1776)
Área de distribución de Otocolobus manul.
Área de distribución de Otocolobus manul.

Área de distribución de Otocolobus manul.
Subespecies
Véxase o texto
Sinonimia

Otocolobus manul é unha especie de mamífero carnívoro da familia dos félidos, subfamilia dos felinos e tribo dos felininos.

Trátase dunha especie monotípica, xa que é a única que se integra no xénero Otocolobus.

Habita nas estepas e zonas altas de Asia: Afganistán, Armenia, China (Tíbet), India, Irán, Casaquistán, Kirguizistán, Mongolia, Paquistán, Rusia (Siberia), Taxiquistán, Turkmenistán e Uzbekistán,[2] en alturas de até os 5 000 msnm onde, a súa abundante pelaxe protéxeo do excesivo frío e do vento.

É un gato de patas curtas e corpo repoludo, e unha cola longa e peluda, adornada con aneis negros. A súa pelaxe é de cores variábeis, desde o gris cinza ao avermellado, con liñas negras que atravesan o seu corpo sen solución de continuidade, dun flanco ao outro. É o único exemplo deste tipo de coloración entre os félidos.

O Otocolobus manul é un animal solitario, xeralmente amante da pouca luz, pois a súa hora preferida para cazar sitúasse na alba e no ocaso. Aliméntase de roedores, picas e de paxaros. Cando galopa pódese confundir cunha marmota. Establece o seu refuxio baixo unha rocha. É o mellor gabeador dos felinos. Ten de catro a seis crías por camada, e un peso nos adultos de entre 2,5 e 3,5 kg.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1776 polo médico, zoólogo e botánico alemán, que traballou en Rusia, Peter Simon Pallas, en Reise Prov. Russ. Reichs, 3: 692.[2]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Xénero

O nome do xénero, Otocolobus, está formado pola unión dos elementos oto- e -colobus. O primeiro elemento deriva do substantivo do grego antigo οὖς ὠτός oûs ōtός, 'orella', e o segundo do adxectivo grego κολοβός colobós, 'mutilado', 'roto', 'cortado'.[3] Literalmente, 'os de orellas cortadas', en alusión ás súas orellas, que parecen caídas.

Especie

O nome específico, manul, é unha adaptación do nome deste gato en mongol, мануул manuul.[4][5]

Historia taxonómica[editar | editar a fonte]

Otocolobus manul ten unha historia taxonómica complexa. Tradicionalmente situouse dentro do xénero Felis (xunto coa maioría do resto dos gatos). Este xénero, sobredimensionado, foi posteriormente dividido en moitos xéneros máis pequenos, dando lugar a unha reclasificación desta especie, que o deixou como único membro do xénero Otocolobus. Porén, a finais do século XX, Otocolobus manul estaba considerado como un parente achegado do resto das especies do xénero Felis e, en consecuencia, volveu a incluírse nel.[2][6] Finalmente, investigacións recentes demostraron que está estreitamente relacionado cos xéneros Felis e Prionailurus, na tribo dos felininos.[7] Como resultado destas investigacións, o xénero Otocolobus foi rehabilitado e Otocolobus manul foi de novo reclasificado.

Subespecies[editar | editar a fonte]

A maioría dos autores recñecen tres subespecies desta especie:[2][6]

  • Otocolobus manul manul, en Mongolia, Rusia e o oeste da China
  • Otocolobus manul ferruginea, en Irán, Armenia, Casaquistán, Kirguizistán, Turkmenistán, Uzbekistán, Taxiquistán, Afganistán e Paquistán.
  • Otocolobus manul nigripecta, en Caxemira, Nepal o Tíbet.

Porén, desde 2017, o Cat Classification Task Force of the Cat Specialist Group da UICN recoñece só dúas subespecies como válidas:[8]

Características[editar | editar a fonte]

Ten un tamaño similar ao dun gato doméstico, entre 46 e 65 cm de lonxitude de cabezae tronco, máis unha cola que mide entre 21 e 31 cm de longo. O seu peso que varía entre os 2,5 e os 4,5 kg.

Presenta varias características que o distinguen dos demais felinos. Por exemplo, os ollos teñen as pupilas arredondadas en lugar das de forma de fenda vertical das dos outros gatos pequenos, as patas son proporcionalmente máis curtas que as doutros gatos, mantén as orellas moi baixas e separadas, e ten unhas gadoupas infrecuentemente curtas. O fociño é curto en comparación co doutros gatos, dándolle un aspecto aparentemente aplanado. As curtas mandíbulas teñen menos dentes do habitual entre os félidos, estando ausentes o primeiro par de premolares superiores.

Dado que o seu fociño é relativamente aplanado, creuse que era un antepasado da raza do gato persa, aínda que se sabe que esta relación é falsa.

A pelaxe é de cor ocre con franxas verticais escuras no torso e as patas dianteiras, as cales non sempre son visíbeis debido á súa mesta pelaxe. En invierno, esta é máis gris e ten menos franxas que no verán. Presenta aneiss de cor negra na cola, e manchas escuras na fronte, as meixelas son de cor branca con estreitas raias negras que descenden desde as comisuras dos ollos. O mento e a garganta tamén son de cor branca, e fúndense coa pelaxe gris e sedosa das partes inferiores. Aneis concéntricos brancos e negros rodean os ollos, acentuando a forma arredondada do seu rostro.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Vive nas estepas asiáticas, en alturas comprendidas entre os 1 000 e os 4 000 m. Pódese encontrar nas costas leste e sur do mar Caspio, ao norte de Irán, India, Paquistán, Afganistán e Turkmenistán, ao oeste e o centro da China, e en Mongolia. Prefire as zonas rochosas con relativamente poucas árbores, como son os outeiros áridos, as estepas e as zonas semidesérticas.

Comportamento e dieta[editar | editar a fonte]

Crese que son cazadores crepusculares que se alimentan de pequenos roedores e paxaros. Cazan principalmente collendo por sorpresa ou acosando ás súas presas, utilizando a vexetación baixa ou os terreos rochosos para esconderse, xa que non son corredores moi rápidos. Pasan a maior parte do día refuxiados en gretas das rochas ou en tobos abandonadas por outros animais, aína que tamén tense visto tomando o sol durante o día.

Como a maior parte dos félidos é un animal solitario, que raramente se une a outros individuos fóra da temporada de reprodución. Tanto os machos como as femias son territoriais e marcan seu territorio. Esta especie de gato ten unha maneira de ameazar que pode ser usual, que consiste en levantar o labio superior e mostrar os seus longos caninos.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Otocolobus manul no parque zoolóxico de Zúric.

A súa temporada de reprodución é relativamente curta, debido ao clima extremado da súa área de distribución. O ciclo estral ten unha duración que varía entre as 26 a as 42 horas, sendo o máis curto que o duotros félidos. Dan a luz camadas formadas por entre 2 e 6 crías, despois dun período de xestación de entre 66 e 75 días, xeralmente en abril o en maio. Estas relativamnte grandes camadas poderían compensar a elevada mortalidade infantil no ambiente hostil do seu hábitat. As crías nacen en tobos protexidos cheos de vexetación seca, plumas e pelos.

Ao naceren, as crías pesan ao redor de 90 g, e están cubertas dunha pelaxe groso que substitúen pola pelaxe dos adultos aos dous meses. Aos catro meses comezan a cazar, e alcanzan o tamaño de adultos aos seis meses. En catividade comprobouse que poden vivir até 11 anos.

Conservación[editar | editar a fonte]

Como outras especies exóticas de felinos foi cazado pola súa pelaxe. Antes de se converter nun animal legalmente protexido, decenas de miles de peles obtíñanse anualmente nos seus países de orixe (China, Mongolia, Afganistán e Rusia). Hoxe en día considéras beneficioso para o seu contorno, dado que se alimenta de especies consideradas pragas para a agricultura. Porén, o envelenamento de roedores e picas, tamén pode afectar á supervivencia desta especie de felino.

O éxito da súa cría en catividade é difícil. Aínda que se reproduce ben, as taxas de supervivencia son baixas debido ás infeccións. Isto tense atribuído a un sistema inmunolóxico pouco desenvolvido, xa que o seu hábitat natural é illado e, polo tanto, normalmente non estarían expostos a infeccións.

Filoxenia[editar | editar a fonte]

Relacións filoxenéticas dos felinos, segundo O'Brien e Johnson (2008).[9]

 Felinos 
 Gatos pequenos 

 Manul (Otocolobus manul)

 (Prionailurus)

 Gatos monteses do Vello Mundo (Felis)

 Guepardo (Acinonyx)

 Puma e xaguarundi (Puma)

 Linces (Lynx)

 (Leopardus)

 Caracal (Caracal)

 Serval (Leptailurus)

 Pardofelis

 Granes gatos 

 Neofelis

 Panthera

 Tigres de dentes de sabre (Machairodontinae)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ross, S., Barashkova, A., Farhadinia, M. S., Appel, A., Riordan, P., Sanderson, J. & Munkhtsog, B. (2016): Palla's cat. Otocolobus manul na Lista vermella da UICN.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Felis manul Pallas, 1776 en MSW.
  3. Pallas cat, en knowyourcat.info (en inglés).
  4. manul no Merriam-Webster Dictionary.
  5. Jackson, P. & Farrell Jackson, A. 1996, p. 7.
  6. 6,0 6,1 Felis manul Pallas, 1776 no ITIS.
  7. Johnson, W., Eizirik, E., Pecon-Slattery, J., Murphy, W. J., Antunes, A., Teeling, E., O'Brien, S. J. (2006). "The Late Miocene Radiation of Modern Felidae: A Genetic Assessment". Science 311 (5757): 73–77. PMID 16400146. doi:10.1126/science.1122277. 
  8. Kitchener, A. C.; Breitenmoser-Würsten, C.; Eizirik, E.; Gentry, A.; Werdelin, L.; Wilting, A.; Yamaguchi, N.; Abramov, A. V.; Christiansen, P.; Driscoll, C.; Duckworth, J. W.; Johnson, W.; Luo, S.-J.; Meijaard, E.; O’Donoghue, P.; Sanderson, J.; Seymour, K.; Bruford, M.; Groves, C.; Hoffmann, M.; Nowell, K.; Timmons, Z.; Tobe, S. (2017). "A revised taxonomy of the Felidae: The final report of the Cat Classification Task Force of the IUCN Cat Specialist Group" (PDF). Cat News. Special Issue 11: 21−22. 
  9. Stephen J. O’Brien & Warren E. Johnson (2008): "Der neue Stammbaum der Katzen". Spektrum der Wissenschaft, Ausgabe 6/08, Spektrum der Wissenschaften Verlagsgesellschaft mbH, Heidelberg, pp. 54–61.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]