Ursus arctos horribilis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Oso grizzly»)

Oso grizzly

Grizzlies en Yellowstone
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Suborde: Caniformia
Familia: Ursidae
Xénero: 'Ursus'
Especie: 'U. arctos'
Subespecie: ''Ursus arctos''
Nome trinomial
Ursus arctos
Ord, 1815
Diminución xeográfica do oso grizzly a través do tempo.
Femia cos seus osiños.

O oso grizzly (Ursus arctos horribilis) é unha das subespecies do oso pardo (Ursus arctos) máis grandes do planeta, que vive nas terras altas do territorio norteamericano. É un animal solitario, excepto durante a tempada da desova do salmón, cando se xunta un enorme número de osos en ríos, regatos e zonas costeiras para alimentarse.

Descrición[editar | editar a fonte]

O oso grizzly é o omnívoro máis grande de Norteamérica, despois o oso polar e o oso kodiak. Pode alcanzar pesos de até 550 kg, aínda que certos espécimes da península de Alasca chegaron a pesar os 680 kg. Miden sobre un metro até os ombros ao estar prostrados sobre as súas catro patas, mais se se poñen sobre as súas patas traseiras, alcanzan os 2,4 metros. Como todos os osos pardos, distínguese do oso negro por unha gran xiba nas súas costas. A xiba está formada por masa muscular que potencia as patas dianteiras do animal e axúdalle a escavar goridas rapidamente. Con todo, as patas traseiras seguen sendo máis fortes que as dianteiras.

Os músculos das patas traseiras son o suficientemente fortes como para que o oso poida apoiarse unicamente sobre elas, e até permítenlle camiñar curtas distancias en forma bípede. Pode alcanzar os 55 quilómetros por hora ao correr.

A principal diferenza entre esta e outras subespecies de oso pardo son as súas garras, que no oso grizzly son proporcionalmente máis grandes que as das doutras especies, así como un guecho de pelo con puntas prateadas nas costas, característica que lle dá nome ao animal (grizzly ‘cano’).

Os expedicionarios Lewis e Clark describiron este novo oso como grisley, que podería interpretarse como "grizzly" (gris, é dicir, con puntas de pelo douradas e cincentas)[1] ou "grisly" (horrible, "inspirador de medo").[2] Cando o naturalista estadounidense George Ord nomeou formalmente o animal en 1815 despois de ler as notas de Lewis e Clark, non tomou en conta o contexto, nas que se pode ver que eles usaron a primeira palabra co primeiro sentido. Ord claramente inclinouse por crer que a segunda palabra fora usada tanto con razón como con intención, polo que clasificouno como Ursus horribilis, non polo seu pelame, senón polo seu carácter.[3]

Distribución[editar | editar a fonte]

Os grizzlies viven no noroeste dos Estados Unidos, Canadá e península de Kamchatka (Siberia). A maior poboación habita en Alasca. No pasado, a extensión do seu territorio chegaba até México, onde se atoparon individuos en Durango, lugar máis meridional.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Oso grizzly á procura de comida na tundra norteamericana o 15 de agosto de 1959.
Detalle dun grizzly no parque nacional e reserva Denali, Alasca.

Os osos grizzlies presentan o sistema dixestivo dun mamífero carnívoro. Mais son realmente omnívoros, pois adoitan alimentarse de froitos silvestres, pastos, cascas de árbores, noces, piñas de coníferas, raíces, mel, tubérculos e demais vexetais, así como de insectos e vermes. Os vexetais forman o 90 % da dieta dun oso grizzly.

Cazan presas grandes, como caribús, renos, uapitís, veados e mesmo osos negros, así como en ocasións chegan a cazar crías de bisonte. Tamén se alimentan de troitas, salmóns e robalos. Aqueles grizzlies con acceso a unha dieta máis rica en proteínas, como os das zonas costeiras, son máis grandes que os de terra dentro.

Antes de entrar en hibernación, o grizzly pasa por un período de hiperfaxia durante o cal pode aumentar uns 180 kg. Antes de entrar á gorida, espera a que haxa unha tormenta de neve grande. Isto evita que outros depredadores atopen a gorida.

Ataques a humanos[editar | editar a fonte]

O oso grizzly é considerado por moitos como o oso máis agresivo e feroz, mesmo entre o resto dos osos pardos. Isto deriva de diversos factores, entre eles:

  • O seu tamaño e o seu peso impídenlles gabear árbores para escapar de perigos.
  • Dado que a súa taxa reprodutiva é moi baixa, as femias protexen moito as súas crías. As femias con crías son responsables do 70% dos ataques mortais a humanos por osos.
  • Historicamente, o oso competiu por alimento con outros grandes depredadores como o oso cavernario.

Evitan o contacto con humanos sempre que poden, pois, a pesar das obvias vantaxes físicas, non os ven como presas. Moitos ataques a humanos resultan dun encontro próximo accidental no que unha persoa sorprende a curta distancia un oso que non vira. Nestes casos, o animal tanto pode magoar a persoa como non facerlle ningún dano.

Por exemplo, o 6 de outubro de 2003 produciuse unha traxedia cando un oso atacou o ecoloxista Timothy Treadwell e á súa parella Amie Huguenard. No documental Grizzly Man, o director alemán Werner Herzog trazou unha descrición da relación de Treadwell cos osos, baseándose no extenso material audiovisual que foi autorizado a consultar.

En 2011 produciuse en Yellowstone a morte dun excursionista que puido toparse cunha osa e as súas crías, o que parece ser a orixe do ataque mortal, algo que non acontecía desde 1986.[4]

A interacción entre osos e humanos levou á creación dos chamados «osos problema», osos que se afixeron á presenza humana. A pesar do uso de condicionamento aversivo, como o uso de balas de goma, químicos ou dispositivos sonoros para que o oso asocie estas molestias coa presenza humana, aínda que se un oso xa foi condicionado positivamente para asociar os seres humanos co alimento, calquera intento de afastar ou disuadir o oso de que se achegue a eles será máis difícil.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. [(https://diccionario.reverso.net/ingles-espanol/grizzly). Consultado o 31 marzo 2020. "Tradución palabra grizzly ó español"] |url= incorrecto (Axuda). 
  2. [(https://diccionario.reverso.net/ingles-espanol/grisly). Consultado o 31 marzo 2020. "Tradución palabra grisly ó español"] |url= incorrecto (Axuda). 
  3. [Wright, William Henry (1909). The Grizzly Bear: The Narrative of a Hunter-naturalist, Historical, Scientific and Adventurous (https://archive.org/details/grizzlybearnarr01wriggoog). C. Scribner's sons. Páx. 28. Consultado o 31 marzo 2020. "Naked Bear"] |url= incorrecto (Axuda). 
  4. «Un oso mata a un hombre en Yellowstone». ABC. 7 de xullo de 2011.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]