Usman dan Fodio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Osman Dan Fodio")
Usman dan Fodio
Data de nacemento 15 de decembro de 1754
Lugar de nacemento Gobir
Data de falecemento 1817
Lugar de falecemento Sokoto
Nacionalidade Califado de Sokoto
Ocupación escritor e filósofo
Fillos Abu Bakr Atiku
editar datos en Wikidata ]

Usman dan Fodio, nado arredor de 1754 en Maratta (actual Nixeria) e finado en Sokoto en 1817, foi un líder relixioso e político da etnia peul que creou un Estado en África occidental, en territorios do que hoxe é Nixeria e Chad, no curso do río Níxer.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Dan Fodio na etnia hausa dos peul. Desde novo colleu sona polo seu coñecemento da relixión islámica e pola súa vida exemplar consonte os principios da mesma. Predicou no medio do seu pobo, conseguindo un gran número de adeptos e simpatizantes, que formaron un numeroso séquito ao seu arredor, parte deles estudosos da lei musulmá (talibán, plural de talib "estudoso da lei relixiosa"). Este labor chamou a atención do soberano do Estado haussa de Gobir, Yunfa, que a considera perigosa, tentando asasinalo en 1802. Dan Fodio, en resposta aos ataques, declara a guerra santa ou jihad en 1804.

Á cabeza dos seus seguidores, derrota os haussas e destrúe Gobir en 1808, sometendo diversos territorios próximos, até alcanzar o norte do actual Camerún. Proclámase entón emir dos crentes (amir al-muminin). En 1810, nunha nova campaña, somete ao Estado de Liptako, no Alto Níxer, mais fracasa no intento de ataque (1808-1810) no leste sobre o antigo sultanato de Bornú (beiras do lago Chad): as súas tropas son vencidas por Mohamed El-Kanemi, valido do sultán.

Estabelece a súa capital en Sokoto, onde reside. Designou a un letrado islámico, Adama, para que espallase a súa reforma cara a rexión do río Benué, no sueste da actual Nixeria. Adama fundará aí un Estado que tomará do fundador o nome de Adamaua.

No mesmo ano da súa morte, Dan Fodio designa como sheik a outro líder relixioso: Amadú Sekú (1775-1844), que dirixía a expansión dos peúis da cabeceira do río Níxer, na rexión de Macina.

En conxunto, o imán estabeleceu o seu dominio directo sobre un extenso territorio, dun medio millón de km2, que ocupaba a maior parte da conca media do río Níxer, onde foron impostos os principios islámicos. Á morte de Dan Fodio, en 1817 en Sokoto, o seu Estado ficou dividido entre seu irmán, Abdulahi, que gobernou a parte oeste, e o seu fillo, Mohamed Bello, que recibe a oriental, mais o primeiro recoñecía a primacía do segundo. Ambos foran os verdadeiros xefes militares das campañas do imán, cuxo papel era máis ben relixioso.