Os Devesos, Ortigueira
| Os Devesos | |
|---|---|
Igrexa de San Sebastián dos Devesos. | |
| Concello | Ortigueira[1] |
| Provincia | A Coruña |
| Coordenadas | 43°37′47″N 7°48′52″O / 43.6296, -7.8144 |
| Área | 27,87 km² |
| Poboación | 112 hab. (2013) |
| Densidade | 4,02 hab./km² |
| Entidades de poboación | 41[1] |
| [ editar datos en Wikidata ] | |
San Sebastián dos Devesos[2] é unha parroquia do concello de Ortigueira. Segundo o IGE en 2013 tiña 112 habitantes (62 mulleres e 50 homes) distribuídos en 41 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 225 habitantes.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Os Devesos está situada na parte occidental do concello, esténdese polo curso alto do río Baleo e pola aba occidental da serra da Faladoira. A parroquia linda ao norte coa parroquia de Couzadoiro polo alto do Couce Mosquento e coa dos Freires polo rego do Lombao; polo nordeste volve a lindar con Couzadoiro e os regatos de Santaballa e Biduído; polo leste os altos da Faladoira son linde co concello de Mañón; polo suroeste e polo sur linda coas parroquias das Neves e do Ermo, e polo oeste os altos de Folgoso sepárana da parroquia de Senra.
A estrada AC-101 (Ortigueira–As Pontes) atravesa a parroquia no seu lado oeste, de norte a sur, dende o quilómetro 5 até o quilómetro 9, polos lugares do Coto, O Camiño Grande, O Casón e Paufito.
Os ríos Baleo e Mera, os dous leitos máis importantes do concello, teñen nos cumios e nos vales profundos desta parroquia as súas primeiras fontes.
Patrimonio
[editar | editar a fonte]A igrexa parroquial de San Sebastián dos Devesos sitúase no lugar do Igrexario. É un templo antigo con planta de cruz latina do que se pode destacar un pouco usual pórtico lateral. A uns metros está o cemiterio e no seu camiño testando coa igrexa atópase a casa reitoral, do século XVII, actualmente restaurada e de uso particular.
Neste mesmo lugar do Igrexario e fronte ao templo érguese o edificio da Sociedade de Instrución e Recreo La Devesana, sufragado polos emigrantes en Cuba naturais desta parroquia e do Alto dos Freires, que no ano 1908 constituíran na Habana unha sociedade con este mesmo nome. Os seus fundadores, todos eles obreiros tabaqueiros, co obxecto de facilitar a instrución dos nenos e nenas da parroquia, promoveron a posta en marcha dunha escola laica,[3] que foi inaugurada en marzo de 1912, seguindo os postulados da Escuela Moderna do anarquista Francesc Ferrer i Guàrdia.
A escola foi pechada o 24 de marzo de 1924, durante a ditadura de Primo de Rivera, polo gobernador civil, o militar Pío López Pozas, alegando a súa relación con asociacións libertarias, pero fundamentalmente pola hostilidade que os seus principios suscitaran no cura párroco dos Devesos, José Antonio Orjales. Despois disto a Devesana reabriu as súas portas no curso 1930-1931, e foi novamente pechada trala sublevación franquista de 1936. O recinto sufriu diversos avatares e actualmente acolle o centro social da parroquia.
No lugar de Portas está a pequena ermida de Nosa Señora de Portas, moi concorrida en romaxe noutros tempos.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Capela de Nosa Señora de Portas.
- Inscrición na capela de Portas.
- Reitoral dos Devesos.
- Local social dos Devesos.
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares dos Devesos
[editar | editar a fonte]Parroquias de Ortigueira
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 DECRETO 27/2026, do 30 de marzo, polo que se aproba o Nomenclátor de Galicia.
- ↑ "Nomenclátor de Galicia 2026" (PDF). Real Academia Galega. Consultado o 2026-05-23.
- ↑ Luaces Pardo, Narciso (2015). "A Devesana, unha escola laica. Breve percorrido pola historia desta sociedade". Terras do Ortegal (2): 23–32.