Orquestra Filharmónica Coruñesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Orquestra Filharmónica Coruñesa
PaísGalicia Galicia
CidadeA Coruña
TeatroTeatro Rosalía de Castro
Anos de actividade1934-1947
Tipo de formaciónOrquestra filharmónica
FundadorSociedade Filharmónica da Coruña
Membros fundadoresAlberto Garaizábal Macazaga (director)
Circunstancias de creación
1934
Circunstancias de disolución
1947
Efectivo60 músicos

A Orquestra Filharmónica Coruñesa foi unha orquestra filharmónica da cidade da Coruña, vinculada á sociedade filharmónica da cidade herculina. Foi fundada en 1934 e desapareceu en 1947 logo de que o Concello da Coruña decidise crear a Banda-Orquestra Municipal. Ao longo da súa traxectoria estivo dirixida por Alberto Garaizábal Macazaga, acompañou a solistas notables e colaborou co conservatorio da cidade.

A súa actividade non se limitou á cidade da Coruña, tendo ofrecido concertos noutras cidades galegas, e o seu éxito fixo que outras sociedades filharmónicas creasen as súas propias orquestras.

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Anteriormente á creación da Orquestra Filharmónica Coruñesa existira na cidade herculina unha orquestra creada pola Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos en 1847,[1] e téñense novas da existencia dunha orquestra na década de 1820 no vello Teatro de Ópera da rúa da Franxa.[2]

Dende o seu nacemento en 1904, unha das principais preocupacións da Sociedade Filharmónica da Coruña foi a creación dunha orquestra. Este traballo foi realizado en varias etapas, chegando mesmo a crearse unha orquestra infantil dirixida por José Doncel. [3] Se ben a perda de documentación anterior ao ano 1936 dificulta a reconstrución da historia da sociedade coruñesa,[2] sábese que en 1916[a] constituiuse unha orquestra de cámara denominada "Agrupación de Instrumentos de Arco da Sociedade Filharmónica da Coruña" baixo a dirección de Canuto Berea Rodrigo, e que tres anos máis tarde pasaría a dirixir Doncel entre 1919 e 1920. A orquestra de cámara reapareceu en 1932 da man do arquitecto e compositor coruñés Eduardo Rodríguez-Losada, que non a chegou dirixir publicamente. O paso definitivo cara á conversión da orquestra de cámara na Orquestra Filharmónica Coruñesa produciuse en 1933 coa chegada de Alberto Garaizábal, que ampliou o número de instrumentistas ata os 34.[5][4]

A Orquestra Filharmónica Coruñesa[editar | editar a fonte]

Fachada do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, onde se presentou a Orquestra Filharmónica Coruñesa o 5 de abril de 1934.

A orquestra foi Fundada en 1934 a partir da "Agrupación de Instrumentos de Arco da Sociedade Filharmónica da Coruña".[5] Poden atoparse referencias previas ao debut da orquestra na prensa contemporánea, como na edición de El Correo Gallego do 17 de marzo de 1934, cando unha pequena nota da cidade da Coruña na que fala da programación da Sociedade Filharmónica sinala que "en abril darán concertos a Orquestra Filharmónica da Coruña e o Coro de Cosacos do Don".[6] A presentación da orquestra tivo lugar no Teatro Rosalía Castro da Coruña o 5 de abril de 1934 cun concerto dirixido polo seu director titular, o compositor e organista donostiarra Alberto Garaizábal, que xa estivera ao mando da "Agrupación de Instrumentos de Arco".[5] O programa co que se presentou incluía obras para cordas e para orquestra sinfónica, contando entre as obras que interpretou a Sétima Sinfonía de Ludwig van Beethoven, para o cal Eduardo Rodríguez-Losada adquirira uns timbais que a orquestra non posuía e realizou el mesmo a parte correspondente.[7]

O día 15 de febreiro de 1935 realizou o seu primeiro concerto xunto coa Coral Polifónica El Eco no Teatro Rosalía, e ese mesmo mes participou nunha homenaxe a Eduardo Pondal na que acompañou a Carmen Colina, que interpretou Maruxiña unha obra da compositora coruñesa Pilar Castillo sobre un texto de Pondal.[8]

Co estoupido da guerra civil española, a Orquestra Filharmónica Coruñesa foi tamén empregada como ferramenta propagandística do bando nacional que triunfara na Coruña, participando a agrupación en concertos a beneficio do exército, definidos na prensa da época como "festivais patrióticos".[9]

A nova orquestra contaba con 60 músicos e o seu éxito fixo que outras sociedades filharmónicas como a de Vigo crearan as súas propias orquestras.[5][10] A Filharmónica Coruñesa non limitaba a súa actividade á cidade da Coruña, tendo actuado en numerosas ocasións noutras cidades galegas como Ferrol, onde a orquestra realizou o seu primeiro concerto fora da cidade herculina pouco despois do seu debut nun Teatro Jofre ateigado de xente,[11][12] Lugo, Pontevedra, onde en 1935 encheu o Teatro Principal tocando un programa en tres partes,[13][5][14] ou Santiago de Compostela, onde se poden atopar na prensa contemporánea comentarios sobre a calidade da agrupación, como na crítica ao concerto que ofreceu o 26 de xullo de 1941 xunto a un coro da capital galega, na que salientaba a limpeza das pasaxes a pesar de posibles "deficiencias técnicas", e sinala que a orquestra integrada maioritariamente por "elementos amateur".[15]

Entre as actividades que realizou salientan a súa colaboración con centrais sindicais para conseguir que a cidadanía sentira a orquestra como algo propio.[16][17] Tamén salientou polos seus concertos matinais para o alumnado de centros de formación.[18] E realizou concertos especiais como o celebrado na igrexa de San Nicolao con motivo do día de Santa Icía, e no que a orquestra tocou unha misa cantada.[19]

Desaparición[editar | editar a fonte]

Durante a guerra civil a orquestra mantivo a súa actividade,[5] con todo, a partir de 1943 a actividade da orquestra foi reducíndose polo deterioración do estado de saúde de Garaizábal, entre outros motivos.[10] Finalmente a orquestra desapareceu en 1947, cando o Concello da Coruña decidiu crear unha Banda-Orquestra Municipal que, aínda que garantía salarios para os músicos de vento e percusión, non o facía cos de corda.[13]

Ao longo da súa historia participou en concertos con diversas agrupacións corais afeccionadas e co alumnado do Conservatorio.[10]

Repertorio[editar | editar a fonte]

O repertorio da Orquestra Filharmónica Coruñesa incluía obras de todas as épocas, e inclúen obras barrocas de compositores como Johann Sebastian Bach, Arcangelo Corelli, Georg Friedrich Händel ou Antonio Vivaldi, clásicos como Ludwig van Beethoven, Wolfgang Amadeus Mozart ou Joseph Haydn, ou románticos como Johannes Brahms, Felix Mendelssohn, Robert Schumann, Carl Maria von Weber ou Richard Wagner, así como contemporáneos como Jean Sibelius. Tamén interpretaba música de compositores españois como Isaac Albéniz, Tomás Bretón, Ruperto Chapí, Manuel de Falla ou Enrique Granados entre outros.[20][21]

Ademais do repertorio canónico a orquestra coruñesa puxo interese en estrear novas obras como a impresión sinfónica de Eduardo Rodríguez-Losada Los Caneiros, que se estreou no Teatro Rosalía o 24 de febreiro de 1937.[21]

O 22 de xuño de 1939 a orquestra incluíu por primeira vez un espectáculo con música popular na súa segunda parte coa presenza de «Cantigas da terra» e «Toxos e frores». Segundo parece este tipo de repertorio non agradaba a Garaizábal, e segundo Carreira, a participación de corais afeccionadas "aparece condicionada á interpretación de obras do gran repertorio internacional e non se interpretan pezas populistas neses concertos".[13]

A orquestra coruñesa tocou acompañando a diversos solistas salientables como o violinista coruñés Horacio Rodriguez Nache, o tamén violinista asturiano Marino de Villalaín, José Béjar Gómez.[22][23][21] ou a pianista Pilar Cruz.[24]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mercedes Goicoa sinala como data de fundación o mes de xaneiro de 1917.[4]
Referencias
  1. Crisanto Gándara, Xosé (17 de maio de 2013). "La primera orquesta sinfónica de Galicia" (en castelán). mundoclasico.com. Consultado o 23 de abril de 2020. 
  2. 2,0 2,1 Carreira 1985, p. 215.
  3. Carreira 1985, p. 2015.
  4. 4,0 4,1 Goicoa 1988, p. 91.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 "Historia" (en castelán). Sociedade Filharmónica da Coruña. Consultado o 22 de abril de 2020. 
  6. "La Filarmónica". El Correo Gallego  (en castelán). 17 de marzo de 1934. p. 1. 
  7. Carreira 1985, p. 217.
  8. "CORUÑA". El Pueblo Gallego (en castelán). 8 de febreiro de 1935. 
  9. "FUNCIÓN A BENEFICIO DEL EJÉRCITO". El Pueblo Gallego (en castelán). 8 de outubro de 1936. 
  10. 10,0 10,1 10,2 Carreira 1985, p. 218.
  11. "El concierto de la Filarmónica coruñesa". El Correo Gallego (en castelán). 3 de maio de 1934. 
  12. "El Concierto de la Orquesta Filarmónica coruñesa". El Correo Gallego (en castelán). 4 de maio de 1934. 
  13. 13,0 13,1 13,2 Carreira 1985, p. 219.
  14. "La Orquesta Filarmónica coruñesa". El País (en castelán). 8 de xuño de 1935. 
  15. "Exposición Regional de Bellas Artes". El Compostelano (en castelán). 28 de xullo de 1941. p. 1. 
  16. Carreira 1985, p. 220.
  17. "LA ORQUESTA FILARMÓNICA CORUÑESA". El Pueblo Gallego (en castelán). 18 de maio de 1934. 
  18. "FESTIVALES DE LA "FILARMÓNICA2". El Correo Gallego (en castelán). 15 de xaneiro de 1942. 
  19. "SANTA CECILIA". El Correo Gallego (en castelán). 22 de novembro de 1944. 
  20. Carreira 1985, p. 218-219.
  21. 21,0 21,1 21,2 Goicoa 1988, p. 92.
  22. Padín, Ángel (14 de maio de 2004). "Horacio Nache". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 3 de maio de 2020. 
  23. Baragaño, Ramón (14 de agosto de 2010). "José Villalaín, médico y escritor". El Comercio (en castelán). Consultado o 3 de maio de 2020. 
  24. "FESTIVALES ARTÍSTICOS". El Correo Gallego (en castelán). 22 de maio de 1942. Consultado o 4 de maio de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]