Orde dos Cartuxos
A Orde dos Cartuxos (en latín: Ordo Cartusiensis, abreviado O.Cart), é unha orde monástica da Igrexa católica. Foi fundada por Bruno de Colonia en 1084 e inclúe ramas para os dous xéneros. A orde réxese por unha regra de seu, chamada os Estatutos, cuxos preceptos combinan elementos das tradicións monásticas eremíticas e cenobíticas. O lema dos cartuxos é, en latín "Stat crux dum volvitur orbis", que se pode traducir ao galego como "A Cruz permanece mentres o mundo xira".[1]
O nome dos cartuxos procede das montañas de Chartreuse, un macizo prealpino. Nun val desas montañas, Bruno de Colonia construíu a súa primeira comunidade no século XI. En 2021, había 21 mosteiros, 16 para monxes e 5 para monxas. O nome "cartuxa" designa os mosteiros desta orde así como a propia orde.[2] En Italia os cartuxos tamén son chamados certosi, e o seu monasterio como unha certosa.[3] Ademais, a denominación francesa Chartreuse tamén designa a un licor producido dende 1737 por membros da Grande Cartuxa, o primeiro mosteiro da orde.
Historia
[editar | editar a fonte]En 1084 o bispo Hugo de Grenoble ofreceu a Bruno de Colonia, antigo chanceler da Diocese de Reims, un lugar solitario nas montañas da súa diocese, no val de Chartreuse.[4] Bruno e seis compañeiros ergueron un refuxio que consistía nunhas cabanas de madeira abertas a unha galería que lles daba acceso ás zonas comúns (igrexa, refectorio, sala capitular), mais protexidos das condicións climáticas. Seis anos máis tarde, un antigo seguidor de Bruno, o papa Urbano II, requiriu os seus servizos. Logo de pasar uns meses en Roma, estableceu unha nova comunidade nos bosques de Calabria, canda uns poucos seguidores. Morreu alí en 6 outubro 1101.[4]
En 1132, un alude destruíu o primeiro eremitorio, sepultando sete monxes baixo a neve. O quinto prior da Cartuxa, Guigo, reconstruíu a ermida onde hoxe está a Grande Cartuxa, casa nai da orde.[4] Guigo, coñecedor da tarefa de Bernaldo de Claraval, tamén escribiu a primeira regra, chamada "Consuetudines" ("Costumes") cara ao ano 1127.[5] Os cartuxos celebraron o seu primeiro capítulo xeral en 1140, baixo a dirección do prior Antelmo de Belley.[6] Foi tamén baixo a dirección de Antelmo cando se produciu a incorporación de mulleres á orde: en 1145 a comunidade de relixiosas de Prébayon na Provenza adoptaron a regra cartuxa.[7] A orde foi aprobada polo papa Alexandre III en 1176 e Inocencio III en 1205.
A Cartuxa coñeceu unha importante difusión, pasando de 56 mosteiros a mediados do século XIII a 206 na primeira metade do século XVI.[5] A Reforma protestante supuxo unha importante mingua para a orde: en Inglaterra e Centroeuropa moitas das casas foron disoltas e algúns dos seus membros resultaron mortos. No século XVIII, o xosefinismo provocou o peche dos mosteiros en Austria, a actual Bélxica e Lombardía, e a Revolución Francesa a exclaustración das casas de Francia.
O mosteiro: a cartuxa
[editar | editar a fonte]O mosteiro acolle unha comunidade pequena de eremitas baseada no modelo do século IV pensado por Lauras de Palestina. A cartuxa consiste nun número de celas individuais arredor dun claustro, abríndose a porta de cada cuarto ao gran corredor que rodea o patio. Os membros da orde denominan a súa cartuxa, "ermo" ou "deserto".[8]
A vida do cartuxo céntrase na contemplación. Deste xeito, practican un ascetismo que pon especial énfase no silencio e na soidade.[9][10] A diferenza da maioría das ordes, nos mosteiros cartuxos non hai abades, senón que están baixo a autoridade dun prior. O hábito dos cartuxos é branco, razón pola cal son chamados os "monxes brancos". A maior parte do día viven illados na súa cela e o prior é o nexo co exterior, el é quen informa, no caso de entendelo necesario, dos acontecementos que pasan fóra do mosteiro.
Dentro da cartuxa conviven dous tipos de monxes: os monxes do claustro, é dicir os eremitas, mais os irmáns (monxes conversos ou doados).[11] Esta división é para satisfacer as necesidades materiais do mosteiro. Tradicionalmente a repartición das comunidades era sete ou oito irmáns leigos por cada dez monxes do claustro.[12]
Práctica musical
[editar | editar a fonte]A insistencia na humildade e a austeridade levou a rexeitar o emprego de calquera instrumento musical no canto dos cartuxos, o que resulta semellante ás prácticas das igrexas ortodoxas orientais.[13]
Monxes do claustro
[editar | editar a fonte]O monxe do claustro é o cartuxo que é sacerdote ou está destinado a selo. Estes viven nunha soidade máis estrita, saíndo da cela só tres veces ao día para participar na liturxia: matinas seguidas de laudes, a misa conventual e vésperas. A cela está dividida en tres partes, un ástrago chamado "avemaría" pois cada vez que entra debe rezar esta oración, que abre a unha sala que lle serve de obradoiro para traballo manual, e un oratorio, onde ten a cama e a mesa.[14] O mobiliario é escaso: unha cama, mesa para xantar e estudar e un reclinatorio. Tamén ten acceso a un xardín onde pode meditar, plantar flores ou hortalizas, e facer exercicio. Xunto á porta de entrada hai unha pequena fiestra mediante a que se deixa a comida.
O monxe come na súa cela e permanece nela a maior parte do día, en silencio. Os domingos os cartuxos xantan xuntos no refectorio malia a que en silencio. Logo teñen un momento de recreo xuntos. O primeiro día da semana adoitan dar un longo paseo, de varias horas, nos que están permitidas as conversas.[8]
Irmáns
[editar | editar a fonte]Nas comunidades cartuxas os monxes que non son sacerdotes son chamados irmáns. Estes traballan fóra das celas para manter a supervivencia do mosteiro, encargándose tamén dos servizos comúns. Inda que pasan parte do día fóra, tamén é importante o tempo que pasan dentro da cela orando, e cando é posible traballan en silencio.
Diferénciase entre os monxes conversos, aqueles que sen ser sacerdotes toman os mesmos votos que os monxes do claustro; e os monxes doados, aqueles que se comprometen a vivir na cartuxa sen xurar os votos da orde. Os monxes doados, malia a non recorrer a el na súa vida dentro da cartuxa, manteñen o seu patrimonio, e teñen menores obrigacións no relativo ás observancias relixiosas.
Dieta
[editar | editar a fonte]Como outras ordes, a regra dos cartuxos regula a dieta dos seus membros. Teñen a obriga de facer unha abstinencia total de carne. Segundo a tradición cartuxa, esta decisión remóntase a 1084 cando na cartuxa orixinal, con San Bruno, discutían se endurecer a súa vida prohibindo a inxesta de carne. Entón, tivo lugar un milagre e a carne quedou convertida en cinza, sendo interpretado como un sinal de rexeitaren este alimento.
Alén disto non teñen ningún tipo de alimento prohibido, aínda que si que practican xaxúns. Deste xeito, en Advento e Coresma, non inxiren alimentos derivados do leite. Os venres, como lembranza da Paixón, só comen auga, pan e sal.
Os monxes de claustro non almorzan ningún día, a diferenza dos irmáns que poden facelo. Aínda que non fan un acto de cea, si poden inxerir unha cea lixeira ou tomar pan e beber entre as vésperas e as completas.
Liturxia
[editar | editar a fonte]Os cartuxos manteñen un rito litúrxico propio que se corresponde, basicamente, co que se practicaba na rexión de Grenoble no século XII. Antes do Concilio de Trento no século XVI, a Igrexa católica en Europa Occidental tivo unha variedade moi ampla de rituais para a celebración de misas. A pesar de que esencialmente eran iguais, había variacións nas oracións e prácticas entre as diferentes rexións e tamén entre as ordes relixiosas.
O papa Pío V, aínda que fixo obrigatorio o Misal Romano, permitiu manter os ritos que tivesen unha antigüidade de polo menos dous séculos. Isto autorizou os cartuxos a manter o seu rito, que revisado en 1981, se mantén ata a actualidade.
Unha característica única da tradición das monxas cartuxas é que o bispo lles outorga unha estola ou un manípulo na súa cerimonia de profesión. Ademais, a monxa é coroada e recibe un anel. Estes galanos só son amosados de novo no seu xubileu monástico e no seu velorio. Tamén, nas cartuxas femininas, se nas matinas non está presente un sacerdote ou diácono, unha monxa pon a estola e le os Evanxeos.
Formación
[editar | editar a fonte]A orde mantén unha observancia moi fiel á regra orixinal. Para poder ingresar nela cómpre ter entre 21 e 45 anos. A orde pide agora informes médicos sobre o estado de saúde dos novizos e antes de facer a profesión.[15]
O postulado nunha cartuxa prolóngase por un tempo de entre os 3 e os 12 meses durante os que o interesado vive como un monxe mais sen tomar os votos. Logo comezan dous anos de noviciado, o novizo leva unha capa negra sobre o hábito branco da orde. Posteriormente, o novizo toma provisionalmente os votos por tres anos, que poden ser renovados por outros dous. Unha vez rematado este período, ten lugar a profesión solemne.[15]
Localizacións das cartuxas
[editar | editar a fonte]A Grande Chartreuse é o mosteiro principal da orde e atópase en Saint Pierre de Chartreuse, departamento de Isère. É a primeira cartuxa e casa nai da orde, fundada en 1084. Os monxes debérona abandonar en 1792, máis regresaron a ela en 1816, para logo volvela abandonar, por orde do goberno en 1903. Foi reocupada en 1940. Foi declarada monumento histórico en 1912. Nela hai un museo sobre a historia dos cartuxos e elabórase o licor chartreuse. Non se pode visitar o interior do mosteiro, aínda que o documental Die große Stille de 2005, mostrou a vida da comunidade desta cartuxa.
Actualmente hai 21 mosteiros con comunidades activas, das que 16 son masculinas e 5 son femininas. Francia é o país con máis casas cun total de 5 máis unha casa de retiro, seguida de España con 4, Italia con 3, Corea do Sur con dúas, e Alemaña, a Arxentina, o Brasil, Eslovenia, os Estados Unidos, o Reino Unido e Suíza con cadansúa cartuxa. A rama masculina sumaba 278 membros en 2020, dos que 144 eran tamén sacerdotes.[16]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Renault, Marion (2020-12-17). "An Elixir From the French Alps, Frozen in Time". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2021-11-09.
- ↑ "Dicionario: cartuxa". Real Academia Galega. Consultado o 2021-11-08.
- ↑ "certosa: definizioni, etimologia e citazioni nel Vocabolario Treccani". www.treccani.it. Consultado o 2021-11-09.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "El origen". www.chartreux.org. Arquivado dende o orixinal o 28 de novembro de 2021. Consultado o 2021-11-09.
- ↑ 5,0 5,1 "Historia - Orígenes". Cartuja de Miraflores (en castelán). Consultado o 2021-11-09.
- ↑ "El origen". www.chartreux.org. Arquivado dende o orixinal o 28 de novembro de 2021. Consultado o 2021-11-09.
- ↑ "Las monjas cartujas". www.chartreux.org. Arquivado dende o orixinal o 28 de novembro de 2021. Consultado o 2021-11-09.
- ↑ 8,0 8,1 "El camino cartujano". www.chartreux.org. Arquivado dende o orixinal o 28 de novembro de 2021. Consultado o 2021-11-09.
- ↑ "Charterhouse of the Transfiguration". transfiguration.chartreux.org. Arquivado dende o orixinal o 06 de decembro de 2021. Consultado o 2021-11-09.
- ↑ McNary-Zak, Bernadette.
- ↑ McNary-Zak, Bernadette (2014-06-02). Seeking in Solitude: A Study of Select Forms of Eremitic Life and Practice (en inglés). Wipf and Stock Publishers. ISBN 978-1-60608-969-9.
- ↑ "Encantado de ser cartujo" (PDF). Vocation Chartreux.
- ↑ "Carthusians" (PDF). cartusiana.org. March 12, 2015. Consultado o 22 de decembro de 2020.
- ↑ "Forma de Vida". Cartuja de Miraflores (en castelán). Consultado o 2021-11-09.
- ↑ 15,0 15,1 vocatiochartreux (2011-08-04). "Encantado de ser cartujo". www.vocatiochartreux.org (en castelán). Consultado o 2021-11-09.
- ↑ "Carthusian Order (Institute of Consecrated Life - Men) [Catholic-Hierarchy]". www.catholic-hierarchy.org. Consultado o 2021-12-19.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Orde dos Cartuxos |